----

O Repertorio da prensa da emigración galega incorpora catro números da revista Vivero y su comarca

"Cada escuela que se abre, es una cárcel que se cierra". Unha frase de Concepción Arenal era un dos lemas da revista ilustrada que editaba mensualmente na Habana a sociedade "Vivero y su comarca". O Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), inclúe este mes catro números desta publicación.

Vivero y su comarca é a publicación oficial da Sociedade de instrución "Vivero y su comarca" cuxo obxectivo principal, segundo os seus Estatutos, é “construir edificios para escuelas en todas las parroquias de los Ayuntamientos de Vivero, Orol, Muras, Riobarba, Jove y Cervo, y crear una escuela de Artes y Oficios”. A revista responde ao arquetipo das publicacións societarias: descrición das actividades desenvolvidas pola entidade e información económica sobre as actividades realizadas, noticias da comarca e artigos diversos sobre Galicia, notas sociais e páxinas literarias.

Está escrita maioritariamente en castelán e reserva o galego para algunha creación literaria. Naceu cunha periodicidade mensual pero, como é habitual neste tipo de publicacións, foi irregular e contou tamén con varias interrupcións. Na portada de 1957 figura como subtítulo: Revista Ilustrada, pero na ficha descritiva do interior non hai cambios. Os lemas, un de Concepción Arenal e outro de J. N. Aramburu sobre a importancia de educar á cidadanía, aparecen a partir de 1930.

Conta con escasas ilustracións e numerosos anuncios comerciais (compañías navieiras, bancos e aseguradoras...). Súbense nesta ocasión os catro fondos dispoñibles no CCG, de 1912, 1930 e 1954.

O Repertorio da prensa da emigración galega
En 1998, froito dun traballo de investigación dirixido por Vicente Peña Saavedra, nace o Repertorio da prensa da emigración galega, un proxecto que busca difundir o patrimonio documental producido pola comunidade galega do exterior e que, hoxe en día, mantén actualizado o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG). Nel, recompílase unha relación das publicacións galegas (boletíns, xornais de información xeral, revistas culturais, prensa política, revistas e voceiros internos das asociacións de emigrantes, publicacións institucionais etc.) editadas tanto polas asociacións de emigrantes como por persoeiros destacados da colectividade galega. Aínda que os números das diferentes cabeceiras se poden consultar directamente nas instalacións do AEG, cada mes dixitalízanse novos exemplares que se poñen á disposición dos usuarios e usuarias para seren consultados en liña no web institucional do CCG.