Marcial del Adalid é “un músico decimonónico galego, de formación europea e autor de composicións acordes coas tendencias estilísticas imperantes na súa época, mais baixo un selo propio e distintivo, que lle outorgou, xa dende o século XIX, un lugar destacado na Historia da Música Española e Galega” asegura Laura Touriñan na súa entrada. Ademais, destaca que Adalid contou cunha vasta e actualizada cultura musical e moi coñecedor da obra de Beethoven, Chopin, Liszt, Mendelssohn, Pleyel ou Rossini entre tantos outros. Compuxo principalmente para piano e alguna peza para piano e melodía vocal, aínda que tamén fixo incursións nos xéneros sinfónico, camerístico, escénico e relixioso. Asegura a autora na súa entrada que “o seu estilo compositivo evolucionou dunha liña puramente romántica na súa etapa de xuventude, a unha tendencia máis clásica na súa madurez”. Sinala especialmente entre a súa produción un conxunto de obras inspiradas no folclore autóctono galego, que deron son á galeguidade nos salóns burgueses en forma de música académica: Galicia. Marcha triunfal para piano solo, a colección de cancións Cantares viejos y nuevos de Galicia, a melodía Mondariz. Balada gallega, a peza para piano só Danse Galicienne, a zarzuela Pedro Madruga despois convertida na ópera Ynes è Bianca e Galicia. Marcha triunfal para Grande Orquesta. Di a autora que “Estas obras teñen especial relevancia e significación no contexto histórico do Rexurdimento e dos nacionalismos musicais, así como tamén a súa participación como xurado nos Xogos Florais de Galicia de 1861 e de 1880, que reflicten a súa inquedanza pola cultura de Galicia”.
Pucho Boedo
Fernando Fernández Rego é o autor da entrada de Pucho Boedo, do que asegura destacou desde moi novo no ámbito da música. Aínda que foi vocalista en diferentes formacións coma Los Satélites, cos que iniciou unha xira a Venezuela, ou Los Trovadores cos que trunfou en Madrid, actuando nas mellores salas da cidade. Foi o abandono de Germán Olariaga como Pucho aterra nos Tamara, fundado en 1958 por Prudencio Romo e que xa contaba daquela con bastante sona. A súa entrada destaca que “con Los Tamara realiza intensas xiras internacionais, tendo a oportunidade de triunfar en escenarios moi prestixiosos como no Sporting de Montecarlo ou no Olympia de París, no que chegan a compartir cartel con Jacques Brel e Charles Aznavour. É importante resaltar que ata ese momento o único artista español que pisara o Olympia era Lola Flores. Logo de múltiples éxitos, Los Tamara deciden inventar o pop en galego. Os contactos coa emigración nos centros galegos de toda Europa, fai que adquiran un compromiso coa terra e co idioma, o que os leva a comezar a gravar cancións en galego. Evidentemente, isto ocasiona problemas coa censura, quedando retidas incluso algunhas das súas gravacións. O seu selo, Zafiro, tamén pon trabas ao emprego do idioma, dubidando de que tivesen mercado. Sen embargo, teñen un grande éxito, o que fai que o selo os apoie”. Despois chegarían outros novos como Na Fermosa Galicia (Zafiro, 1970), que supuxo un achegamento á poesía de Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Francisco Añón, e que continuarían con Miña Galicia Verde (Marfer, 1974).
En 1976 Pucho Boedo afástase dos escenarios por unha grave enfermidade e regresa seis anos despois con Volvendo con os Tamara, o seu único traballo en solitario, no que contou coa axuda de Prudencio Romo e Paco Montero. Boedo morre o 26 de xaneiro de 1986 e con el, asegura a súa entrada, “Galicia perdeu ao seu crooner eterno”.


