“Figura decisiva para o desenvolvemento e difusión da arte galega no siglo XX, cuxa obra moderna e renovadora estivo sempre comprometida coa realidade do contexto sociocultural do seu tempo” con estas palabras a Real Academia Galega de Ciencias, dedica a José Otero Abeledo, máis coñecido como Laxeiro, o Día das Artes Galegas que se celebra cada 1 de abril, data na que o Mestre Mateo colocou os dinteis do Pórtico da Gloria na Catedral de Santiago. O CCG súmase a celebración coa posta en valor da súa figura a partir de dous dos proxectos da institución.
Laxeiro, unha nova entrega de Voces Centenarias
“Eu en Santiago tamén inventei un currículo e puxen he expuesto en república cahsmereconforchó” afirma Laxeiro con esa rexouba e sentido do humor tan característica da súa personalidade. É unha das tres gravacións que conforman esta nova entrega do proxecto Voces centenarias que permiten coñecer a figuras senlleiras da cultura galega na súa propia voz.
Dúas entrevistas e unha charla realizadas entre 1983 e 1988 que nos chegan desde o Fondo de RNE e da Colección Antón Mascato que custodia o Arquivo Sonoro de Galicia. Unha delas foi realizada polo xornalista Manuel Lombao e nela repasa a traxectoria vital de Laxeiro: Cuba, Bos Aires, Madrid, Vigo e Lalín, espazos onde desenvolve o seu labor pictórico. Detense no Museo do Prado, fonte inesgotable das súas influencias; particularmente, Goya. O pintor, que en ocasións é coñecido como “o Picasso galego”, non elude citar cales son os que el considera os artistas senlleiros do país.
O segundo dos audios é de 1988, consiste nun encontro público de Laxeiro co gallo da súa exposición no Kiosco Alfonso da Coruña. A conversa xira ao redor do significado da arte e porfía na necesidade de que o artista debe mirar no seu interior máis alá de calquera influencia externa.
O terceiro dos cortes é unha entrevista que Antón Mascato lle fai a Laxeiro na cafetería Goya de Vigo en 1983 para a revista Can sen dono. Nela analiza a súa pintura, do ambiente e do mercado artístico galegos, da necesidade de artellar o ensino das artes. Nesta parte que escoitamos, aparece un Laxeiro moi crítico coa situación cultural galega.
Laxeiro, no Álbum de Galicia
Javier Pérez Buján asina a entrada de Laxeiro no Álbum de Galicia. Nela destaca as dúas grandes influencias da infancia do lalinense: a súa avoa, que lle imprimiu o gusto polas personaxes pintorescas e a gran capacidade de fabulación; e a súa mestra, Dona Teresa, quen espertou a súa vocación pictórica. Despois fai un percorrido cronolóxico polos lugares da súa historia: primeiro a Habana a onde emigrou con 13 anos e de onde regresaría catro anos despois, enfermo de tuberculose e disposto a morrer na súa terra; segundo Madrid, a onde se trasladou para ingresar na Real Academia de Belas Artes de San Fernando cunha bolsa do concello de Lalín, que prolongaría grazas a unha bolsa da Deputación de Pontevedra. Logo, a súa volta a Lalín, imbuído do ambiente republicano da época, cando realiza as súas primeiras pinturas, consideradas tamén as primeiras expresionistas da arte galega. Para logo continuaren en Vigo e Bos Aires, onde se desenvolveu profesionalmente e saíu do illamento ao tempo que se abriu ás tendencias internacionais do momento.
Neste percorrido pola súa vida e obra, Buján destaca as características da pintura do Laxeiro da época “horror ao baleiro, cromatismo tenebrista, mestura de linguaxes e códigos e unha narrativa fascinada polo pensamento máxico da nosa cultura popular”. Ademais de facer un repaso polas principais exposicións, pezas e premios, a entrada do Álbum aparece enriquecida con outros materiais que axudan a trazar a personalidade do creador.


