A Sección de Creación de Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega realiza mañá unha xornada en que pretende reflexionar sobre as relacións entre a arte e a educación. Na liña de traballo habitual, de poñer a arte en diálogo con outras estruturas ou disciplinas, busca agora afondar nas estratexias e nos modos nos que a arte está presente na sociedade e na educación. A sesión complétase cunha intervención que recolle un mapa conceptual e gráfico sobre estas materias a partir da colaboración das e dos participantes.
29/06/2016
04/11/2015
“O mercado da arte moveu en 2013 arredor de 336 millóns de euros en España, o 75% desas transaccións fixéronse en galerías privadas e, con todo, a arte e o coleccionismo segue a valorarse como algo reducido a certos grupos” afirmaba Mercedes Basso, directora xeral da Fundación Arte y Mecenazgo na primeira conferencia das xornadas “Arte+Coleccionismo” que se desenvolven no Consello da Cultura Galega. A cita conclúe mañá coa presenza de Pilar Citoler, unha das coleccionistas españolas máis destacadas do mundo da arte, xunto cos directores de coleccións como a Patricia Phelps de Cisneros e feiras artísticas como ARCOmadrid. A xornada foi inaugurada por Francisco Díaz-Fierros, vicepresidente do Consello da Cultura e María Luisa Sobrino, responsable da sección de Creación e Artes Visuais, organizadora da cita, que destacaron a importancia da arte e do coleccionismo na cultura dun país.
03/11/2015
Profesionais de recoñecido prestixio a nivel internacional no mundo da arte reuniranse desde mañá no Consello da Cultura Galega Galega no marco da xornada “Arte+Coleccionismo”. Unha cita dirixida por Marisa Sobrino e coordinada por Rosario Sarmiento e Natalia Poncela que conta coa participación de responsables de entidades como o Museo Thyssen, a Fundación Arte y Mecenazgo ou a colección Patricia Phelps de Cisneros, de feiras como ARCOmadrid, xunto con galeristas e coleccionistas da sona de Pilar Citoler e José Blanco. A sesión de mañá, que se poderá seguir desde o web da institución,achegarase a situación actual do coleccionismo.
30/09/2015
O coleccionismo de arte en España, a pesar de ser unha parte fundamental do sistema artístico, caracterízase pola súa fraxilidade e a súa falta de tradición. Nas xornadas “Arte+Coleccionismo”, o Consello da Cultura Galega, a través da Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas”, pretende reflexionar sobre esta realidade atendendo ao seu presente pero tamén aos seus retos de futuro. Responsables de entidades como o Museo Thyssen ou a colección Patricia Phelps de Cisneros, de feiras como ARCOmadrid, xunto con galeristas e coleccionistas (Pilar Citoler e José Blanco, entre outros) atenderán ao momento complexo que vive o coleccionismo. A cita desenvolverase en Santiago os días 4 e 5 de novembro e acaba de abrir o prazo de inscrición, que se pode formalizar a través da web da institución.


