----

O proxecto Voces centenarias achéganos á figura de Ramón Martínez López

Ramón Martínez López é unha das voces máis eruditas do exilio galego. No marco de Voces centenarias, proxecto para visibilizar gravacións vencelladas a persoas relevantes de Galicia que atesoura o Arquivo Sonoro de Galicia (ASG), ofrécense tres audios que se corresponden aos anos do seu regreso, no que se pode apreciar que os azos e os compromisos con Galicia manteñen a súa inquebrantable lealdade.

As gravacións desta nova entrega do proxecto Voces centenarias permítennos achegarnos a unha das voces máis eruditas do exilio galego. É a de Ramón Martínez López, que destacou polo seu amplo labor investigador e docente desenvolvido en Estados Unidos e centrado, especialmente, nos estudos filolóxicos. Amosou sempre o seu compromiso galeguista, intelectual e político. Os audios que se ofrecen corresponden aos anos do seu regreso e nos que se aprecia unha inquebrantable lealdade co país.

A primeira das gravacións, procedente do fondo de Radio Nacional de España en Galicia, é un fragmento dunha entrevista que lle fan desde a emisora da Coruña a propósito do centenario do nacemento de Vicente Risco (1 de outubro de 1884). Nela fai unha concisa e atinada descrición do intelectual ourensán. Destaca o seu labor como etnógrafo e a súa excelencia no maxisterio coas novas xeracións. Xustifica, polos tempos históricos nos que viviu, algunha das súas controvertidas posturas ideolóxicas. A segunda das gravacións, que chega da colección Miguel Anxo Fernán-Vello, é a súa participación no ciclo Homenaxe ao galeguismo histórico, que a Asociación Cultural O Facho na Coruña organizou en 1987. As súas palabras están dedicadas, fundamentalmente, a recordar o papel fundacional que tivo o Seminario de Estudos Galegos, dende a súa creación en 1923, para a toma de conciencia da identidade galega.

Pecha esta entrega un fragmento das palabras de agradecemento que Martínez López pronuncia na homenaxe que lle fixo a Fundación Penzol de Vigo no seu 80 aniversario.

Voces centenarias
O 13 de setembro de 2021 o Consello da Cultura Galega puxo en marcha o proxecto Voces centenarias, unha iniciativa para visibilizar mensualmente a voz de persoeiros da cultura, da política, da emigración... que axudaron a perfilar o noso pasado, pero tamén o noso destino presente e futuro. O proxecto comezou a andar con gravacións de Filgueira Valverde, Rafael Dieste, Maruxa Boga, Laxeiro, Osorio-Tafall e, máis recentemente, María Casares.