Narrativas da nova diáspora galega é o título da xornada que organiza o Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega (CCG) e que ten como obxectivo explorar as manifestacións artísticas (nomeadamente as literarias e audiovisuais) xurdidas arredor da vaga migratoria que se produciu a partir da crise económica de 2008. Os escritores Xesús Fraga e Anna R. Figueiredo participan neste encontro que contará coa presenza de destacados investigadores e investigadores de diferentes universidades europeas. A presidenta, Rosario Álvarez, inaugura mañá este encontro xunto coa súa coordinadora, María Alonso. A cita é presencial pero tamén se poderá seguir en directo a través das redes sociais da institución.
09/11/2022
27/10/2022
Entre 1904 e 1914, 45.107 homes foron importados polo goberno de Estados Unidos para participar na construción dunha das obras de enxeñaría civil máis coñecidas do mundo: a Canle de Panamá. A maior parte dos 8.798 españois que está documentado que participaron nese proceso eran galegos. O novo especial de Historias de ida e volta, proxecto do Arquivo da Emigración (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG) e que conta co apoio da Secretaría Xeral da Emigración, documenta en vinte imaxes e documentos a historia da pegada galega na creación desta obra.
25/10/2022
Castelao, Luis Seoane, Arturo e Uxío Souto, Eugenio Granell... teñen en común ser creadores destacados do panorama artístico galego contemporáneo. Pero tamén que desenvolveron unha parte importante da produción cultural no exilio. Sobre o seu legado e a importancia de conservalo e contextualizalo falaron diferentes profesionais na xornada do Consello da Cultura Galega (CCG), Musealizar a arte do exilio galego. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, destacou na inauguración a preocupación da institución por estudar o exilio e pola situación dos centros de cultura que se encargan de preservar a memoria. A cita conta co apoio da Secretaria Xeral da Emigración cuxa subdirectora de Coordinación Administrativa, María Baleato, puxo de relevo que “non se esqueza a loita da cultura galega fóra das nosas fronteiras”.
24/10/2022
O Consello da Cultura Galega (CCG) celebra mañá, 25 de outubro, a xornada Musealizar a arte do exilio galego. Nela, afondarase no papel que desempeñan os museos e as fundacións a prol da conservación, salvagarda e difusión do patrimonio cultural procedente do exilio galego. A iniciativa está coordinada por Inmaculada Real López e conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Emigración e da Universidad Complutense de Madrid. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e a subdirectora de Coordinación Administrativa da Secretaría Xeral da Emigración, María Baleato, inauguran esta sesión presencial que tamén se poderá seguiren directo a través das redes sociais da institución.
20/10/2022
Este mes de outubro o Repertorio de prensa da emigración suma novos números. Desta volta incorpora dez números editados polo Centro Betanzos de Bos Aires, dende 1935 ata a década dos 80. Foron doados polo señor Andrés Beade Dopico, unha figura senlleira da colectividade galega en Bos Aires na década dos 70 e 80 do pasado século. Ademais, súmase tamén un novo número (o 9) da revista Orzán, órgano oficial do Centro Provincial Coruñés.
22/09/2022
O 26 de agosto de 1922 un grupo de emigrantes naturais dos concellos do partido xudicial de Corcubión que residían en Bos Aires reuníronse para constituír unha asociación con fins agraristas e instrutivos. Nacía así a Asociación Benéfica Cultural del Partido de Corcubión, que continúa activa. A súa historia, os fitos máis destacados, así como a publicación que mantén, centra o novo especial de Historias de ida e volta, proxecto do Arquivo do Emigración (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG) co apoio da Secretaría Xeral da Emigración. Vinte imaxes e documentos permiten coñecer esta sociedade de emigrantes que cumpre cen anos.
