Arquivo de noticias do CCG

Presentado o <em>Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo</em> con medio milleiro de cantares tradicionais
Presentado o Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo con medi...
Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros, novas medallas do Consello da Cultura Galega
Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros, novas medallas do Consello da Cultura ...
Morre o especialista en arte medieval, Ramón Izquierdo Perrín
Morre o especialista en arte medieval, Ramón Izquierdo Perrín
Día Europeo das linguas no Congreso dos Deputados
Día Europeo das linguas no Congreso dos Deputados
Faustino Rey Romero e Baldomero Isorna Casal. Fundadores da Romaría Viquinga e o Ateneo Ullán no Álbum de Galicia
Faustino Rey Romero e Baldomero Isorna Casal. Fundadores da Romaría Viquinga e ...
O CCG avanza a programación do segundo semestre de 2025 ao redor do futuro da lingua e o acceso á cultura
O CCG avanza a programación do segundo semestre de 2025 ao redor do futuro da l...
O CCG preservará os fondos do Seminario Galego de Educación para a Paz
O CCG preservará os fondos do Seminario Galego de Educación para a Paz
O Repertorio da prensa da emigración galega suma novos números da publicación <b>Orientación Gallega</b>
O Repertorio da prensa da emigración galega suma novos números da publicación...
Celebramos o Día do Naturalismo cun avance da obra de Sarmiento sobre a seixebra
Celebramos o Día do Naturalismo cun avance da obra de Sarmiento sobre a seixebr...
As túas ideas no foro 'Un país coa súa lingua'
As túas ideas no foro 'Un país coa súa lingua'
Amosando noticias 1261 a 1280 de 3181

O Consello da Cultura Galega revisa as repercusións para Galicia da II Guerra Mundial

A Segunda Guerra Mundial é un dos momentos centrais da historia da humanidade. Malia que a Guerra Civil nos deixou oficialmente fóra do conflito e das súas consecuencias inmediatas, Galicia non foi allea ao enfrontamento. Sobre as pegadas sociais, políticas, económicas, literarias, cinematográficas, xeopolíticas e vivenciais que o conflito deixou nesta terra afondarán diferentes expertos na xornada “Galicia e a Segunda Guerra Mundial”. A cita, que está coordinada por Luis Domínguez Castro, terá lugar os vindeiros días 13 e 14 de abril. Os relatorios serán gravados previamente pero os debates terán lugar en directo a través da rede.

Ler máis

Diferentes institucións piden un trato igualitario no Día Internacional do Pobo Xitano

Recoñecer legalmente o matrimonio xitano, combater estereotipos, tender pontes, visibilizar desigualdades e lembrar o papel dos maiores son algunhas das ideas que se manifestaron na xornada “Pobo xitano: por unha sociedade máis igualitaria II” que hoxe, 8 de abril, Día Internacional do Pobo Xitano, celebraron o Consello da Cultura Galega (CCG), a Valedora do Pobo e a Fundación Secretariado Gitano. Os relatorios, que foron gravados previamente, xa se poden consultar desde o web e as redes sociais do CCG.

Ler máis

O Álbum de Galicia incorpora a biografía de Ramiro Vidal, figura clave da colectivdade galega en Lisboa

Foi unha figura destacada para entender o xermolo da colectividade galega en Lisboa. Ramiro Vidal Carrera (Taboexa, As Neves, 1887 - Vilasobroso, Mondariz, 1967) é a última incorporación ao Álbum de Galicia. A súa entrada biográfica achega a súa evolución como empresario, pero tamén a súa faceta de político e colaborador en diferentes xornais.

Ler máis

Unha xornada lembra o papel dos maiores na cultura xitana no día internacional deste pobo

O Consello da Cultura Galega, a Valedora do Pobo e a Fundación Secretariado Gitano volven unir as súas forzas na segunda edición da xornada “Pobo xitano: por unha sociedade máis igualitaria”. Nesta ocasión a cita pon o acento no coidado e o papel que os maiores desempeñan na cultura xitana. A cita desenvólvese mañá xoves, 8 de abril, no Día Internacional do Pobo Xitano que este ano ten unha significación especial porque se cumpren 50 anos do I Congreso Mundial roma/xitano realizado en Londres en 1971, no que se instituíron a bandeira e o himno xitanos. Os relatorios son gravados previamente e difundiranse desde o web e as redes sociais do CCG.

