NOTICIA

----

Cristina Fallarás e David Rodríguez reflexionan sobre o movemento do 15-M no ciclo Pensarmos

“O 15-M doce anos despois: crise do Réxime ou Restauración?” é o título da nova sesión do ciclo Pensarmos, que terá lugar o 25 de maio (18:00 horas), na sede de Portas Ártabras - Amigos dos Museos de Galicia da Coruña. Nela, Cristina Fallarás e David Rodríguez conversarán con Xoán Antón Pérez Lema arredor do movemento do 15-M e o que supuxo para España e para Galicia. A actividade está organizada pola Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG) e coordinada por Celia Pereira Porto. A xornada é presencial e non se poderá seguir en directo, pero será gravada e estará proximamente dispoñible na hemeroteca do CCG.

O ciclo Pensarmos continúa a reflexionar arredor do concepto da democracia cunha nova xornada dedicada a analizar o 15-M cando se fan doce anos da orixe do movemento. Celia Pereira Porto será a encargada de abrir o debate no que participan a escritora e xornalista Cristina Fallarás e o deseñador gráfico David Rodríguez. Xoán Antón Pérez Lema, avogado e membro da Sección de Pensamento do CCG, quen se encargue de moderar a conversa que buscará explorar o fenómeno para saber que queda del a nivel español e galego. “Queremos dilucidar que supuxo, quen o leu ben, quen o leu mal, como cambiou a sociedade, se houbo unha posta en valor e o movemento supuxo tamén a apertura de novos temas·” apunta o moderador. Na súa opinión, cómpre avaliar se “o 15-M conseguiu o resultado dunha impugnación do réxime que quería transformar radicalmente ou, realmente provocou outro tipo de defensa dese réxime desde posicións máis restauracionistas”.

Os participantes
Cristina Fallarás é escritora e xornalista. Durante máis de 30 anos traballou en varios medios de comunicación como reporteira, guionista e directora. Actualmente, exerce de analista política nas canles de televisión Telecinco, Cuatro, Telemadrid e TV3 e no diario Público. É autora de varias novelas, entre as que destaca Las niñas perdidas (2011), coa que gañou o Premio Hammett de novela negra e se converteu na primeira muller en obter este galardón. Tamén escribiu No acaba la noche (2006), Así murió el poeta Guadalupe (2009), Últimos días en el Puesto del Este (2011), Honrarás a tu padre y a tu madre (2018) , El Evangelio según María Magdalena (2021) e La Loca (2022). Ademais, publicou o poemario Posibilidad de un nido (2020) e as obras de non-ficción Rupturas (2003), A la puta calle. Crónica de un desahucio (2013) e Ahora contamos nosotras (2019). Fallarás é coñecida polo seu labor na defensa dos dereitos da muller e polo seu activismo a favor da memoria histórica en España. O 26 de abril de 2018 lanzou o cancelo #Cuéntalo, a través do que millóns de mulleres relataron as agresións sexuais que sufriron e que se converteu nun fenómeno internacional.

David Rodríguez é deseñador gráfico, cunha actividade que se centra principalmente no ámbito da edición. Escribe con regularidade en Nós Diario e na versión en liña da revista Luzes, na que mantén a sección de crítica cultural “O bortel”. É autor do ensaio O canastro sen tornarratos. Resistencia popular na era do capitalismo sen democracia. Unha ollada galega (2018), da obra poética Lapidarias, os versos escuros (2010) e do libro infantil Superavoa (2020). Ademais, publicou as obras de teatro radiofónico O Bambán (2007) e Nunca me esquecerei de ti (2010). En 2022 gañou a XXVI edición do Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais co ensaio Liberdades antigas, tempos modernos: o republicanismo de Castelao (2022). Dende 2005 mantén o blog O funambulista coxo, do que editou unha escolma en papel titulada Retomando a palabra. Das guerras culturais ao crac financeiro (2012). Xunto con Xurxo Martínez, publicou Marxes. Guía ilustrada do Vigo rebelde (2021) . Participou en diversos ensaios colectivos e colaborou en numerosos medios de comunicación galegos e estatais. Forma parte dos padroados da Fundación Luzes e da Fundación Galiza Sempre.

Xoán Antón Pérez Lema é avogado en exercicio dende o ano 1990 e, dende 2009, socio-director de Pérez Lema Avogados e Consultores, S. L. Foi profesor da Universidade de Vigo (2000–2001), da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados da Coruña (1995–1999) e da Escola Galega de Administración Pública (1999–2001). Licenciado en Dereito e letrado asesor de Empresas pola Universidade Pontificia Comillas de Madrid (UPC-ICADE), cursou estudos de doutoramento na Universidade de Santiago de Compostela na especialidade de Dereito Público Galego e Comunitario Europeo. Foi secretario xeral de Relacións Institucionais da Vicepresidencia da Xunta de Galicia (2007–2009) e xefe de Gabinete da Consellería da Presidencia e Administración Pública da Xunta de Galicia entre os anos 1987 e 1990. Actualmente, colabora como analista político en diversos medios de comunicación, como a Radio Galega e a Televisión de Galicia. Dende a súa fundación en 2014, exerce o cargo de secretario xeral da Asociación Galega de Consumidores e Usuarios (ACOUGA).

Pensarmos
En xaneiro de 2019 a Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega puxo a andar o ciclo Pensarmos, unha proposta de charlas, debates e intercambio de ideas coa que se busca abordar os problemas da actualidade. A posverdade, os fascismos dixitais, as tecnopersoas, a precarización da vida, a perda de liberdades, a deterioración medioambiental ou o poshumanismo foron algunhas das temáticas que se trataron no marco deste foro, polo que pasaron xa máis dunha vintena de conferenciantes como, por exemplo, María Xosé Porteiro, Joaquín Urías, Maggy Barrère ou Javier Vilanova, por citar algúns dos máis recentes. Todas as intervencións están gravadas e, salvo desexo expreso dos autores, pódense consultar a través do sitio web institucional ou na nosa canle de YouTube.

Sección de Pensamento
Esta cita está organizada pola Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega, coordinada por Celia Pereira Porto e que ten como membros a Mariló Candedo Gunturiz, Francisco Castro Veloso, Francisco Xosé Fernández Naval, Ana Isabel García Arias, Nieves Herrero, Luisa Martínez Lorenzo, Xoán Antón Pérez Lema e Juan Tallón. Ademais do ciclo Pensarmos, a Sección organiza periodicamente outras actividades, entre as que destacan a revisión de figuras relevantes no mundo do pensamento e a análise da conexión que tiveron con Galicia persoeiros como Martin Heidegger, Simone Weil, Albert Camus, Hannah Arendt ou Karl Marx.