Entre os proxectos que realizamos actualmente, destacaremos os seguintes:
- Recuperación dos fondos documentais da emigración galega:
O AEG está recompilando en diversos formatos a documentación que se conserva nas sociedades de emigrantes galegos co fin de facilitar aos investigadores e interesados o acceso a estes fondos documentais. Actualmente, e en colaboración coa Consellaría de Emigración, este proxecto está centrado na microfilmación e dixitalización dos fondos das sociedades de Cuba, Arxentina e Uruguai.
- Base bibliográfica da emigración galega
O obxectivo é realizar unha compilación de toda a produción científica publicada sobre a emigración galega até a actualidade para ofrecer aos investigadores un amplo catálogo de obras sobre esta temática, que recolla os datos bibliográficos das monografías, artigos de revistas, obras colectivas, etc.; descritores temáticos, cronolóxicos e xeográficos; e un breve resumo. No ano 1997 publicouse, en formato CD, unha primeira edición da base que se actualiza permanentemente.
- Repertorio de prensa galega da emigración
A finalidade deste proxecto é a recompilación dos diferentes medios xornalísticos publicados ou dirixidos á colectividade galega emigrada. Unha primeira edición deste repertorio foi editada no ano 1998 polo Consello da Cultura Galega e agora preténdese actualizar.
- Asociacionismo galego na historia
Esta iniciativa ten como finalidade a elaboración dunha base de datos que conteña información sobre a creación, funcionamento, directivas, actividades, etc. das sociedades de emigrantes galegos que existen no mundo, desde a fundación das primeiras organizacións da colectividade emigrante até a actualidade.
- Arquitectura escolar dos emigrantes en Galicia
Este proxecto intenta catalogar todas as construcións escolares financiadas pola colectividade galega na diáspora, primando alén diso a recompilación da documentación sobre a creación e funcionamento destas escolas. Unha primeira fase deste proxecto, que se ampliará ao resto de Galicia, está centrada na provincia de Pontevedra.
- O exilio galego
Para recuperar a memoria histórica dos exiliados galegos, o AEG está elaborando un repertorio biobibliográfico do exilio galego. No ano 2001 xa se publicou en formato CD unha obra que baixo o mesmo título pretendía ser unha primeira achega a esta temática. Neste senso estase a colaborar cun grupo de investigación da USC para o estudo específico do exilio en México.
- A emigración e a cultura popular
Neste proxecto preténdese recoller a produción literaria, musical e doutras formas culturais que se dan na emigración ou que están condicionadas por esta. Este proxecto, en fase inicial, realiza un baleirado exhaustivo das noticias, propagandas, etc. das publicacións editadas polas sociedades de emigrantes, ademais de recuperar obras literarias, produción cinematográfica, música popular etc. relacionadas coa emigración. Este traballo compleméntase co da profesora arxentina María Rosa Lojo sobre o imaxinario sociocultural da emigración galega en Arxentina.


