PAXINA

----

Obxectivos do AEG

O Arquivo da Emigración Galega xorde como un programa promovido pola Sección de Cultura Galega no Exterior, configurándose desde o ano 1992 como un lugar de encontro, centro documental e de información para os investigadores interesados no estudo do fenómeno migratorio.

Obxectivos xerais:


  • Conservar a memoria viva da emigración galega a través da recuperación do seu patrimonio cultural.
  • Constituírse como un centro de documentación, investigación e difusión referencial que amplía e mantén as súas distintas modalidades de acceso e disposición de materiais de interese para os investigadores.
  • Difundir e promover estudos e investigacións de carácter científico que servan para un mellor coñecemento dos distintos aspectos relacionados co fenómeno da nosa emigración.
Obxectivos específicos:

  • Pór a disposición dos investigadores os fondos da biblioteca, especializada en movementos migratorios de carácter rexional, nacional e internacional.
  • Recuperar e pór a disposición dos investigadores os fondos arquivísticos, gráficos e documentais, conservados moitos deles mediante a microfilmación e dixitalización, para facilitar a súa consulta por parte dos interesados.
  • Difundir os resultados de estudos realizados sobre o fenómeno migratorio a través da publicación da revista Estudios Migratorios, así como doutras obras de interese científico.
  • Organizar actividades como exposicións, congresos ou xornadas, co fin de crear un espazo de diálogo produtivo reunindo a investigadores e persoas interesadas polo estudo do fenómeno migratorio dende unha perspectiva interdisciplinar.
  • Estabelecer una relación fluída de intercambio con centros de documentación e investigación, tanto no ámbito nacional como internacional.
  • Proporcionar información a outras institucións sobre a emigración galega.