----

A biografía de Manuela Barreiro Pico, primeira licenciada da USC, no Álbum de Galicia

Foi a primeira alumna da Universidade de Santiago de Compostela (USC). A biografía de Manuela Barreiro Pico (Viveiro, 1877 - Madrid, 1953) está chea de pequenos fitos. Foi a primeira bacharel en Ciencias en Lugo, a primeira universitaria galega e a primeira licenciada en Farmacia en Galicia. A súa entrada, asinada por María Isabel Fernández García, acaba de incorporarse ao Álbum de Galicia.

Foi filla e neta de mestres, circunstancia que marcou a súa infancia, na que sobresaíu como gran lectora. Despuntou dende nova como boa alumna, o que a impulsou a cursar estudos superiores. Como a oposición á presenza das mulleres nas aulas universtarias era maioritaria, para ingresar na Universidade (en 1896) tivo que pedir permiso. Xunto co seu pai, cursou unha petición ao director xeral de Instrución Pública para obter o título e exercer a profesión ao rematar os estudos. A petición foi estimada: “se le autoriza la matrícula libre en cuanto que los catedráticos respondan del orden de las clases”. Foi o primeiro dunha serie de moitos permisos para poder ampliar os seus estudos. Así consta no seu expediente académico que garda as instancias de solicitude de admisión aos exames das materias correspondentes de cada curso. O 31 de agosto de 1898 solicitou permiso para os de Botánica Descritiva e Química Inorgánica, facendo constar que presentou testemuñas en convocatorias anteriores. “A utilización de testemuñas fainos intuír algún problema, como a necesidade de deixar constancia da calidade do exame ou do trato que recibe por ser muller. Obtivo moi boas notas e conseguiu o grao de licenciado o 25 de xuño de 1900, feito recollido no xornal compostelán Gaceta de Galicia (28/06/1900)” asegura a súa entrada no Álbum.

Tras rematar os seus estudos e sortear os trámites burocráticos e demais persmisos para poder exercer, trasladouse a Ribadeo onde abriu a “Farmacia Moderna”. Xubilouse aos 55 anos sen que se coñeza o motivo real de retirarse tan nova. Desde ese momento desprazouse a miúdo a Coruña coa súa irmá Emilia, que quedou viúva moi nova cun neno pequeno. Os tres viaxaron á Arxentina para visitar as propiedades que o cuñado e o sobriño, da familia dos indianos Moreno, tiñan naquelas terras. Continuaron vivindo entre Ribadeo e Mondoñedo ata que marchou a Madrid, onde faleceu o 29 de xaneiro de 1953.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do CCG, que desde o ano 2005 teñen publicado álbums ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.