Novas da lingua

Rexistros1591 a 1620 de 5280
07/05/2021. OUTRAS

O CCG reafírmase na conveniencia de manter o topónimo Ría de Ribadeo

O Consello da Cultura Galega, como órgano estatutario asesor dos poderes públicos, emitiu un informe sobre o topónimo Ría de Ribadeo, elaborado a pedimento da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Neste informe o CCG ratifícase na posición mantida en anteriores ocasións sobre este asunto, argumentando que a forma do topónimo debe ser Ría de Ribadeo, pois tanto a documentación como a cartografía históricas avalan o uso desta forma. Así mesmo, explica a formación usual deste tipo de topónimos, que usan a base ría e complementan o nome co dunha localidade ou terra importante, non co do río. Tras analizar este ditame, así como outros dous emitidos pola RAG e a USC no mesmo sentido, a Xunta de Galicia trasladará a súa decisión de manter a oficialidade deste topónimo galego ao Instituto Xeográfico Nacional do Ministerio de Fomento, que debe valorar a petición do Principado de Asturias de oficializar o nome Ría do Eo.
05/05/2021. INVESTIGACIóN

Presentación virtual do estudo sobre a competencia bilingüe no alumnado de 4º da ESO

A Comisión de Cultura e Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación da USC e o Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega organizan unha presentación virtual, a través de videoconferencia, da investigación "Avaliación da competencia bilingüe nos idiomas galego e castelán do alumnado de 4º da ESO". O acto terá lugar o vindeiro luns, 10 de maio de 2021, de 19:00 h a 20:30 h, e nel participarán Bieito Silva, Xaquín Loredo, María López, Valentina Formoso, Nel Vidal e Henrique Monteagudo. As persoas interesadas en asistir poden inscribirse a través deste formulario web. O prazo de inscrición remata o 10 de marzo, ás 12:00 h. Para ampliar información, preme aquí.
05/05/2021. DINAMIZACIóN

Unha palabra para Xela Arias

No marco da programación institucional das Letras Galegas 2021, a Secretaría Xeral de Política Lingüística presenta a serie Unha palabra para Xela Arias, composta de 31 pezas audiovisuais nas que académicos/as da lingua, familiares e amigos/as fan un retrato plural da autora, a través dos seus textos ou das palabras que mellor a definen. A serie irase completando, coa publicación dun vídeo por día, durante o mes de maio. Para ampliar información, preme aquí.
05/05/2021. CURSOS E CONGRESOS

A debate a oficialidade lingüística e as linguas da docencia en España

A Fundación Manuel Giménez Abad, coa colaboración das Cortes de Aragón, organiza a xornada "Oficialidad lingüística y lenguas docentes en España: balance y perspectivas", que se celebrará a través de videoconferencia o vindeiro 12 de maio de 2021. A exposición sobre a situación concreta do idioma galego correrá a cargo da profesora Alba Nogueira, que participará co relatorio "Las lenguas cooficiales como lenguas docentes: modalidades, con particular atención a Galicia, País Vasco y Cataluña". Todas as persoas interesadas poden inscribirse de balde na actividade, e posteriormente recibirán a ligazón para poder seguir a retransmisión virtual.
04/05/2021. OUTRAS

O CCG presenta a edición conmemorativa de ¡Non te amola!

O Consello da Cultura Galega (CCG) publica ¡Non te amola!, unha obra narrativa de Xela Arias, que permanecía inédita ata este momento, na que a autora ficciona boa parte da súa nenez. O texto preséntase acompañado dun estudo crítico, autoría da profesora Ana Iglesias, e de sete ilustracións realizadas por Bea Gregores. Esta publicación conmemorativa enmárcase nos actos de homenaxe a Xela Arias que o CCG está a desenvolver con motivo do Día das Letras Galegas 2021. Podes ampliar esta información premendo aquí.
04/05/2021. DINAMIZACIóN

