----

O Álbum de Galicia incorpora as biografías do vello dos contos, Xosé Mosquera, e do mecenas Perfecto López

O Álbum de Galicia, a colección de biografías dixitais do Consello da Cultura Galega (CCG), acaba de incorporar dúas novas entradas. Unha delas é a de José Mosquera Pérez, coñecido por ser “O vello dos contos” a primeira estrela mediática de Galicia. Canda Joselín, popularizado polo vigués José Rodríguez de Vicente, creou unha escola galega de contadores de contos. Xunto con esta entrada achégase tamén a do emigrante e mecenas Perfecto López.

Son dúas as entradas que se incorporaron ao Álbum de Galicia na última semana. A primeira delas foi a de José Mosquera (Carballal, 1895- Santiago 1965), coñecido por ser “O vello dos contos”. Aser Álvarez asina a biografía da que destaca en primeiro lugar a súa paixón pola radio. Co apoio da Cámara de Comercio de Santiago e do concello compostelán promoveu que a radio chegase a Galicia. Foi o socio número dous da emisora compostelá, denominada co distintivo técnico de EAJ‐4, a decana da radio no noso país desde a que se promoveu a emisión de contidos galeguistas e progresistas. Di a entrada que “ademais das sesións de música galega e das conferencias de divulgación cultural e política, das que informa a prensa da época e a revista Nós, xa en 1933, tamén se programaron espazos de divulgación da cultura popular, emitíuse teatro do aire interpretado por un grupo de teatro radiofónico -do que recuperamos algunhas fotografías para esta entrada biográfica- e seccións de contos e refráns. Todos os xoves había unha sección infantil e xuvenil na emisora, da que “O vello dos contos” foi impulsor e elemento protagonista, seguindo a liña de animación cultural e didáctica que iniciaran as Irmandades da Fala para o adoutrinamento e culturización do pobo galego”.

Foi militante do Partido Galeguista ata que en 1936 o xunto con Manuel Beiras para fundar Dereita Galeguista. A eles os dous debémoslle a institucionalización da Misa de Rosalía de Castro, que se celebra cada 25 de xullo, dende 1932, na igrexa de San Domingos de Bonaval, a carón do Panteón de Galegos Ilustres. “Unha tradición que mesmo conseguiron manter viva durante a guerra civil e o franquismo” explica na súa entrada.

Xosé Mosquera tamén foi o promotor da compra da casa de Rosalía de Castro en Padrón; participou na fundación de Galaxia e foi membro correspondente da RAG en 1952. Tras varios meses enfermo, falece en Santiago de Compostela o 30 de decembro de 1965.

Perfecto López
A historia de Perfecto López (Vimianzo, 1904- Bos Aires, 1970) comeza como a de tantos outors emigrantes, que collen a súa maleta e se trasladan a Arxentina. Comezou trabalando na automoción, coa xestión de garaxes e talleres, que derivaría na creación dos concesionarios Perfecto López & Cía, un referente en Bos Aires. Co beneficio compras terras para explotacións gandeiras incrementa a súa abondosa fortuna. Coa mellora económica chega o progreso social e inicia a súa implicación política. Tralo estoupido da Guerra Civil supuxo o primeiro momento de implicación política de Perfecto ao fundar a Agrupación del Partido de Corcubión de Ayuda al Frente Popular en 1937. Ao ano seguinte intervén nas eleccións ao Centro Gallego, integrado na agrupación Unión Gallega, e formaría parte da súa directiva, como vogal representante, desde 1939 a 1941.

A chegada de Castelao a Bos Aires en 1940 tivo un significado especial. Foi un dos seus estreitos colaboradores, e formou parte do reducido grupo que sufragou os gastos da estancia dos Castelao (e despois da viúva Virxinia). Pero tamén de toda canta institución se fundou ao redor do galeguismo porteño nestes anos: os centros provinciais, a Irmandade Galega, o Consello de Galiza, etc., cos respectivos voceiros (Opinión Gallega, A Nosa Terra, Galeuzca...). Un camiño que continuaría en numerosas ocasións. En 1958 volve a Europa e non será unha viaxe máis, pois vai marcar un antes e un despois na Historia do Galeguismo. De primeiras, reúnese en París con César Alvajar, o representante alí do Consello de Galiza, e despois vai vir a Galicia. No mes de setembro ten lugar a famosa reunión da Rosaleda, na que a xente de Galaxia, cunha mise-en-scène artellada por Ramón Piñeiro, expuxo a súa estratexia de actuación que chocaba frontalmente coa idea do Consello de Galiza. As distintas visións políticas non impedían o entendemento cultural, e o propio Perfecto comprométese a financiar (e a buscar financiamento, con Xesús Canabal no Uruguai) a publicación da Revista Galega de Economía, que botara a andar ese 1958. Ao ano seguinte vai colaborar de novo con Seoane, neste caso na creación da audición radial do Centro Lucense.

Pouco a pouco foi abandonando a primeira liña de acción e pasou a colaborar tan só con proxectos editoriais como a revista Alén Mar, voceiro da AAHG, ou o novo xornal Correo de Galicia, publicacións que dirixía o seu fillo Perfecto.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do CCG, que desde o ano 2005 teñen publicado álbums ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.