Ler máis

Presentada a edición facsimilar de “Fardel de eisilado”, poemario que recupera a faceta poética de Seoane

“Fardel de eisilado” foi un dos libros máis queridos por Luís Seoane (Bos Aires, 1910- A Coruña, 1979). Concibiuno como un libro de debuxos con textos e acabou sendo un dos poemarios que inauguraron a poesía socialrealista na literatura galega. A presidenta do Consello da Cultura Galega(CCG), Rosario Álvarez; o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda e a directora da Fundación Luis Seoane, Silvia Longueira, presentaron esta tarde na Coruña a edición facsimilar deste texto. O acto contou coa participación do director do Arquivo da Emigración Galega, Xosé M. Núñez Seixas máis do autor do estudo introdutorio, Gregorio Ferreiro Fente.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega, a Secretaría Xeral da Emigracion e a Fundación Seoane presentan “Fardel de eisilado”

“Fardel de eisilado” é unha pequena xoia que encerra moitas historias. Luís Seoane concibiuno como un libro de debuxos con textos e acabou sendo un dos primeiros poemarios que inauguraron a poesía socialrealista na literatura galega. Circulou entre os libros prohibidos no franquismo e amosa outra das caras do poliédrico Seoane. Mañá martes 6 de abril, o Consello da Cultura Galega (CCG) presentará esta publicación na sede da Fundación Luís Seoane. O acto terá lugar ás 19:00 horas e intervirán a presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda; o vicepresidente da institución e coordinador da colección, Xosé M. Núñez Seixas; a directora da Fundación Seoane, Silvia Longueira, e o autor do estudo introdutorio, Gregorio Ferreiro Fente.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega, a Valedora do Pobo e a Fundación Secretariado Gitano conmemoran o Día Internacional do Pobo Xitano cunha xornada

O vindeiro 8 de abril é o Día Internacional do Pobo Xitano, unha efeméride á que neste 2021 se suma outra: o 50 aniversario do I Congreso Mundial roma/xitano realizado en Londres en 1971, no que se instituíron a bandeira e o himno xitanos. Con estas dúas conmemoracións, o Consello da Cultura Galega (CCG), a Valedora do Pobo e a Fundación Secretariado Gitano volven unir as súas forzas para levar a cabo a segunda xornada “Pobo xitano: por unha sociedade máis igualitaria”. Nesta ocasión a cita pon o acento no coidado e o papel que os maiores desempeñan na cultura xitana. Os relatorios son gravados previamente e difundiranse ese día desde o web e as redes sociais do CCG.

Ler máis

O ciclo que revisa os trinta anos da Facultade de Belas Artes remata mañá coa análise dos retos de futuro

“E agora que? Retos de cara ao futuro” esta é a pregunta que pretenderán responder Xosé M. Buxan Bran, Covadonga Barreiro e David Fidalgo na sesión que se poñerá a disposición do público mañá, luns 5 de abril. A cita, organizada pola Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega (CCG) pon o ramo ao ciclo titulado “A Facultade de Belas Artes de Pontevedra trinta anos despois” que revisou o papel deste centro cando se cumpren tres décadas da súa posta en marcha. A sesión, que foi gravada previamente, subirase á rede mañá e quedará a disposición da cidadanía para consultas futuras.