Pontevedra elixe o mes das Letras para difundir a música en galego

O Concello de Pontevedra, a través do seu Servizo de Normalización Lingüística, promove o certame musical “X Xela”, co ánimo de render homenaxe a Xela Arias e, ao mesmo tempo, promover a creación musical en lingua galega. O certame está dirixido a músicos/as e bandas de Pontevedra (ou que teñen un compoñente da cidade), e para participar cómpre musicar en lingua galega, con composicións orixinais, un poema de Xela Arias. O xurado seleccionará tres finalistas, que recibirán un premio de 1.000, 500 e 250 euros, respectivamente. O prazo de presentación dos traballos remata o 7 de maio de 2021. Con este mesmo obxectivo de fomentar e difundir a creación musical no noso idioma, o Concello de Pontevedra inaugurará hoxe a mostra “Cantámola en galego”, unha exposición que permite coñecer o amplo e diverso panorama musical actual en lingua galega, e que poderá visitarse durante o mes de maio na praza de Ourense. No marco desta exposición, elaborouse unha unidade didáctica, unha listaxe de reprodución en Spotify con 288 cancións e outra en Youtube con 77 vídeos musicais.
03/05/2021. DINAMIZACIóN

Concerto das Letras Galegas 2021

O Consello da Cultura Galega, coa colaboración do Concello de Vigo, organiza o Concerto das Letras Galegas 2021, que este ano se celebrará en homenaxe a Xela Arias no Pazo de Congresos Auditorio Mar de Vigo, o 16 de maio de 2021 ás 20:00 horas. Nesta edición a actuación correrá a cargo de Laura Lamontagne & PicoAmperio, que ofrecerán un espectáculo baseado en temas do seu repertorio e poemas da autora homenaxeada. Debido ás limitacións sanitarias, ofrécense dúas modalidades de asistencia: presencial ou virtual. As entradas para asistir presencialmente podes conseguilas de balde en teuticiket.com ou no despacho de billetes do Auditorio Mar de Vigo dúas horas antes do inicio do espectáculo. O concerto emitirase tamén en directo dende o sitio web do Consello da Cultura Galega e da súa canle de youtube, así como pola web da CRTVG.
03/05/2021. OUTRAS

A Mesa constata a ausencia de contidos en galego nas plataformas audiovisuais

A Mesa pola Normalización Lingüística presenta o "Informe Xabarín", que analiza a presenza de contidos en lingua galega nas diferentes operadoras e plataformas audiovisuais. O estudo constata que ningunha das 10 canles temáticas infantís, que como media teñen as principais operadoras de TV por fibra óptica, ofrecen contidos en galego. No que respecta aos títulos dispoñibles no catálogo global das diferentes plataformas, só 25 (de entre máis de 25.000) están accesibles no noso idioma. O informe preséntase no marco da Iniciativa Xabarín, que estes días recibiu tamén o apoio de APRADOGA, a asociación dos profesionais da dobraxe en Galicia. Podes ampliar información premendo aquí.
28/04/2021. DINAMIZACIóN

Migallas Teatro publica a serie "Brincadeiras da lingua"

Xa está accesible en liña a colección dos dez vídeos que compoñen a serie audiovisual Brincadeiras da lingua, onde se recollen ditos infantís tradicionais de Galicia. O obxectivo é difundir a riqueza da nosa tradición oral e, ao mesmo tempo, fornecer de recursos ás familias para a transmisión interxeracional da lingua. Na páxina web Orella Pendella, xestionada por Migallas Teatro, tes máis información sobre os ditos, recitados e cancións que conservamos na nosa literatura popular infantil.
28/04/2021. INVESTIGACIóN

O 35% dos castelanfalantes rematan a ESO cunha competencia deficiente en galego

A Real Academia Galega presenta o estudo Avaliación da competencia bilingüe nos idiomas galego e castelán do alumnado de 4º da ESO, onde se analiza a competencia en comunicación lingüística da denominada xeración Z, poñendo os datos en relación con variables sociodemográficas, sociolingüísticas e escolares. Malia que, por mandato legal, o sistema educativo debe garantir que o alumnado remate a ESO coa mesma competencia nos dous idiomas oficiais, o estudo constata un evidente desequilibrio en detrimento do galego, relacionado co perfil lingüístico do alumnado, o hábitat e a titularidade do centro. Así, mentres os galegofalantes demostran ter unha competencia equilibrada nos dous idiomas, máis do 35% dos castelanfalantes teñen unha competencia bastante máis deficiente en galego ca en castelán. A competencia bilingüe tamén é máis máis homoxénea nos centros públicos e no rural; sendo o alumnado do ámbito urbano e da rede privada o que amosa peor competencia en galego.
23/04/2021. DINAMIZACIóN

