Arquivo de noticias do CCG

Presentado o <em>Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo</em> con medio milleiro de cantares tradicionais
Presentado o Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo con medi...
Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros, novas medallas do Consello da Cultura Galega
Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros, novas medallas do Consello da Cultura ...
Morre o especialista en arte medieval, Ramón Izquierdo Perrín
Morre o especialista en arte medieval, Ramón Izquierdo Perrín
Día Europeo das linguas no Congreso dos Deputados
Día Europeo das linguas no Congreso dos Deputados
Faustino Rey Romero e Baldomero Isorna Casal. Fundadores da Romaría Viquinga e o Ateneo Ullán no Álbum de Galicia
Faustino Rey Romero e Baldomero Isorna Casal. Fundadores da Romaría Viquinga e ...
O CCG avanza a programación do segundo semestre de 2025 ao redor do futuro da lingua e o acceso á cultura
O CCG avanza a programación do segundo semestre de 2025 ao redor do futuro da l...
O CCG preservará os fondos do Seminario Galego de Educación para a Paz
O CCG preservará os fondos do Seminario Galego de Educación para a Paz
O Repertorio da prensa da emigración galega suma novos números da publicación <b>Orientación Gallega</b>
O Repertorio da prensa da emigración galega suma novos números da publicación...
Celebramos o Día do Naturalismo cun avance da obra de Sarmiento sobre a seixebra
Celebramos o Día do Naturalismo cun avance da obra de Sarmiento sobre a seixebr...
As túas ideas no foro 'Un país coa súa lingua'
As túas ideas no foro 'Un país coa súa lingua'
Amosando noticias 1321 a 1340 de 1453

O Consello da Cultura Galega e a Secretaría Xeral de Emigración levan a Celanova a exposición “O soño cubano da emigración galega”

“O soño cubano da emigración galega” é unha mostra do Consello da Cultura Galega, coa colaboración da Secretaría Xeral de Emigración, que ilustra a fortaleza, a continuidade e a visibilidade da presenza galega na Habana. Xosé Manoel Núñez Seixas e María Xosé Porteiro son os comisarios desta aposta que percorre por primeira vez a relación histórica que Galicia mantivo coa Habana, onde se xestou a Galicia moderna e na que naceron os nosos símbolos: a bandeira, o himno e o escudo. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e o secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, serán os encargados de inaugurar mañá (12:00 horas) esta mostra que estará aberta na Casa dos Poetas de Celanova ata o 24 de xaneiro.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega participa nos actos de celebración da Asemblea de Melide

Este venres 4 de decembro de 2020 cúmprense cinco séculos da celebración dunha xuntanza histórica: a Asemblea de Melide. Vintecinco nobres, poderosos e representantes das cidades e vilas do Reino de Galicia xuntáronse nesta localidade para pedirlle ao rei Carlos I o retorno do voto en Cortes para o país, que exercía a cidade de Zamora, xunto con outras importantes reivindicacións. O Consello da Cultura Galega (CCG) colabora co concello e co museo de Melide nesta iniciativa que recupera un acontecemento destacado para comprender a historia do país.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega reforzou a súa dimensión avaliadora e asesora durante a COVID-19

O Consello da Cultura Galega reforzou a súa dimensión avaliadora e asesora durante a COVID-19

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, compareceu na tarde deste mércores na Comisión terceira de Economía, Facenda e Orzamentos, do Parlamento de Galicia, no marco das sesións informativas en relación co Proxecto de lei de orzamentos. O orzamento da institución para o próximo ano é de 2.782.982 euros, 25.919 euros máis que en 2020. Álvarez explicou as liñas xerais de actuación desenvolvidas e avanzou a programación de 2021, que supón un cambio no deseño do programa de actividades da institución. A vixencia da cultura galega medieval, os dereitos culturais e lingüísticos, a igualdade e a inclusión, a proxección exterior da cultura galega xunto co fomento da cultura científica, a creación e o pensamento contemporáneos así como a defensa do patrimonio material e inmaterial son liñas que abordará a institución ao longo do próximo ano. A programación comezará cunha exposición sobre Afonso X e a súa conexión con Galicia. Os representantes dos tres grupos parlamentarios expresaron o seu recoñecemento ao labor da institución.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega recrea a peregrinación de Risco, Pedrayo e Ben Cho-Shey no Día de Santo André

En 1927 tres amigos, Vicente Risco, Otero Pedrayo e Xosé Ramón Fernández Oxea (Ben Cho-Shey), iniciaron unha peregrinación que os levou de Ourense a Santo André de Teixido. Case cen anos despois, o Consello da Cultura Galega (CCG) recrea esa viaxe para descubrir as transformacións do rural galego grazas ás detalladas descricións de Otero e os debuxos de Vicente Risco, que recolleron no libro Pelerinaxes que a Editorial Nós deu ao prelo en 1929. Presentámolo hoxe, 30 de novembro, día de Santo André.