15/09/2022
O 26 de agosto cumpríronse cen anos da creación da Asociación Benéfica e Cultural do Partido de Corcubión en Bos Aires. Unha sociedade que edita a publicación Alborada, da que incorporamos 25 números ao Repertorio de Prensa da Emigración. Nesta ocasión subimos números que van desde os anos 40 ata os 70, período no que mantivo unha periodicidade irregular. Estas publicacións foron depositadas no Arquivo da Emigración Galega por Xosé María Rei Lema e Marcelino Fernández Santiago.
31/08/2022
Urbano Feijoo Sotomayor (1808-1898) foi un controvertido empresario e político galego que promoveu a creación dun plan de colonización que facilitase, en termos xurídicos, económicos, filantrópicos e prácticos a chegada a Cuba de galegos. O operativo rematou cun grande escándalo polo trato denigrante dispensado aos traballadores. O Álbum de Galicia vén de incorporar a súa biografía asinada pola escritora Elisa Vázquez de Gey, gran coñecedora da súa figura e da vida cotiá e política da vida colonial da illa de Cuba.
07/07/2022
Ribadeo é unha das vilas galegas nas que o legado dos indianos -os emigrantes retornados da América ao longo do século XIX e XX- permanece visible a través da súa arquitectura. Un pasado histórico que se recupera cada ano na festividade “Ribadeo indiano” coa que colabora o Consello da Cultura Galega (CCG) a través do Arquivo da Emigración Galega (AEG) con diferentes actividades. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, é tamén a pregoeira desta edición.
16/06/2022
O proxecto Repertorio de prensa da emigración actualízase este xoves con novos fondos procedentes do Arquivo da Emigración Galega (AEG), centro dependente do Consello da Cultura Galega (CCG). Nesta ocasión súbense 5 números da publicación Orzán, voceiro oficial do Centro Coruñés de Bos Aires. Catro deles proceden dunha doazón realizada por Chema Rei Lama.
02/06/2022
Urbano Feijoo Sotomayor (1808-1898) foi un empresario e político galego que promoveu a creación dun plan de colonización que facilitase, en termos xurídicos, económicos, filantrópicos e prácticos a chegada a Cuba de galegos. O operativo foi moi coñecido polo trato denigrante dispensado aos traballadores. A documentación deste episodio, tan dramático como fundamental para a colectividade galega asentada en Cuba, pódese consultar no especial sobre Urbano Feijoo que acaba elaborar o Arquivo da Emigración Galega (AEG), centro dependente do Consello da Cultura Galega. Nel pódense consultar os documentos orixinais, a súa transcrición, así como outros recursos que permiten afondar na controvertida figura de Feijoo.
19/05/2022
O Arquivo da Emigración Galega, centro do Consello da Cultura Galega (CCG), acaba incorporar ao seu proxecto Repertorio de Prensa da Emigración Galega 200 novos números. Son os que se corresponden co Boletín Oficial do Centro Galego de Avellaneda (Arxentina).
28/04/2022
O Colexio san José de Verín, o Hotel Balneario de Cabreiroá, o teatro Rosalía de Castro de Vigo... a acción filantrópica de José García Barbón y Sola (Verín, 1831- Vigo, 1909) foi ampla e xenerosa. O seu legado centra este mes de abril a nova entrega do especial Historias de ida e volta. O proxecto do Arquivo do Emigración (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG) co apoio da Secretaría Xeral da Emigración, recupera en vinte imaxes e documentos procedentes deste arquivo algunhas das iniciativas que contribuíu a crear.
21/04/2022
O proxecto do Repertorio de Prensa da Emigración pon a disposición da cidadanía neste mes de abril 56 novos números do xornal Galicia, voceiro da Federación de Sociedades Gallegas de la República Argentina. Con esta nova entrega múdase tamén a data de actualización deste proxecto que se fixa agora cada terceiro xoves de mes.
