Arquivo de noticias do CCG

Presentado o <em>Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo</em> con medio milleiro de cantares tradicionais
Presentado o Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo con medi...
Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros, novas medallas do Consello da Cultura Galega
Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros, novas medallas do Consello da Cultura ...
Morre o especialista en arte medieval, Ramón Izquierdo Perrín
Morre o especialista en arte medieval, Ramón Izquierdo Perrín
Día Europeo das linguas no Congreso dos Deputados
Día Europeo das linguas no Congreso dos Deputados
Faustino Rey Romero e Baldomero Isorna Casal. Fundadores da Romaría Viquinga e o Ateneo Ullán no Álbum de Galicia
Faustino Rey Romero e Baldomero Isorna Casal. Fundadores da Romaría Viquinga e ...
O CCG avanza a programación do segundo semestre de 2025 ao redor do futuro da lingua e o acceso á cultura
O CCG avanza a programación do segundo semestre de 2025 ao redor do futuro da l...
O CCG preservará os fondos do Seminario Galego de Educación para a Paz
O CCG preservará os fondos do Seminario Galego de Educación para a Paz
O Repertorio da prensa da emigración galega suma novos números da publicación <b>Orientación Gallega</b>
O Repertorio da prensa da emigración galega suma novos números da publicación...
Celebramos o Día do Naturalismo cun avance da obra de Sarmiento sobre a seixebra
Celebramos o Día do Naturalismo cun avance da obra de Sarmiento sobre a seixebr...
As túas ideas no foro 'Un país coa súa lingua'
As túas ideas no foro 'Un país coa súa lingua'
Amosando noticias 1901 a 1920 de 3181

O Consello da Cultura analiza nunha xornada a cultura e comunicación no contexto actual

“Cultura e comunicación na sociedade en rede” é o título da xornada que se desenvolve mañá no Consello da Cultura e que pretende analizar novos modelos e novas experiencias no ámbito dixital da man de expertos como Miquel de Moragas ou Emili Prado. A cita organizada polos profesores Xosé López, Francisco Campos e Manuel Gago poderá seguirse en directo a través do web da institución.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega inaugura o vindeiro 10 de maio a exposición Galicia 100

Galicia 100. Obxectos para contar unha cultura é unha exposición organizada polo Consello da Cultura galega, coa colaboración de Afundación e Abanca, que constrúe un relato histórico do país a través da selección e da relación de cen pezas procedentes de institucións, empresas e coleccionistas de Galicia e do exterior. A mostra inaugurarase o vindeiro 10 de maio na sede de Afundación (rúa do Vilar, 19) en Santiago de Compostela. A exposición contará tamén cunha publicación en papel, aplicación para dispositivos móbiles, así como unha web que aposta polo uso de aspectos interactivos na dixitalización do patrimonio. Como avance, a Televisión de Galicia amosará diariamente desde o luns 25 unha escolma das pezas seleccionadas.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega e a Casa de Velázquez convocan a segunda edición das súas bolsas

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria da segunda edición das bolsas de colaboración entre o Consello da Cultura Galega e a Casa de Velázquez que promove o intercambio de creadores e investigadores. O proxecto consiste na estadía durante tres meses na Casa de Velázquez en Madrid para realizar investigacións e creacións que promovan a cultura galega no ámbito francófono.

Ler máis

O presidente do Consello da Cultura promove a cultura galega no marco da Feira do Libro de Bos Aires

Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), inicia unha viaxe institucional a Bos Aires co obxectivo de contribuír a difundir a cultura galega no exterior. Nesta ocasión encádrase no marco de actividades previstas na Feira do Libro que comeza mañá na capital arxentina. Na súa axenda está prevista a realización de conferencias, varias presentacións así como a inauguración das últimas mostras realizadas pola institución que preside.

Ler máis

O Informe A divulgación da ciencia en Galicia destaca a variedade e a calidade das iniciativas existentes

“O informe pon de manifesto que hai unha potencialidade extraordinaria para a divulgación da ciencia” apuntou Francisco Díaz-Fierros, vicepresidente do Consello da Cultura Galega e membro da comisión técnica que no último ano estivo a traballar para compilar e documentar as iniciativas existentes sobre esta materia. O coordinador do documento, o científico Xurxo Mariño, presentou o resultado esta mañá no marco dunha xornada encamiñada a explicar os pormenores da divulgación científica en boca dos seus protagonistas. Os problemas de financiamento, a variedade extraordinaria de propostas así como a escasa presenza nos medios son algunhas das conclusións dun informe pensado para difundir entre divulgadores, público xeral e a Administración.

Ler máis

Unha xornada do Consello da Cultura aborda a situación da divulgación científica en Galicia

A sede do Consello da Cultura Galega acolle mañá mércores 20 de abril unha xornada encamiñada a dar a coñecer de xeito teórico e práctico cal é a situación da comunicación científica en Galicia. Unha cita que se desenvolve ao longo de todo o día con relatorios e conferencias e que ten unha actividade central na presentación dun informe sobre a divulgación da ciencia no noso país. A xornada está coordinada polo científico Xurxo Mariño, que tamén é un dos membros integrantes da comisión técnica que se encargou da elaboración dese documento.

Ler máis

O Consello da Cultura reedita Advento, unha obra central na poesía de Manuel María

O Consello da Cultura reedita <i>Advento</i>, unha obra central na poesía de Manuel María

Tiña apenas 19 anos cando Manuel María(1929-2004) escribiu o seu primeiro poemario, Muiñeiro de brétemas. Foi o inicio dunha escrita que o converteu nun dos máis prolíficos poetas da historia literaria galega. O presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares, presentou esta mañá a reedición dunha das súas obras máis destacadas, Advento, que se encadra no marco das actividades da institución para conmemorar o homenaxeado o Día das Letras Galegas. A presentación da edición facsimilar contou coa presenza de Saleta Goi, viúva de Manuel María e presidenta da Fundación que leva o seu nome, e de Miguel Anxo Fernán-Vello, escritor e editor, responsable do estudo crítico que acompaña o texto.