Ler máis

Unha publicación analiza as conexións entre as linguas ibéricas

Galego e castelán son linguas que están en contacto desde hai séculos. Non é única interrelación entre idiomas na Península Ibérica, xa que tamén se fala o portugués, o asturiano, o castelán, o vasco, o aragonés, o aranés e o catalán. Amosar as interrelacións entre elas como unha situación de normalidade permitirá pór en contexto a situación do noso país e entendela mellor. Esta é unha das finalidades do volume "Variedades lingüísticas en contacto na Península Ibérica", a última publicación do Consello da Cultura Galega editada por Francisco Dubert-García, Vítor Míguez e Xulio Sousa. O libro xa pode descargarse de balde desde o sitio web da institución.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega visibilizará a faceta humana e cultural de Afonso X no 800 aniversario do seu nacemento

O Consello da Cultura Galega visibilizará a faceta humana e cultural de Afonso X no 800 aniversario do seu nacemento

O 23 de novembro de 1221 nacía en Toledo unha das figuras máis relevantes da cultura europea e, particularmente, das letras hispánicas do seu tempo: Afonso X. Sobre esta figura afonda “Afonso X e Galicia”, o último proxecto expositivo do Consello da Cultura Galega, que conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense e a Universidade de Santiago de Compostela. A mostra busca visibilizar a conexión con Galicia de Afonso X, no 800 aniversario do seu nacemento, a través das “Cantigas de Santa María” pero tamén noutros nexos máis profundos, ao tempo que amosa un intelectual que condensa outra forma de entender o saber do seu tempo. O músico, musicólogo e medievalista Antoni Rosell é o comisario desta mostra, que se inaugurará o vindeiro 12 de xaneiro.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega pecha o ano Concepción Arenal coa lectura dramatizadade “As mulleres do porvir” de Dorotea Bárcena

Como sería unha xuntanza de “zoom” entre Concepción Arenal, Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán para resolver un asasinato? Isto é o que propón “As mulleres do porvir”, o texto escrito por Dorotea Bárcena en 2003 e que agora se recupera en formato audiovisual. Hoxe, 23 de novembro, o Consello da Cultura Galega (CCG) fai confluír o cabodano da morte de Dorotea Bárcena co bicentenario do nacemento de Concepción Arenal nun produto audiovisual que conecta estas dúas mulleres pioneiras. A Quinta do Cuadrante, compañía dirixida por Tito Asorey, foi a encargada de realizar unha lectura dramatizada do texto de Bárcena na que participa Susana Dans, María Vázquez, Melania Cruz e Rocío González.

Ler máis


O Consello da Cultura Galega debate este venres a importancia de contabilizar a violencia de xénero

Entre 2003 e 2020 morreron en España 1069 mulleres a cargo das súas parellas ou exparellas e 63 deses asasinatos cometéronse en Galicia. O goberno investiu nese periodo máis de 628 millóns de euros na materia. O custe real da violencia de xénero (que implica desde a asistencia psicolóxica, policial, laboral, xudicial…) está contabilizado en 23.360 millóns de euros, dos que 1.350 millóns responden á realidade galega. “Coñecer o custe pode reducir a aceptación social deste tipo de violencia” explica María Debén Alfonso, responsable da Área de Igualdade da Delegación do Goberno en Galicia. Canda a ela, María de Los Ángeles Carmona Vergara, presidenta do Observatorio contra a Violencia Domestica e de Xénero explica que as cifras poden ser maiores xa que a día de hoxe baixo este concepto “só se entende a violencia a cargo de parellas e de exparellas”. As súas intervencións, xunto coa de Belén Liste, subdirectora xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero da Xunta, pódense ver no web do Consello da Cultura Galega. Mañá estarán en directo nesa mesma canle para atender ao debate coa cidadanía desde as 9:30 horas.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega presenta os primeiros avances do Foro Patrimonio e Sociedade

