NOTICIA

----

Regresa o foro Pensar o mundo dende Galicia cunha xornada sobre as crises alimentarias

O Consello da Cultura Galega (CCG) regresa co ciclo Pensar o mundo dende Galicia, co que celebra o seu 40º aniversario, para afondar na situación climática actual. María Loureiro coordina esta sesión do foro que se titula “Límites planetarios. Unha ollada socioeconómica dende Galicia” e na que analizarán o impacto do cambio global na agricultura e nas posibles crises de alimentos. Nela participan, entre outros expertos, José María Sumpsi, exdirector de Política Alimentaria da FAO, e Adrián Escudero, catedrático e divulgador da Universidad Rey Juan Carlos. A cita, que terá lugar o 21 de setembro na sede do CCG, acaba de abrir a súa inscrición.

Crise climática; Acidificación dos océanos; Buraco de ozono; Ciclo do nitróxeno e o fósforo; Uso da auga; Deforestación e outros cambios no uso do chan; Perda de biodiversidade; Contaminación de partículas na atmosfera; Contaminación química. Son os nove procesos clave que o Centro de Resiliencia de Estocolmo desenvolveu no ano 2009 para a estabilidade e habitabilidade da Terra no que definiu como “Límites planetarios”. Cinco destes nove límites xa foron superados o que dá conta da importancia e da situación de emerxencia na que nos atopamos.

A quinta sesión do foro Pensar o mundo dende Galicia revisa esta situación cunha xornada que está dividida en dúas partes: na primeira contarase coa presenza de José María Sumpsi, exdirector de Política Alimentaria da FAO e Adrián Escudero, catedrático e divulgador da Universidad Rey Juan Carlos, que abordarán o impacto do cambio global na agricultura e nas posibles crises de alimentos, así como na biodiversidade e nos ecosistemas a escala global. Na segunda, que terá lugar pola tarde, profundarase nalgúns dos cambios fundamentais sufridos polos ecosistemas galegos, que condicionan a calidade ambiental de Galicia e xeran múltiples consecuencias tanto para a sociedade como para a economía e a saúde da poboación. Nela participan con María Xosé Agra e Emilio Rafael Díaz Varela, da USC, máis Enrique Banet e Mabel Rivera da Fundación Galicia Verde. Na cita tamén se prestará atención aos algúns cambios sociais requiridos e sobre a necesidade de determinadas políticas de adaptación e mitigación.

Foro Pensar o mundo dende Galicia
O foro Pensar o mundo dende Galicia regresa despois do parón estival cunha xornada que busca reflexionar sobre a situación socioeconómica. No marco deste foro debateuse xa sobre a calidade da democracia, a tecnoloxía desde un punto de vista humanista, o futuro da comunicación e o feminismo.

Este proxecto pretende condensar o traballo promovido dende o Consello da Cultura Galega relativo ao debate, a pescuda e a creación arredor de diversos eidos do saber, mais tamén sobre cuestións que abranguen os problemas e inquedanzas da sociedade galega no pasado, no presente e no futuro. En total son oito citas mensuais (que arrincaron en marzo e rematarán en novembro) nas que se abordarán temáticas moi presentes nas actividades da institución, como os retos presentes e futuros do feminismo, a sustentabilidade da economía global ou o papel do patrimonio e da paisaxe. Arredor de corenta personalidades do mundo cultural, científico e académico galego, ibérico e mundial participarán nesta proposta, que busca reflexionar, debater e profundar na interpretación dos desafíos desta terceira década do século XXI, ademais de recoller a tradición iniciada hai máis dun século pola Xeración Nós e polo Seminario de Estudos Galegos, coa intención de aspirar a repensar o mundo e a sermos unha célula de universalidade.