Pedro Murias (Devesa, Ribadeo, 1840-A Habana, 1906) foi un emigrante de orixe humilde que emigrou a Cuba onde amosou o seu talento como home de negocios no sector da industria do tabaco. Comezou sendo aprendiz de oficio nos “chinchales”-talleres artesáns con poucos operarios-, ata se converter nun experto torcedor de tabaco. Chegou a ser fabricante e propietario de grandes extensións de terra dedicada ao cultivo de tabaco, minas de ferro e cría de gando. Pedro Muras diversificou os seus investimentos en diferentes sectores: transporte marítimo costeiro, inmobiario, fabricacion de cervexa....
A escola agrícola
A figura de Pedro Murias non só destacou por formar parte da elite empresarial da illa de Cuba, senón tamén polo legado deixado na súa terra. Destinou parte da súa riqueza á creación dun centro de ensino que levaría o seu nome: Escola Agrícola Pedro Murias. Foi un centro pioneiro, enfocado a abrir o acceso e abano de posibilidades para os rapaces da Devesa. O ingreso na escola garantía a experiencia directa do alumnado nos labores do agro e os coñecementos prácticos ían engarzados de xeito directo cos teóricos. Esta metodoloxía facía que a aprendizaxe se consolidase sobre os terreos dedicados a tal fin, seguindo de xeito directo todos os procesos, desde a composición e preparación da terra, plantar as sementes, sistemas de rego e drenaxe, ata a colleita dos froitos. En canto á cría dos animais, o seu manexo nas granxas, alimentación e aproveitamento tamén formaban parte do proceso ensino-aprendizaxe do alumnado. A construción da escola consta financiouse tal e como Murias deixou escrito no seu testamento.
Nesta entrega, que fai a número vinte, pódese reconstruír a súa historia a través de imaxes del, de negocios seus como Le Meridiana, e mesmo unha fotografía do seu testamento.Nela pódese ler que destina os cartos para a construción da escola “para contribuir al mayor adelantamiento agrícola de mi patria”. No especial hai imaxes tanto do proceso de construción do recinto escolar que levou o seu nome coma do monumento que lle dedicaron.
Historias de ida e volta
O Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, mantén o especial Historias de ida e volta para dar a coñecer materiais que documentan o fenómeno migratorio. En 18 entregas documentáronse os procesos de saída, chegada, a vida social e cultural... diferentes procesos para explicar todo o ciclo migratorio a partir dos materiais que custodia o Arquivo da Emigración Galega.


