NOTICIA

----

A biografía de Alejandro Viana entra no Álbum de Galicia

Alejandro Viana (Ponteareas, Pontevedra, 1877 – México D. F., 1952) desenvolveu a súa traxectoria como empresario e político. De ideoloxía republicana, acadou en 1936 a acta de deputado nas Cortes pola Fronte Popular, cargo en que permaneceu ata 1939, cando se exiliou a Francia. Dende alí organizou varias expedicións marítimas que permitiron o traslado duns 17 000 refuxiados republicanos a América. A súa entrada no Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG), é autoría de Roberto Mera.

Nado en Ponteareas, Alejandro Viana Esperón trasladouse a Vigo sendo un mozo, onde comezou a traballar como dependente e a cursar estudos de comercio e contabilidade no Centro de Instrucción Mercantil. Con 24 anos converteuse en apoderado da empresa exportadora Gimeno y Compañía e, un tempo despois, en socio desta. Posteriormente, traballou como conserveiro, foi directivo da Unión de Fabricantes de Conservas da Ría de Vigo e representante dos exportadores do porto vigués.

Convertido nunha figura relevante da vida económica e política da cidade olívica, participou en iniciativas empresariais, culturais e sociais. Entre elas, cómpre destacar que foi socio fundador do Ateneo de Vigo, directivo da Casa da Caridade e promotor das fundacións de apoio á infancia Alejandro Viana e Viana-Corbal. “Viana representa o empresariado galego do primeiro terzo do século XX comprometido co país, que soña co seu progreso no material, cultural e social”, subliña Roberto Mera na súa entrada.

Ademais da actividade empresarial e social, na década de 1910 Viana iniciou a súa andaina política. Así, exerceu como directivo no Partido Republicano vigués, co que concorreu a varias eleccións municipais. Durante a década seguinte, participou na creación da Liga de Defensores de Vigo e, tras asumir esta o goberno municipal con Gregorio Espino como alcalde, Viana ocupou o posto de tenente de alcalde e de concelleiro de Facenda entre 1923 e 1925. Durante un breve período do ano 1926 asumiu tamén a alcaldía.

A carreira política de Alejandro Viana continuou após a proclamación da II República, momento en que se integrou en Izquierda Republicana como presidente do partido na provincia de Pontevedra. Nos comicios de febreiro de 1936 acadou a acta de deputado na candidatura da Fronte Popular e, en xullo dese mesmo ano, participou na entrega do Estatuto de autonomía de Galicia ao presidente das Cortes Xerais e mais ao da República. “O golpe de Estado sorpréndeo en Madrid”, afirma Roberto Mera, quen explica na súa entrada como durante a Guerra Civil Viana continuou exercendo de deputado e participando en todas as sesións das Cortes, “entre elas a derradeira, celebrada na medianoite do 1 de febreiro de 1939”. Durante os días seguintes, atravesou os Pireneos xunto a medio millón de persoas para instalarse en Francia. “No marco desa vaga de refuxiados e do confinamento de varios centos de miles en praias pechadas con arame farpado e sen teito, é nomeado polo Goberno republicano xefe da Sección de Emigración do Servicio de Evacuación de Republicanos Españoles (SERE) con sede en París, unha organización dedicada a prestar axuda humanitaria”, subliña Mera. Dende esa posición, organizou expedicións marítimas para o traslado de refuxiados a América, como as do Sinaia, o Mexique e o Ipanema con destino a México ou a do Winnipeg con rumbo a Chile. “Entre abril de 1939 e xuño de 1940 o traballo de Viana permite a saída de Francia a uns 17 000 refuxiados”, continúa Mera. O 12 de xuño de 1940, dous días antes de que as tropas alemás ocupasen París, trasladouse a Bordeos. Dende alí organizou “a saída dun último barco con 500 refuxiados”.

Tras unha tentativa de secuestro, Viana iniciou un periplo que o levou primeiro a atravesar Francia, despois a embarcarse nun buque que estivo retido durante cinco meses en Dakar (Senegal) e, finalmente, a dirixirse a Casablanca. Dende a cidade marroquí conseguiu poñer rumbo a México, onde desembarcou en 1941 e onde permaneceu ata o seu falecemento.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 670 entradas, das cales as máis recentes son as de Gustavo Pernas Cora, Hijas de Galicia, Inocencio Schmidt de las Heras e Eduardo Pondal.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que dende 2005 se teñen publicado álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.