A creación dun Instituto de Patrimonio e dun observatorio en materia de educación patrimonial, artellar un catálogo de bens aberto, xeolocalizado e de acceso libre para a cidadanía, o risco de primar o interese turístico por riba do patrimonial e implementar medidas éticas nestas cuestións son algunhas das necesidades que detectou o Foro Patrimonio e Sociedade, unha iniciativa promovida polo Consello da Cultura Galega (CCG) para debater, analizar e ofrecer propostas integrais arredor desta materia. A proposta, coordinada por Rebeca Blanco-Rotea coa participación doutros membros da sección de Patrimonio e Bens Culturais, é pioneira e materialízase en tres mesas nas que participan unha trintena de especialistas durante un ano enteiro para analizar todas as caras deste fenómeno. Co gallo do Día do Patrimonio, que se celebra cada 16 de novembro, a institución dá a coñecer os primeiros resultados deste proceso de reflexión, que se debaterán en sesión aberta en abril de 2021.

Ler máis

Unha xornada pon de manifesto a diversidade cultural do pobo xitano no Día da Tolerancia

A diversidade interna do pobo xitano, a riqueza das súas expresións culturais e a necesidade de combater os estereotipos son algunhas das ideas que se apuntaron na xornada “Pobo xitano: por unha sociedade máis xusta” que organizaron o Consello da Cultura Galega (CCG), a Valedora do Pobo e a Fundación Secretariado Gitano. A cita desenvolveuse a través de Internet por mor da situación sanitaria actual e fíxoo no Día Internacional para a Tolerancia, que se celebra cada 16 de novembro. “Móvenos o interese e compromiso común, amplamente compartido, a prol da tolerancia, a inclusión e a igualdade. Non importa a orde, todas son importantes” apuntou a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, na inauguración desta cita. A valedora do pobo, Dolores Fernández, destacou que “o malo non é a diferencia, senón os prexuizos que predispoñen e se traducen en actitudes e comportamentos negativos cara a unha persoa ou un grupo de persoas”. Pola súa parte, Eva Vera, directora territorial da Fundación Secretariado Gitano, destacou “que o coñecemento é o primeiro paso para construír cidadanía e loitar por un futuro compartido sen discriminación”. A xornada contou coa conferencia de Carlos Giménez, quen trazou unha panorámica da cultura xitana. As intervencións están á disposición da cidadanía no web do CCG.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega e a Valedora do Pobo celebran o Día para a Tolerancia cunha xornada sobre o pobo xitano

En Galicia viven preto de 13.000 persoas xitanas, son o 2,7% dos residentes en España. Sobre eles e a súa cultura afonda a xornada “Pobo xitano: por unha sociedade máis igualitaria”, que organizan o Consello da Cultura Galega, a Valedora do Pobo e a Fundación Secretariado Gitano o vindeiro luns 16 de novembro, coincidindo co Día Internacional para a Tolerancia. A sesión ten como obxectivo combater estereotipos sobre o pobo xitano e ofrecer unha nova mirada máis realista e xusta. A xornada desenvólvese en liña e pódese seguir a partir das 12:00 horas desde o web do Consello da Cultura Galega.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega recupera a figura de Andrés Gaos nun libro disco que recolle a súa faceta de compositor e intérprete

O Consello da Cultura Galega recupera a figura de Andrés Gaos nun libro disco que recolle a súa faceta de compositor e intérprete

Non é frecuente atopar composicións interpretadas polos seus propios autores. Isto é precisamente o que se pode escoitar no disco “Obras para violín e piano” editado polo Consello da Cultura Galega e o grupo de Investigación Organistrum da Universidade de Santiago de Compostela. Neste traballo, o coñecido compositor Andrés Gaos (A Coruña, 1874-Mar del Plata, 1959) interpreta as súas pezas “Muiñeira” e “Alalá”. O traballo foi presentado esta mañá no Paraninfo da Universidade de Historia por Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega; Ramóm Pinheiro, editor do volume, e a investigadora Montse Capelán. No acto escoitouse, ademais das gravacións orixinais de Andrés Gaos, a interpretación que o pianista Alejo Amoedo fixo de dúas das súas obras.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega visibiliza as accións dos centros da memoria para o Día do Patrimonio

O vindeiro día 16 de novembro é o Día do Patrimonio Mundial. Unha efeméride que diferentes bibliotecas, arquivos e museos, celebran con actividades individualizadas. Por terceiro ano consecutivo, o Consello da Cultura Galega (CCG) xunta nun espazo web as distintas accións destes centro da memoria que axudan a poñer o foco sobre o a importancia do patrimonio. A coincidir co propio día, o CCG ofrecerá un avance do estado do Foro do Patrimonio, iniciativa transversal promovida desde a Sección de Patrimonio e Bens Culturais na que traballan desde hai un ano máis dunha trintena de especialistas.