Nova edición do concurso musical Cantalingua

A Asociación Cultural Correlingua convoca o Cantalingua 2021, un concurso musical dirixido a bandas ou solistas que desenvolven a súa actividade en galego. As cancións presentadas a concurso deben ser orixinais e a letra debe estar integramente en lingua galega. O prazo para enviar as propostas, en formato MP3, remata o vindeiro 31 de maio de 2021. Os tres primeiros clasificados terán a oportunidade de actuar dentro da programación do Correlingua 2021, que se desenvolverá no vindeiro outono baixo o lema Inmunízate co galego!. Para ampliar información, preme aquí.
23/04/2021. OUTRAS

Colección de infografías para a aprendizaxe do léxico galego

A comunidade virtual "Orgullo Galego", que ten entre os seus obxectivos fomentar a creación de contidos en lingua galega en Internet, facilita temporalmente o acceso libre (con posibilidade de descarga en formato PDF) á súa colección de infografías cunha selección do léxico galego usado para denominar a nosa fauna e flora autóctonas. A intención é que estas infografías poidan usarse como material didáctico tanto nas escolas coma no ámbito familiar, contribuíndo así á difusión do noso léxico patrimonial entre os máis cativos/as.
19/04/2021. DINAMIZACIóN

En liña o cancioneiro escolar urxente de Rianxo

O CEP Brea Segade de Taragoña e o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Rianxo poñen ao dispor da cidadanía o primeiro volume do Cancioneiro escolar urxente de Rianxo. Trátase dun proxecto educativo de recuperación do patrimonio cultural, musical e lingüístico, coordinado polo docente e investigador musical José Luís do Pico Orjais, que compila
cantigas, partituras e historias de diferentes composicións rianxeiras (prosas de Reis, cantigas de Entroido, cantos dos maios, arrolos, seráns, fiadas...). O obxectivo é ofrecer unha guía didáctica aos docentes de música e divulgadores culturais que traballan no concello. Na páxina web do SNL de Rianxo podes consultar o propio cancioneiro en formato PDF, así como outro material complementario relacionado co proxecto (unidades didácticas, propostas escolares, audios, vídeos...) .

19/04/2021. INVESTIGACIóN

Novos estudos sobre as Irmandades da Fala e o seu tempo

O Consello da Cultura Galega presenta a publicación As Irmandades da Fala no seu tempo: perspectivas cruzadas, na que diferentes historiadores, politólogos e lingüistas analizan este movemento histórico desde diferentes ópticas: a peninsular, a europea e a americana da diáspora. A obra recolle unha selección dos relatorios presentados nos tres congresos que o CCG organizou, entre os anos 2016 e 2018, co gallo da celebración do centenario da fundación das Irmandades da Fala. Así mesmo, tamén está accesible en liña o volume The First World War and the Nationality Question in Europe Global Impact and Local Dynamics, editado en inglés pola editorial Brill, co obxectivo de difundir este coñecemento entre o público internacional. Podes acceder a estas dúas publicacións, así como a información sobre as figuras máis destacadas das Irmandades da Fala, neste especial web.
19/04/2021. EMPREGO

Bolsa de emprego para a contratación de normalizador/a lingüístico/a no Concello de Arzúa

O Concello de Arzúa publica as bases que rexerán a convocatoria para a creación dunha bolsa de emprego destinada á provisión temporal da praza de normalizador/a lingüístico/a. O sistema de selección é o de oposición libre. Os/as aspirantes deben estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións (ou equivalente): licenciatura en Filoloxía Galego-Portuguesa, licenciatura en Filoloxía Galega, licenciatura en Filoloxía Hispánica (subsección Galego-Portugués), grao en Lingua Galega, ou outras titulacións de grao/licenciatura sempre que estean en posesión do Celga 5. O prazo de presentación de solicitudes é de 10 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria. [Corrección de erros]
12/04/2021. DINAMIZACIóN

Publícase a documentación dos proxectos gañadores dos II Premios Mil Primaveras

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua acaba de facer pública toda a documentación asociada aos proxectos gañadores da segunda edición dos Premios Mil Primaveras, uns galardóns que teñen como obxectivo recoñecer e dar visibilidade ao traballo ben feito no ámbito da normalización lingüística. Accede a toda a información detallada no sitio web da iniciativa.
12/04/2021. OUTRAS

