NOTICIA

----

Unha xornada aborda o consumo sostible da moda e do transporte

A industria da moda é responsable do 10 % da contaminación global mundial. Produce entre catro e cinco billóns de toneladas de CO2, representa entre o 8% e o 10% da emisións globais e o seu consumo de auga é un dos máis importantes. A Comisión Europa abordou en 2020 un plan de acción para economía circular que ten unha estratexia específica para a industria téxtil. Neste contexto o Consello da Cultura Galega, a través da Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade, organiza mañá a xornada “Consumo e sostibilidade. Os desafíos do transporte e a industria da moda”, a primeira dunha serie de sesións encamiñadas a reflexionar sobre o gran reto do noso tempo, que é facer compatibles o consumo e a preservación ambiental. A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e as coordinadoras da cita, Iolanda Casal e María Loureiro, inauguran esta cita que se pode seguir en directo polo web e as redes sociais da institución.

A “Carta da industria da moda para o cambio climático” no marco da acción do cambio global do cambio climático da Organización de Nacións Unidas, marca algunhas metas alcanzables, o esforzo por conter o incremento da temperatura a 1,5 grados con respecto aos niveis preindustriais; a obtención do 100 % da electricidade a partir de fontes renovables para 2030, a obtención de materias primas respectuosas co medio ambiente e a eliminación progresiva do carbón da cadea de subministro para 2030, entre outros. Con este contexto a xornada arrinca cun relatorio a cargo de Miguel Pazos, profesor de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) que busca repensar a mobilidade nun contexto de crise: prácticas sustentables.

Despois a xornada analizará a situación da mobilidade con Antonio Lucio, profesor da EOI sobre mobilidade e estratexias urbanas, ex director da Fundación Movilidad do Concello de Madrid, que presenta un relatorio titulado “Mobilidade urbana sostible, veciñanza e territorio”.
De seguido, dous relatorios falarán do impacto da moda. Dunha banda Violeta Bouzada, profesora externa do Grao de Xestión Industrial da Moda da Universidade da Coruña, promotora de Oui Jane! e membro de Fento Moda Sustentable Galega; a da outra, Tatiana Suárez, directora corporativa de Talento e Cultura de Adolfo Domínguez, cun relatorio titulado “Adolfo Domínguez, moda de autor de dobre impacto”.

A Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade
A organización desta xornada insírese na liña de traballo da Sección de Ciencia, Natureza, Tecnoloxía e Sociedade, coordinada por Elena Vázquez Cendón. Entre as súas áreas de actuación está elaborar materiais e recursos didácticos como é o proxecto “Álbum da ciencia”, unha completa base de datos con biografías de científicos e científicas galegas, ou a publicación de varias bandas deseñadas. Nas súas actividades destacan informes como “A divulgación da ciencia en Galicia”, que compila a variedade e calidade de iniciativas que existen no noso país para a difusión do coñecemento científico. Ángel Carracedo, Jorge Mira, Ánxela Bugallo ou María Teresa Barral son algúns dos membros desta Sección.