----

Varios membros da AEMI visitan o Arquivo da Emigración Galega

O vicepresidente do Consello da Cultura Galega e director do Arquivo da Emigración Galega, Xosé M. Núñez Seixas, recibiu esta mañá a visita de Dietmar Osses, director do LWL Museum Zeche de Hannover, e Cathrine Hermansen, directora do Museo da Inmigración Danés, ambos os dous membros da Asociación Europea de Institucións Migratorias (AEMI). A xuntanza é preparatoria da asemblea anual destas entidades que terá lugar en Liubliana (Eslovenia) e supuxo tamén a visita ás instalación do Arquivo da Emigración Galega onde coñeceron os fondos e proxectos que desenvolve este centro.

Na visita tamén participaron Emilia García López, responsable de Acción Exterior do CCG e as técnicas do arquivo, Teresa García e Carolina García Borrazás.

A AEMI
A Asociación Europea de Institucións Migratorias (AEMI) é unha entidade creada en Alemaña en 1991 para estudar os antecedentes migratorios, a migración intraeuropea e a inmigración. Está conformada por corenta entidades de toda Europa, como o Museo Danés de Emigración, o Centro de Documentación sobre as Migracións Humanas de Bruxelas ou a Casa dos Emigrantes de Suecia. Esta cita, pensada para que os membros da AEMI intercambien os seus puntos de vista e investigacións recentes sobre cuestións relacionadas cos diferentes tipos de migracións, organízase cada ano e ten lugar nunha cidade diferente. En 2016, Santiago de Compostela acolleu este encontro, que deitou novas olladas sobre a diáspora migratoria europea e a identidade cultural.

Acción Exterior e o Arquivo da Emigración Galega
O Arquivo da Emigración Galega xorde como un programa promovido pola Sección de Cultura Galega no Exterior, e configúrase desde o ano 1992 como un lugar de encontro, centro documental e de información para os investigadores interesados no estudo do fenómeno migratorio.

Entre os seus obxectivos figura conservar a memoria viva da emigración galega a través da recuperación do seu patrimonio cultural; constituírse como un centro de documentación, investigación e difusión referencial que amplía e mantén as súas distintas modalidades de acceso e disposición de materiais de interese para os investigadores; así como difundir e promover estudos e investigacións de carácter científico que sirvan para un mellor coñecemento dos distintos aspectos relacionados co fenómeno da nosa emigración.