PAXINA

----

Fondos Orais

Co obxectivo de recuperar a voz dos protagonistas, o Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega asinou un convenio de colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) para a recuperación da memoria histórica e cultural de Galicia, a través da reprodución dos fondos procedentes do Proxecto Historga.

Este proxecto conserva unha colección de fontes orais resultado do esforzo conxunto de profesores e alumnos da Faculdade de Xeografía e Historia da USC coa colaboración de investigadores individuais e doutras institucións académicas, constituíndose nunha plataforma de recompilación de entrevistas sobre os máis diversos temas, así como de conservación e difusión de coleccións xa creadas.

Hoxe en día comprende unha colección de máis de 1.500 entrevistas, entre as que cabe destacar un importante fondo dedicado aos movementos migratorios da Galicia do último século, que recolle as experiencias dos nosos emigrantes en América e Europa e as migracións interiores, sen esquecer o novo e cada vez máis importante fluxo de inmigrantes cara a Galicia.

Actualmente, o Arquivo da Emigración Galega realiza tarefas de reprodución, catalogación para posíbeis buscas avanzadas e conservación das gravacións dixitalizadas, co fin de pór a disposición de científicos sociais, investigadores e académicos este patrimonio documental.