A Casa dos Poetas de Celanova acolleu esta mañá a inauguración da mostra “O soño cubano da emigración galega”, unha proposta do Consello da Cultura Galega (CCG), coa colaboración da Secretaría Xeral da Emigración, que ilustra a fortaleza, a continuidade e a visibilidade da presenza galega na Habana. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, destacou no acto o “intenso vínculo entre Cuba e Celanova e que ten un dos seus máximos expoñentes na figura de Curros Enríquez”. Unha relación na que incidiu tamén o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, quen lembrou que “na actualidade viven neste país americano máis de 13.000 descendentes de ourensáns”. O alcalde de Celanova, Antonio Puga, dixo na súa intervención que “sen a emigración galega en Cuba é moi posible que hoxe non só non existise a Fundación Curros Enríquez, senón que probablemente nin existiría a propia casa que hoxe acolle esta mostra”. A exposición estará aberta ata o 24 de xaneiro.
Ler máis