Nace Agora.gal, un novo guieiro para navegar pola rede en galego

Xa podes visitar Agora.gal, un proxecto de agregación e distribución de contidos dixitais en galego, con aparencia de medio de comunicación. Neste momento, os internautas atoparán en Agora.gal os contidos de trinta blogs e medios asociados ao proxecto. A intención dos seus promotores é seguir agregando novos sitios web ata convertelo no portal de referencia para acceder á información e aos contidos en galego. No seu blog atoparás máis información sobre a iniciativa.
09/04/2021. AXUDAS E PREMIOS

Convocatoria de axudas aos concellos para a promoción do galego

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia publica as bases das subvencións ás entidades locais para o ano 2021 destinadas á creación, mantemento ou reforzamento dos seus servizos de normalización lingüística; así como ao desenvolvemento de programas de dinamización lingüística. Poderán optar a estas axudas os concellos ou agrupamentos de concellos con poboación igual ou superior aos 3.000 habitantes. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
09/04/2021. INVESTIGACIóN

Novo estudo sobre a toponimia de Carballo

A Real Academia Galega e a Asociación Galega de Onomástica presentan o volume Toponimia de Carballo, autoría de Fernando Cabeza Quiles, que se incorpora á colección Terra Nomeada, creada para compilar e estudar os nomes de lugar habitados e algúns dos principais accidentes xeográficos dos concellos de Galicia. Na mesma colección atoparás outros estudos sobre os topónimos dos concellos de Agolada, Ames, Begonte, A Estrada, Rábade e Trabada. Podes ampliar información premendo aquí.

08/04/2021. DINAMIZACIóN

Xoga a ser un personaxe das cantigas medievais

Xa está accesible en liña O Mester, o videoxogo elaborado por Pablo García de los Salmones e Carlos Balado Sánchez, no que poderás derrotar os demos con duelos musicais, coma se foses un personaxe das ilustracións das Cantigas de Santa María. Este xogo foi o seleccionado como gañador no concurso organizado polo Consello da Cultura Galega e a Asociación Galega de Videoxogos, que se desenvolveu no marco da exposición "Afonso X e Galicia". Para ampliar información preme aquí.
06/04/2021. OUTRAS

A RAG presenta unha serie documental sobre Xela Arias

A Real Academia Galega estrea "Xela Arias. A palabra esgazada", unha serie documental de seis capítulos sobre a vida e obra da autora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2021. Xa está dispoñible na rede o primeiro capítulo, centrado nos primeiros anos de vida da autora, desde o seu nacemento en Sarria ata a súa chegada a Vigo con 7 anos. Os seguintes capítulos estrearanse semanalmente, cada martes, ata a semana previa á celebración do Día das Letras Galegas. Podes ampliar esta información premendo aquí.
05/04/2021. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a tradución do libro galego

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia publica a convocatoria de axudas para o libro galego, tanto no que se refire á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego como á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
05/04/2021. LEXISLACIóN

O Consello de Europa reafírmase nas eivas detectadas en 2019 na aplicación da "Carta"

O Comité de Expertos do Consello de Europa publica un documento avaliativo sobre as "medidas de acción inmediata" que recomendara en 2019, e que as autoridades deberían ter implementado co obxecto de cumprir os compromisos adquiridos polo Goberno español ao ratificar a Carta Europea para as Linguas Rexionais ou Minoritarias. No que respecta ao galego, o Comité de Expertos considera que as recomendacións feitas en 2019 non foron implementadas. Sinala que o marco legal existente en Galicia en materia educativa é contrario aos compromisos recollidos na Carta e que continúa habendo limitacións para o ensino no noso idioma. Así mesmo, lembra que tampouco foi modificada a Lei Orgánica do Poder Xudicial para garantir o uso do galego nos procesos xudiciais a pedimento dunha das partes, e que seguen a detectarse impedimentos para a tramitación de documentos en galego na Administración do Estado en Galicia. No referente ao galego estremeiro, solicítalle ao Goberno do Principado de Asturias que inclúa o galego-asturiano no seu Estatuto de Autonomía e recoméndalle ao Goberno de Castela e León tomar medidas efectivas para protexer o galego. Por último, tamén lle recomenda ao Goberno de Estremadura que promova "a fala" e a inclúa no seu Estatuto. Podes consultar todos os informes e documentos avaliativos sobre a aplicación da Carta en España premendo aquí.

