Unha das características máis definitorias da emigración galega é a súa acción filantrópica. A sociedade galega puido progresar grazas á creación de escolas construídas co cartos que enviaban desde os destinos da emigración. Na entrega número 31 do especial “Historias de ida e volta” cóntase a traxectoria de Fernando Blanco de Lema, un indiano enriquecido na illa de Cuba que non retornou a Galicia pero que desde o outro lado do Atlántico contribuíu ao seu desenvolvemento económico e social. “O seu legado foi xestionado por unha fundación xestionada por un padroado que materializou os seus desexos” explica o especial. Grazas ao seu labor edificáronse dous edificios no que recibiron instrución gratuíta numerosas xeracións de nenos e nenas da comarca de Fisterra. Caracterizáronse por empregar innovadores plans educativos, de clara vocación humanista e científica (tiñan aula de debuxo, de música, de educación física..). Ademais fomentouse a cultura da bisbarra con cursos de alfabetización para adultos e coa concesión de bolsas para o alumnado máis avantaxado, aulas de música e teatro con actuacións para toda a veciñanza ou a apertura da súa biblioteca e instalacións a toda a poboación.
Ademais a fundación sufragou numerosas iniciativas de gran calado para o progreso socioeconómico da contorna: dende a realización de campañas de vacinación ou a instalación dunha farmacia con medicamentos subvencionados ata investimentos en obras públicas como a instalación do teléfono e da luz eléctrica na vila (1906), o arranxo de estradas ou a construción dun novo cemiterio.
O especial explica con vinte imaxes e documentos, os diferentes exemplos desta acción filantrópica; así como artigos de publicacións da época que dan conta do mérito desta acción. Ademais, inclúe a ligazón á entrada de Fernando Blanco de Lema para que a cidadanía poida coñecer en detalle a súa traxectoria.
O proxecto Historias de ida e volta
O Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, mantén o especial Historias de ida e volta para dar a coñecer aqueles materiais que documentan o fenómeno migratorio. En máis de 20 entregas documentáronse os procesos de saída e chegada, a vida social e cultural, etc., para, deste xeito, explicar todo o ciclo migratorio a partir dos materiais que custodia o Arquivo da Emigración Galega.


