----

O Consello da Cultura Galega continuará en 2012 a súa acción exterior con atención especial ao Brasil e a Valentín Paz Andrade

O Consello da Cultura Galega continuará en 2012 as súas estratexias de acción exterior, nomeadamente no Brasil, coa exposición Valentín Paz Andrade, unha antena galega no Brasil. Proseguirá tamén, nun marco de importantes restriccións orzamentarias, as funcións de alta asesoría en materia cultural, os traballos de recuperación patrimonial e a realización de informes e debates que tendan pontes entre o sector cultural e a sociedade galega. O Plenario da institución, que preside Ramón Villares, aprobou o Plan de actividades e os orzamentos para o exercicio do 2012.

A proxección exterior da cultura galega, unha liña de traballo activada especialmente polo Consello da Cultura Galega nos últimos anos, terá no 2012 unha particular proxección no Brasil da man da obra de Valentín Paz Andrade (1898-1987), a quen está dedicado o Día das Letras Galegas. O prolífico autor de Galicia como tarea ou A galecidade na obra de Guimaräes Rosa permitirá proseguir a vía brasileira. A acción exterior completaráse un ano máis con actividades relacionadas coa emigración e o exilio en colaboración cos Centros Galegos. O 50 aniversario da Historia de Galicia dirixida por Ramón Otero Pedrayo e a conmemoración do centenario do nacemento de de Celso Emilio Ferreiro (1912-1979), emigrante e autor, entre outras obras, de Viaxe ao país dos ananos, posibilitarán iniciativas en Arxentina ou Venezuela.

Polo demais, o Plenario do Consello da Cultura Galega deu o seu visto e prace a un amplo programa de actividades que inclúen a recuperación de fondos patrimoniais (arquivos de Radio Nacional de España e Radiotelevisión Española en Galicia) ou fondos e documentos de Valentìn Paz Andrade e do Consello de Galiza.

A realización de informes e asesorías complementarase con xornadas de reflexión e debates, seguindo as liñas marcadas pola Reflexión estratéxica sobre a cultura galega ou o Informe sobre as Fundacións Culturais de interese galego. Impulsaranse asemade exposicións como Asociacionismo cultural en Galicia (1961-1975) ou Luces de Alén mar e continuaráse o programa de publicacións, privilexiando a edición electrónica a través da web institucional www.consellodacultura.org e o portal cultural www.culturagaleg.org

O Consello da Cultura Galega é unha institución estatutaria, autónoma e independente creada por lei do Parlamento de Galicia en 1983 como órgano asesor e consultivo da Comunidade Autónoma, con capacidade de iniciativa, investigación e organización. Está composto por representantes de entidades e por personalidades destacadas dos diversos campos da cultura galega.