24/03/2022
Neste mes de marzo a nova entrega do especial Historias de ida e volta vólcase en traer á memoria voces femininas da diáspora. Andrea López Chao, Anisia Miranda, A bella Otero, Sofía Casanova, Maruxa Mallo...son algúns dos nomes que nos ofrece este proxecto, iniciativa do Arquivo do Emigración do Consello da Cultura Galega (CCG) e da Secretaría Xeral da Emigración. Vinte imaxes e documentos procedentes deste arquivo ofrecen unha nova lectura da historia da emigración en clave feminina.
10/03/2022
“Luisa Cuesta foi unha pioneira nos estudos americanistas e todos os que estudamos os vínculos con América bebemos deste texto” asegurou a historiadora Pilar Cagiao, autora do estudo introdutorio do libro La emigración gallega a América. É o último volume en incorporarse á colección Clásicos da Emigración que promoven o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Secretaría Xeral da Emigración. Os titulares de ambas entidades, Rosario Álvarez e Antonio Rodríguez Miranda respectivamente, xunto co director do Arquivo da Emigración Galega, Xosé Manoel Núñez Seixas, presentaron este novo volume que axuda a mellorar o coñecemento do fenómeno migratorio. A publicación xa se pode descargar desde o web do CCG.
04/03/2022
Como cada primeiro venres de mes, o Repertorio de prensa da emigración actualízase con fondos procedente do Arquivo da Emigración Galega (AEG), centro dependente do Consello da Cultura Galega (CCG). Desta volta súbense 57 números do xornal Opinión Gallega de Bos Aires, órgano de prensa do Centro Orensano e do Centro Pontevedrés no que colaboraron destacados galeguistas como Castelao, Plácido Castro ou Antón Alonso Ríos, entre moitos outros.
18/02/2022
Un trastlántico con 650 pasaxeiros. Tres homes: o excapitán Henrique Galvao, Xosé Velo Mosquera e José Fernando Fernández Vázquez, chamado comandante Sotomayor. E unha causa: a denuncia das dictaduras de Franco e Salazar. A coñecida historia do secuestro do Santa María ocupa unha nova entrega do proxecto Historias de ida e volta, iniciativa do Arquivo do Emigración do Consello da Cultura Galega (CCG) e da Secretaría Xeral da Emigración. Vinte imaxes e documentos procedentes deste arquivo ofrecen unha nova lectura dun episodio da nosa historia recente que deu a volta ao mundo.
04/02/2022
O Arquivo da Emigración Galega, centro do Consello da Cultura Galega (CCG), acaba incorporar ao seu proxecto Repertorio de Prensa da Emigración Galega sete novos números de La Voz de Breogán editado pola Xuventude de Galicia de Lisboa. Ademais, tamén se incorpora o primeiro numero do xornal Heraldo de Galicia que editou esta mesma sociedade. Todos os números foron doados por Miguel Regojo Fernández, neto do socio número 1 e fundador da sociedade, Ramiro Vidal Carrera.
30/12/2021
Hoxe, 31 de decembro, cúmprense 150 anos da creación da Sociedade de Beneficencia de Naturales de Galicia (SBNG). Un centro creado en Cuba para atender aos emigrantes galegos que tiñan problemas de saúde ou de traballo. O proxecto Historias de ida e volta, iniciativa do Arquivo do Emigración do Consello da Cultura Galega (CCG) co apoio da Secretaría Xeral da Emigración, suma unha entrega extra para documentar a traxectoria deste centro fundamental para entender a emigración en Cuba.
15/12/2021
Arxentina e España son os eixes de coordenadas de Federico Mediante (Abres (A Veiga, Asturias), 1888 - Madrid, 1951), un prolífico escritor de novelas populares coñecido como o Salgari español. A súa entrada, que se incorpora hoxe ao Álbum de Galicia, está asinada por Ana Rosa Martínez Loredo.
03/12/2021
O Arquivo da Emigración Galega, centro do Consello da Cultura Galega (CCG), acaba incorporar ao seu proxecto Repertorio de Prensa da Emigración Galega 14 novos números. Conforman os fondos do Boletín de la Sociedad Cultural y Agraria del Distrito de Mugía que foron doados polo historiador, antropólogo e xestor cultural, Manuel Vilar Álvarez.
