NOTICIA

----

O Encontro “Conexöes IV. A literatura brasileira hoxe. Diálogos Galicia-Brasil” subliña a necesidade dunha maior cooperación aproveitando os camiños da lingua

O Encontro “Conexôes IV. A literatura brasileira hoxe. Diálogos Galiza-Brasil”, o primeiro que se desenvolve en Europa, subliñou a necesidade dun maior coñecemento, de “deixar de vivirmos de costas” e dunha meirande cooperación entre dous espazos con tantos puntos de contacto, nomeadamente nos camiños da lingua. Organizado polo Consello da Cultura Galega (CCG) e Itaú Cultural (Brasil), o Encontro pretende establecer un diálogo entre escritores brasileiros e expertos brasilianistas sobre as dinámicas actuais da literatura brasileira e contrastar esa situación con escritores, críticos, editores, docentes e tradutores galegos. As sesións, que finalizarán mañá día 19, poden seguirse en directo, a través da canle de difusión de eventos do CCG, na súa web: www.consellodacultura.org

Os traballos, iniciados na tarde do pasado luns, continuaron hoxe, en sesións de mañá e tarde, con mesas redondas sobre o tema "Descubrindo o Brasil. As pesquisas sobre literatura brasileira e as súas ligazóns con outras disciplinas no ámbito do "brasilianismo" (Leonardo Tonus, Carlos Paulo Martínez Pereiro, Elena Losada, Florencia Garramuño e Darlene Sadlier), un primeiro encontro de escritores galegos (Iolanda Zúñiga, e Suso de Toro) e brasileiros (Felipe Lindoso, Marçal Aquino e Luiz Ruffato) e un panel dedicado a reflexionar sobre "A mediación cultural como diálogo" (Márcio Souza, Marco Luchessi, Joâo Almino, Antonio Maura e Manuel Bragado, director de Edicións Xerais).

Finalmente a libraría Couceiro acolleu a presentación do libro "O conto brasileiro contemporáneo", editado por Laiovento e organizado por Carmen Villarino e Luiz Ruffato.

MÉRCORES, 19

O Encontro "Conexôes IV" finalizará mañán, día 19, con duas mesas redondas pola mañá sobre "As vertentes do ensino de literatura brasileira" (Carlos Paulo Martínez Pereiro, Pedro Serra, Leonardo Tonus, Florencia Garramuño e Darlene Sadlier) e "Espazos para a literatura brasileira actual" (Luiz Ruffato, Marçal Aquino, Cintia Moscovich, Anxo Quintela e Elías Torres) e co segundo "Diálogo de escritores brasileiros (Márcio Souza e Cintia Moscovich) e galegos (Xavier Queipo e Victor Fernández Freixanes)" a partir das 16 horas.

Por último, ás 20 horas no Centro Galega de Arte Contemporánea (CGAC) Xavier Queipo presentará o seu libro "Extramunde".

Coordinan o encontro Carmen Villarino (Universidade de Santiago de Compostela), Claudiney Ferreira e Felipe Lindoso (Itaú Cultural).

Con Itaú Cultural e o Consello da Cultura Galega colaboran nesta iniciativa a Universidade de Santiago de Compostela, a Cátedra Unesco de Cultura Luso-Brasileira, a Embaixada do Brasil en Madrid e a Fundación Cultural Hispano-Brasileira.