A biblioteca está estruturada en varios bloques temáticos co fin de facilitar aos investigadores e demais visitantes interesados nesta temática o acceso á información:
- Referencia: inclúe dicionarios, catálogos, bibliografías e obras monográficas sobre historia, socioloxía, antropoloxía, economía, etc.
- Demografía: agrupa manuais relativos á xeografía humana e estudos sobre a poboación e os movementos demográficos.
- Emigración: constitúe a parte fundamental da colección e comprende monografías específicas sobre os movementos migratorios. Está dividida en diferentes apartados segundo a singularidade xeográfica das migracións: América Latina, América do Norte, Europa, Oceanía, España e Galicia.
- Exilio: está composta por todo tipo de obras que estudan a problemática dos emigrados políticos desde unha perspectiva individual ou colectiva.
- Inmigración: agrupa, primordialmente, informes e estudos da inmigración en Europa e España, o multiculturalismo e estudos de lexislación sobre esta temática.
- Literatura: recompila os estudos e obras literarias referidas, directa ou indirectamente, ao mundo da emigración, exilio e inmigración.
No fondo de publicacións periódicas inclúense revistas científicas de carácter nacional e internacional que abordan o estudo dos procesos migratorios, a demografía, o multiculturalismo, a historia, etc.