19/11/2021
A nova entrega do especial “Historias de ida e volta”, proxecto web realizado polo Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, amosa aqueles destinos atípicos dos nosos emigrantes. Lugares como Panamá, Perú ou Australia, malia non ser numerosos, forman parte da historia da emigración galega. Vinte fotografías e documentos cedidos polos seus protagonistas achégannos outros destinos menos coñecidos.
12/11/2021
A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, reuniuse esta mañá co novo cónsul xeral do Uruguai en Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco, Ramiro Rodríguez Bausero, logo da súa incorporación a este destino, con sede en Santiago de Compostela. O cónsul asinou no Libro de Honra da institución.
05/11/2021
O Arquivo da Emigración Galega (AEG), dependente do Consello da Cultura Galega (CCG), acaba de poñer a disposición da cidadanía a dixitalización de 347 números do xornal anarquista Cultura Proletaria, cabeceira editada en Nova York entre 1927 e 1953, que contou con colaboradores e xornalistas galegos. Este primeiro lote forma parte dos fondos hemerográficos do AEG.
22/10/2021
A partir de 1959 a emigración galega dirixiuse cara a aqueles países europeos que se atopaban en pleno desenvolvemento industrial e tecnolóxico e que precisaban man de obra estranxeira. Alemaña, Suíza, Francia e Holanda, seguidos do Reino Unido e Bélxica convertéronse nos países de destino das novas vagas migratorias. A duodécima entrega do especial “Historias de ida e volta”, un proxecto web realizado polo Consello da Cultura Galega en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, ofrece fotografías e documentos que poñen de manifesto a emigración galega cara a Europa nos anos setenta e setenta.
01/10/2021
Co gallo do centenario da fundación da Federación de Sociedades Gallegas, que se cumpriu o pasado 25 de setembro, o proxecto “Repertorio de prensa da emigración” actualizase con novos números do que foi o órgano de expresión desta sociedade: El Despertar Gallego.
01/10/2021
Hoxe remata en Donosti a 31ª Conferencia da Asociación Europea das Migracións (AEMI) que levaba por título “Relacións entre as diásporas e os seus países de acollida: Novas migracións, movementos de retorno e contexto histórico”. A responsable de Acción Exterior, Emilia García López, participou no encontro cuxa organización recaeu nesta ocasión na Dirección para a Comunidade Vasca no Exterior do Goberno Vasco. Contou coa asistencia de membros de entidades de 17 países e xa ten os ollos postos na seguinte cita que analizará movementos migratorios e que se vai celebrar en Portugal.
03/09/2021
Son trinta números que recollen unha mostra representativa do Boletín oficial de la sociedad Fomento de Porriño y su distrito, unha publicación editada en Bos Aires para informar dos asuntos internos da institución e outras novas de interese relacionadas con Porriño. É un novo lote de números que completa o proxecto Repertorio de prensa da emigración” que mantén o Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega (CCG) e que se pode consultar na rede.
20/08/2021
Este sábado 21 de agosto comeza a cuarta edición do Ares Indiano, unha celebración organizada por este concello coruñés para conmemorar o pasado emigrante da vila. O Consello da Cultura Galega (CCG) colabora nesta ocasión con Os Adeuses, a exposición que amosa, a través da ollada do fotógrafo Alberto Martí, os últimos momentos da emigración galega cara a América. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, asiste á inauguración da mostra que se encadra dentro dos actos de apertura do Ares Indiano xunto co alcalde, Julio Iglesias Redondo, e a concelleira de Cultura e Emprego, Alma Barrón. A exposición está divida en dúas das escolas financiadas polos emigrantes locais, a escola Alianza Aresana e a escola da Tenencia en Caamouco, e pode verse ata o 31 de agosto.