30/03/2021. AXUDAS E PREMIOS

A Deputación da Coruña resolve as axudas para os SNL municipais

A Deputación da Coruña publica a resolución provisional das subvencións a concellos e entidades locais da provincia da Coruña para a creación, mantemento e reforzo dos servizos de normalización lingüística durante o ano 2021. A partir do día seguinte á publicación desta resolución, os solicitantes teñen un prazo de 10 días hábiles para comunicar, se fose o caso, a desistencia da solicitude. De non tramitar a desistencia no citado prazo, enténdese que aceptan a axuda. Para consultar o texto completo da resolución, preme aquí.
30/03/2021. DINAMIZACIóN

Volve o festival de narración oral "Falando a Boca Chea"

Entre os días 20 e 24 de abril de 2021 celebrarase no Forum Metropolitano da Coruña unha nova edición do festival de narración oral “Falando a Boca Chea”. Trátase dunha iniciativa, organizada desde 2017 pola empresa de xestión cultural Artestudio, coa colaboración do Concello da Coruña, que pretende achegar a todos os públicos a arte da narración oral en lingua galega. Podes consultar o programa completo ou obter información sobre as canles para conseguir as entradas e convites, premendo aquí.

29/03/2021. INVESTIGACIóN

A RAG presenta un estudo sobre os nomes comerciais

O Seminario de Onomástica da Real Academia Galega presenta a publicación Estudos de Onomástica Galega V. Os nomes comerciais, que recolle os traballos presentados na V Xornada de Onomástica, celebrada en Pontevedra no pasado mes de novembro de 2020. O volume recolle nove achegas, de diferentes lingüistas ou representantes do sector comercial, nas que se reflexiona sobre as tendencias de nominación dos establecementos e produtos comerciais e sobre o seu papel no proceso de normalización lingüística.
29/03/2021. DINAMIZACIóN

Novos recursos en liña do programa "Vigo arrólate"

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo presenta novos recursos en liña creados no marco do proxecto "Vigo arrólate", que ten como obxectivo fomentar a transmisión do galego no ámbito familiar. Na páxina web da iniciativa atoparás unha selección de arrolos en lingua galega para que os bebés prendan no sono. Así mesmo, da man do Fiadeiro poderás descubrir a orixe, a evolución e a temática habitual dos cantos de berce.
26/03/2021. DINAMIZACIóN

O Concello de Teo creará o Bosque Apego

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Teo vén de dar un paso máis na implementación do programa Apego no municipio, anunciando a creación do Bosque Apego, un espazo natural no que cada familia que teña un fillo/a terá a oportunidade de plantar unha árbore autóctona. Deste xeito, o apego pola lingua e cultura propias durante os primeiros anos de vida vincúlase tamén ao apego polo contorno natural no que se crían os/as nenos/as. As familias do Teo que desexen participar no programa deben poñerse en contacto co SNL municipal. Podes obter máis información sobre esta iniciativa premendo aquí.
26/03/2021. CURSOS E CONGRESOS

Xornadas de normalización lingüística "A lingua galega e a filosofía"

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Filosofía da USC organiza as xornadas "A lingua galega e a filosofía", que terán lugar os días 12 e o 19 de abril de 2021. A iniciativa está dirixida principalmente ao alumnado desta Facultade e, por mor das restricións sanitarias vixentes, as sesións desenvolveranse mediante videoconferencia a través de Zoom. O prazo de inscrición estará aberto ata o vindeiro 7 de abril. Para ampliar información preme aquí.

25/03/2021. DINAMIZACIóN

Enreguéifate 2021: que erga a man quen morra por regueifar!

Os servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Pontevedra, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo convocan unha nova edición de Enreguéifate, un certame de regueifas en vídeo que ten como obxectivo difundir a regueifa como forma de improvisación oral e contribuír á promoción do galego. Os participantes deben presentar un vídeo en galego no que interactúen dúas persoas como mínimo, de temática libre e cunha duración máxima de 3 minutos. Establécense dúas categorías, unha para público xeral e outra para alumnado do ensino non universitario, e o xurado outorgará diferentes premios por cada categoría. O prazo de presentación dos vídeos esténdese desde o 29 de marzo ao 28 de maio de 2021. Para consultar as bases completas da convocatoria, preme aquí.