Ler máis

A entrada da arquitecta Maria del Milagro Rey Hombre incorpórase ao Álbum de Galicia

Proxectou algunhas das construcións máis emblemáticas da Coruña como a fonte de Catro Camiños ou a “Torre Douradas” o primeiro rañaceos da cidade. Foi precisamente na capital herculina onde María del Milagro Rey Hombre (Madrid,1930- A Coruña, 2014) desenvolveu a súa traxectoria profesional como arquitecta e tamén como docente. A súa entrada acaba de incorporarse ao Álbum de Galicia.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega recibe unha doazón sobre Urbano Feijóo de Sotomayor

A figura de Urbano Feijóo de Sotomayor (1808-1898) é bastante controvertida. Foi un empresario e político galego que promoveu a creación dun plan de colonización que facilitase, en termos xurídicos, económicos, filantrópicos e prácticos a chegada a Cuba de galegos. Un operativo que se iniciou en 1854 e rematou dous anos despois nunha crise motivada polo trato denigrante dispensado aos traballadores. Algúns dos documentos que axudan a comprender esta época están no fondo documental que o profesor Luis T. González del Valle acaba de doar ao Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega (CCG) con intermediación da Secretaría Xeral da Emigración.

Ler máis

Un duelo musical a partir das Cantigas de Santa Maria gaña a game jam “Afonso X e Galicia”

O xurado da game jam "Afonso X e Galicia" declarou por unanimidade gañador o xogo “O mester”, presentado por Carlos Balado e Pablo García de los Salmones. O videoxogo parte da tradición musical das Cantigas de Santa María, e propón duelos musicais cos personaxes das ilustracions do Códice. A entrega do premio, dotado con 250 euros en metálico, terá lugar o venres 16 de abril.

Ler máis

Unha xornada do Consello da Cultura Galega propón un decálogo para a cultura sustentable en Galicia

Situar a cidadanía no centro da acción cultural, entender a cultura desde unha perspectiva ampla, priorizar o investimento público cultural no reforzo de persoal e favorecer unha economía máis social son algúns dos aspectos que contempla o “Decálogo para unha cultura sustentable en Galicia”, documento elaborado pola Comisión Técnica Temporal de Xestión e Políticas Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG). Esta síntese é o resultado das achegas realizadas por diferentes expertos e axentes culturais no marco da xornada “Futuros presentes, conversas sobre cultura e sustentabilidade” desenvolvida o pasado mes de febreiro.

Ler máis

Publicada unha nova entrega do proxecto "Sextina"

O Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) acaba de facer pública unha nova entrega do seu proxecto Sextina. Desta volta inclúe documentación das “II Xornadas Feministas Galegas”, unha cita desenvolvida nos primeiros días de novembro de 1984 que xuntou a diferentes colectivos para tratar algúns dos temas destacados do momento como o lesbianismo, a violencia ou a educación.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega adapta en formato podcast “La Lindona de Galicia”, unha comedia moi representada no Século de Ouro

O Consello da Cultura Galega adapta en formato podcast “La Lindona de Galicia”, unha comedia moi representada no Século de Ouro

Na véspera do Día Mundial do Teatro, o Consello da Cultura Galega (CCG) presenta “A Lindona de Galicia”, un proxecto que explica e ficciona en cinco episodios sonoros unha obra que foi moi representada durante dous séculos. O texto é unha comedia de enredo protagonizada por unha brava muller que fala en lingua galega e que se afasta dos arquetipos da época. A adaptación en formato podcast desta peza foi dirixida por Tito Asorey, quen tamén a protagoniza xunto con Melania Cruz, Sergio Zearreta e Josito Porto. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o coordinador do proxecto, Manuel Gago; e o director da adaptación, Tito Asorey, presentaron esta ficción que comeza a emitirse hoxe acompañada dunha serie de artigos contextualizadores.

Ler máis

O escritor Luisgé Martín falará mañá sobre a mentira na literatura no ciclo “Pensarmos”

“A literatura usa a ficción e a mentira para crear unha verdade superior a todas elas. Pero hai tamén unha literatura que trata do disimulo, da mentira, do disfraz, da mentira en suma”. Así presentou Luisgé Martín (Madrid, 1962) a súa intervención no ciclo “Pensarmos”, organizado pola Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG), e que este ano se centra na mentira. Baixo o título “Cen vidas falsas” o escritor ofreceu o seu relatorio que foi gravado e xa se pode consultar no web da institución. Mañá, ás 18:00 horas, producirase un coloquio en directo entre o propio Luisgé Martín, a coordinadora do ciclo, Carme Adán; e escritor Juan Tallón. Todas as persoas que queiran intervir poden facelo a través do correo participa@consellodacultura.gal.