Ler máis

O documental “Eu máis” de Ángel Montero, bolseiro do Consello da Cultura Galega, seleccionado en varios festivais

“Eu máis” é o proxecto documental que Ángel Montero fixo como resultado da bolsa de creación convocada polo Consello da Cultura Galega (CCG) e a Casa de Velázquez. Este traballo acaba de ser seleccionado en varios certames como o festival Zinebi de Bilbao, o festival L'Alternativa de Cataluña e o DocLisboa. O proxecto ten un marcado carácter poético que lle serve a Montero para explorar sobre a identidade a través do corpo e das sensacións.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega lamenta o pasamento do xurista José Antonio García Caridad

Este domingo finou o recoñecido xurista e presidente da Real Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación José Antonio García Caridad. O Consello da Cultura Galega (CCG) lamenta a perda do que foi o seu vicepresidente entre 1989 e 1996 e desenvolveu un importante labor no ámbito do Dereito Civil galego.

Ler máis

A análise da repercusión internacional de Concepción Arenal pecha un ciclo que puxo de manifesto a vixencia do seu legado

“A proxección internacional de Concepción Arenal Ponte” é o título da última das mesas do ciclo “O mundo do porvir: no bicentenario de Concepción Arenal Ponte” co que o Consello da Cultura Galega (CCG) analiza o legado e vixencia desta escritora. Celia Pereira e Xosé Manoel Núñez Seixas trazaron nos seus relatorios a repercusión internacional da súa obra e da súa figura. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, quixo destacar no peche deste ciclo que Concepción Arenal foi “unha figura singular no século XIX, pero moito máis excepcional pola vixencia no seu pensamento na sociedade contemporánea”.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega emite mañá a última sesión do foro que analizou o legado de Concepción Arenal

“A proxección internacional de Concepción Arenal Ponte” é o título da última das mesas coas que o Consello da Cultura Galega analiza o legado e vixencia desta escritora. As medidas adoptadas por mor da crise sanitaria fixeron que a última das mesas redondas tivera que adaptar o formato inicialmente previsto, ás 18:00 horas subiranse ao sitio web da institución os vídeos das intervencións. Nesta sesión, Celia Pereira e Xosé Manoel Núñez Seixas darán conta da repercusión e acollida que tivo o pensamento de Concepción Arenal fóra de Galicia sen ter nunca saído do país. A presidenta Rosario Álvarez intervirá nesta cita para facer unha valoración deste ciclo que arrincou en setembro en Ferrol.

Ler máis

A prestixiosa editorial Brill dá ao prelo o volume The First World War and the Nationality Question in Europe

The First World War and the Nationality Question in Europe é o título do volume que compila os traballos presentados no simposio “O contexto internacional das Irmandades da Fala e a cuestión de nacionalidade na Europa de entreguerras”, que organizou o Consello da Cultura Galega (CCG) en outubro de 2016. O volume, que edita a recoñecida editorial Brill, xa está dispoñible. O texto está en inglés e ten como coordinador ao historiador e actual vicepresidente da institución, Xosé Manoel Núñez Seixas

Ler máis

Un documental do Consello da Cultura Galega recupera a Ricardo Portela no aniversario do seu nacemento

Desde Viascón ata a Bretaña pasando por moitos outros lugares e coa gaita como pano de fondo. Diferentes personalidades do mundo da gaita participan no documental “Ricardo Portela: un canto de estima”, que dá conta da vida, obra e legado do gran gaiteiro Ricardo Portela (1920-1992). Foi producido por aCentral Folque para o Consello da Cultura Galega (CCG) e estréase hoxe, 4 de novembro, o día en que naceu esta figura imprescindible para a gaita galega.

Ler máis

Adiado ao 12 de novembro o debate de Alicia Puleo co público sobre o ecofeminismo

“O ecofeminismo é a intersección do pensamento ecolóxico e do feminista, dúas grandes teorías que son fundamentais para o século XXI se queremos un futuro”. Así de claro fala Alicia Puleo a filósofa que participa no ciclo “Pensarmos” do Consello da Cultura Galega (CCG). Esta cita, que coordina Carme Adán acaba de adaptar o seu formato por mor da crise sanitaria. A intervención de Puleo foi gravada e xa está disponible na rede para que o público a poida ver antes do debate, que tivo que ser adiada ata o xoves 12 de novembro (18:00 horas) en directo a través da rede.

Ler máis