Teresa García Montañés é especialista en violencia de xénero pero tamén en delitos de perigo, delincuencia económica, criminalidade empresarial, terrorismo, tortura, aborto, liberdade de expresión e tráfico de seres humanos desde un punto de vista teórico e práctico. Na súa intervención no CCG. Teresa Rodríguez Montañés detallou a importancia, en primeiro lugar, de separar trata de escravitude de prostitución, sabendo cal é a orixe de cada concepto para poder xerar políticas públicas. “Fracasamos a nivel internacional da loita contra a trata” afirmou na súa intervención.
O concepto antigo de trata estaba vencellado á captación de mulleres brancas, inmigrantes e con violencia. Esta é a situación que regula un texto xurídico, o documento de Palermo, que lexisla para combater a trata no marco da delincuencia internacional. “Simplificando, o documento tipificou a trata como un delito definido como tal o proceso no que se capta ás vítimas que adoitan ter características comúns (persoas vulnerables por moi diversas razóns), por diferentes medios (con violencia, con engano....) no seu lugar de orixe para trasladalo ao outro lugar coa finalidade de ser explotadas (física, laboral, sexualmente...)” explicou. Na súa intervención, defendeu que a trata do día de hoxe ten que ver coa promesa dun mundo mellor (traballo doméstico, na construción...) e non con violencia e tampouco ten que implicar un cambio de país. Por iso considera que hai que desmontar o mito de que a captación é violenta. “Na inmensa maioría dos casos, a captación non é violenta, é un proceso máis sutil que ten ver coa promesa dun mundo mellor cun traballo digno” engadiu. Tamén destacou que a día de hoxe a trata é un delito que ten un compoñente de xénero clarísimo, é unha gravísima violación de dereitos humanos, pero sobre todo un xigantesco negocio. “É o segundo negocio máis lucrativo do comercio internacional e move 150 billóns de dólares ao ano en beneficio. É o segundo negocio ilegal máis rentable do mundo, por riba do tráfico de droga. É a única razón de ser da trata” afirmou.
O Consello da Cultura Galega cumpre en 2023 corenta anos. No marco das actividades deseñada para celebrar a efeméride, hai unha liña encamiñada a visibilizar a historia da entidade neste tempo. Unha desas accións consiste en poñer na rede, de carácter mensual, unha conferencia relevante que se pronunciara no marco da súa actividade.