Ler máis

Incorpórase ao Álbum de Galicia a biografía de Anne MacSwiney, unha das poucas mulleres que escribiron na Revista Nós

Só oito mulleres escribiron na Revista Nós. Unha delas foi Anne MacSwiney, unha comprometida mestra e loitadora nacionalista irlandesa. Participou no número 8 da emblemática publicación, con artigo titulado "Notas da vida de Terencio Mac Swiney», dedicado ao seu irmán, alcalde de Cork polo Sinn Féin, morto en prisión tras unha longa folga de fame coa que procuraba reivindicar os seus ideais e os de milleiros de irlandeses. A súa biografía é a última entrada do Álbum de Galicia.

Ler máis

Unha xornada do Consello da Cultura Galega analiza o desenvolvemento turístico da costa do solpor

O mércores 24 de marzo é o primeiro día da franxa do ano en que se produce no noso país o último solpor da Europa continental. Por iso é o día escollido para celebrar a xornada “A costa do solpor europea: unha irmandade atlántica”. Esta actividade da Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega (CCG) está coordinada por Jorge Mira. Diferentes profesionais analizan as posibilidades de desenvolvemento turístico de cinco lugares atlánticos nos que se produce un fenómeno natural: son o último punto no que atardece en Europa, se temos que conta que a iluminación solar do planeta muda durante o ano. Os seus relatorios foron previamente gravados e poñeranse mañá a disposición da cidadanía tanto no web da institución coma nas súas redes sociais.

Ler máis

Presentada en Vigo a programación do Día das Letras Galegas que lembrará a contemporaneidade de Xela Arias

Presentada en Vigo a programación do Día das Letras Galegas que lembrará a contemporaneidade de Xela Arias

Publicacións, proxeccións multimedia, concertos e un acto académico son as actividades centrais que lembrarán a figura de Xela Arias (Lugo, 1962- Vigo, 2003) ao longo de todo o ano. Así o explicaron esta mañá en Vigo Román Rodríguez, conselleiro de Cultura e Turismo; Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG); Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega (RAG); Xaime Arias director de proxección social da CRTVG e Darío Gil Arias, fillo da homenaxeada.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega remodela a web do Arquivo Sonoro de Galicia para achegar os fondos á cidadanía

Uns 10.000 exemplares en diferentes formatos que conforman unha nutrida parte da produción musical galega, sexa editada en Galicia ou sexa fóra, preto de 6.000 voces de figuras senlleiras da nosa cultura ou as primeiras gravacións sonoras que se conservan son algúns dos materiais que custodia o Arquivo Sonoro de Galicia (ASG), centro dependente do Consello da Cultura Galega (CCG), que estrea hoxe novo espazo web. A remodelación constitúe a primeira fase dun proxecto que pretende contribuír progresivamente á visibilización do material que custodia a institución. Xosé Ramón Pousa é o actual director do arquivo, que foi creado en 1992.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega funde a poética de Xela Arias coa das novas voces no Día da Poesía

Este domingo 21 de marzo, Día Mundial da Poesía, o Consello da Cultura Galega (CCG) presenta “O equilibrio dos extremos”, un recital que pon en diálogo a obra poética de Xela Arias (Sarria,1962-Vigo, 2003), homenaxeada este ano co Día das Letras Galegas, coa das novas xeracións de poetas. Nel, doce escritores e escritoras escollen un poema da autora de “Intempériome” que fan dialogar con outro que elaboraron expresamente para a ocasión. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, destacou que “é unha sorte de festa poética que por mor das circunstancias actuáis sería complicado realizar con público e que levamos á rede para darlle unha maior difusión”. Está acompañado dunha videocreación elaborada pola produtora Miramemira a partir das novas obras creadas para este recital.

Ler máis