O 25 de febreiro de 1985 Xosé V. Ferreirós pronunciou a conferencia “Instrumentos musicais: a gaita” no marco do ciclo Folclore e etnografías galegas, organizado pola Asociación Cultural Terra Meiga e por Caixa Galicia de Ferrol. Nela, o gaiteiro e membro do grupo musical Milladoiro propón un percorrido polos instrumentos tradicionais galegos baseándose na clasificación de Said Armesto e nos estudos de Casto Sampedro.
Ferreirós comeza por describir a zanfona e analizar as características propias da zanfona galega e o seu proceso de evolución. O violín, o oitavino, a frauta ou o clarinete son outros dos instrumentos sobre os que fala Ferreirós ao inicio da súa intervención, na que tamén dedica espazo aos “instrumentos curiosos”, como o chifre de capadores e paraugueiros ou as cornas de cabra. Ademais, subliña a importancia que ten a percusión tanto na música galega en xeral como na da gaita en particular. “A gaita, como tal instrumento, ten unha serie de limitacións, e unha das limitacións máis grandes é que non se pode regular o son” e, polo tanto, “non se poden facer matices”, explica, ao que engade que quen se encarga de facer eses matices nunha banda de gaitas é a percusión.
Após esta apreciación, Ferreirós continúa o resto da súa intervención falando da gaita, “o instrumento máis importante de Galicia”, tal e como el a define. Así, aborda cuestións relacionadas coas súas orixes e afonda nalgunhas teorías que existen arredor do momento en que a gaita se introduciu en Galicia, aínda que alude á súa orixe confusa e á ausencia de “datos históricos cos que poidamos dicir en que data ou en que pobo” apareceu. Tamén analiza as evolucións que se sucederon ata conformar o que é hoxe en día a gaita, entre as que destaca a incorporación do ronco na Idade Media, por ser esta a peza “que lle dá a característica propia do instrumento”.
As representacións iconográficas da gaita e a súa presenza na nosa lírica son temas presentes tamén no relatorio de Xosé V. Ferreirós, quen presta especial atención aos contratos laborais de gaiteiros que aparecen en Notas viejas galicianas (1925), de Pérez Costanti, que reflicten “a importancia social que tiña o gaiteiro naquela época na sociedade galega”. Así mesmo, nomea as figuras máis relevantes dentro da historia musical deste instrumento e algúns artesáns que desenvolven o seu traballo actualmente, e explica os tipos de gaita que hai en Galicia, así como as diferenzas entre as técnicas e xeitos de tocala. A conferencia remata coa proposta de ollar cara a outros países en que a música da gaita é a protagonista para poder aprender das súas experiencias e, incluso, replicar algunha delas.
A nova entrega de Caligrafías musicais engade, como materiais complementarios á propia conferencia de Xosé V. Ferreirós, as ligazóns ás biografías de Said Armesto e Casto Sampedro publicadas no Álbum de Galicia. Por similitude temática, tamén se incorpora a versión interactiva do libro de Pablo Carpintero Os instrumentos musicais na tradición galega, promovida polo Consello da Cultura Galega, no que o autor dedica varios textos á análise da gaita.
Sobre o proxecto
O título do proxecto expresa a súa dobre intención. Por unha banda, ‘caligrafías’ significa tanto “a arte de escribir con boa letra” como “o conxunto de trazos que caracterizan a escritura dunha persoa ou escrito”. Pola outra temos a música, obxectivo último desta iniciativa do Arquivo Sonoro de Galicia, que busca rescatar a erudición de prestixiosos estudosos do eido musical galego (Xosé Filgueira Valverde, Xosé López Calo…) e revalorizar, entre outros, compositores, estilos musicais ou instrumentos que forman parte da cultura musical de Galicia (Gaos, a zanfona etc.).
O Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) abriu con este proxecto unha nova liña de divulgación dos seus fondos inéditos. Ten periodicidade bimensual e arrincou en febreiro de 2023 cunha conferencia de Filgueira Valverde verbo da faceta musical de Rosalía de Castro.
O Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) é un centro do Consello da Cultura Galega que ten como labor esencial a recuperación do patrimonio oral e musical galego. A recompilación de gravacións sonoras procedentes de arquivos particulares, institucións, colectivos ou compañías discográficas; a preservación do fondo sonoro en condicións óptimas; a súa catalogación e dixitalización, e a difusión a través de proxectos como Caligrafías musicais ou Voces centenarias constitúen os eixes centrais da actividade do ASG. Coordinado por Alejo Amoedo Portela, ten como membros a Julio Alonso Monteagudo, Beatriz Cancela Montes, Xaime Estévez Vila, Concha Losada e Cristina Pujales Prats.