Ler máis

Os “Encontros para a Normalización” conclúen coa presentación dun estudo que evidencia a actitude positiva da mocidade galega cara ao galego

Unha actitude positiva, poucas resistencias pero unha disociación entre o aprecio do galego e o seu uso. Son algunhas das primeiras valoracións dun estudo novidoso realizado entre mozos de 15 e 25 anos de Galicia e que foi presentado no marco dos XVIII Encontros para a Normalización. A cita organizada polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) foi clausurada esta tarde polo presidente da institución, Ramón Villares. Os Encontros chegaron á súa maioría de idade sendo un espazo de debate e reflexións sobre a lingua e un escaparate das iniciativas en prol da normalización se están a facer no país.

Ler máis

Os XVIII “Encontros para a Normalización” centraranse no uso da lingua nos máis novos

Os “Encontros para a Normalización” chegan á súa maioría de idade sendo un espazo de debate e reflexións sobre a lingua. Nesta XVIII edición, que comeza mañá xoves, volven poñer o foco nos máis novos cun programa encamiñado a coñecer as motivacións da mocidade galega a falar nun ou outro idioma, a debater sobre cal é a potencialidade das redes dixitais e cal o papel da escola. A cita está organizada polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG), e poderase seguir en directo a través do web. Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, e Rosario Álvarez, vicepresidenta do CCG, serán os encargados da inauguración dun encontro que se desenvolverá na sede da institución ata o venres.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega leva a Braga a exposición que recolle a dimensión internacional de Valle-Inclán

O Consello da Cultura Galega leva a Braga a exposición que recolle a dimensión internacional de Valle-Inclán

“Outros verbos, novas lecturas: Valle-Inclán traducido”(1930-1936) é o título da exposición que pretende dar conta da dimensión internacional deste escritor a través das traducións das súas obras a outras linguas. A versión en portugués desta mostra inaugurouse na tarde deste martes no Museo Nogueira da Silva en Braga. Alí estivo presente o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e a comisaria, Rosario Mascato, nun acto que contou coa actuación musical do grupo Zoar.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega renova a composición do seu Plenario

O Consello da Cultura Galega renova a composición do seu Plenario

O Consello da Cultura Galega (CCG) celebrou no serán do xoves 7 de abril unha sesión plenaria na que aprobou cambios na súa composición. Nesta ocasión procedeuse a nomear os membros por designación das institucións que conforman o CCG e que se produce por cumprimento da Lei de creación da institución e do seu regulamento, cada dous anos. Ademais, tamén se aprobaron as próximas actividades, así como os informes das seccións e comisións que deron conta do seu funcionamento.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega celebra no serán deste xoves unha sesión plenaria

O Consello da Cultura Galega celebra no serán deste xoves 7 de abril unha sesión plenaria. Na orde do día figura a toma de posesión de novos membros, en cumprimento da Lei de creación da institución, que renovan por metades cada dous anos e que nesta ocasión afecta a quenda de institucións. Ademais, tamén se aprobará o plan de actividades para o segundo semestre, así como os informes das seccións e comisións que dan conta do seu funcionamento.

Ler máis

O Museo das Peregrinacións centra mañá a cuarta xornada dos “Encontros monográficos co Patrimonio Cultural”

O Museo das Peregrinacións acaba de ampliar a súa sede e crear unha sala de exposición permanente na praza das Praterías. O proceso técnico deste cambio protagoniza a cuarta das xornadas dos “Encontros monográficos co Patrimonio Cultural” que terá lugar mañá á tarde no Consello da Cultura Galega (CCG). A xornada ten o seu aforo completo pero pode seguirse en directo a través do web da institución.

Ler máis

Un gran coro de nenos e nenas cantarán a lírica medieval na cuarta edición de “No bico un cantar”

Un gran coro de nenos e nenas cantarán a lírica medieval na cuarta edición de “No bico un cantar”

As cancións dos xograres e trobadores medievais protagonizan a cuarta edición de “No bico un cantar”, un programa que ten un carácter didáctico e cultural e xunta música, poesía e mocidade. O concerto foi presentado esta mañá na biblioteca do Consello da Cultura Galega (CCG) polo seu presidente, Ramón Villares, quen destacou o seu papel de difusión cultural ao lembrar que “o que se aprende cantando, non se esquece máis". Canda el estaban Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura; Héitor Mera, concelleiro de Cultura de Cangas; Rosario Álvarez, vicepresidenta do CCG, e Maximino Zumalave, director artístico do concerto. A cita xuntará en Cangas, o vindeiro 3 de xuño, un gran coro de nenos e nenas chegados dos conservatorios de música profesional de Galicia para cantar a lírica medieval. A cita suporá a estrea da versión musicada do poema “Pois nosas madres van a San Simón” de Pero Viviaez a cargo do compositor Rogelio Groba.

Ler máis

Unha xornada do Consello da Cultura reclama unha maior integración das artes escénicas no currículo educativo

Unha xornada do Consello da Cultura reclama unha maior integración das artes escénicas no currículo educativo

Hai moitas maneiras de achegar o teatro aos máis novos nun ámbito escolar. Hai quen usa o teatro para instruír nos contidos das materias de clase, e quen o emprega como un divertimento. Todas as opcións, así como as súas vantaxes, quedaron de manifestou na xornada “Teatro amador na infancia e na mocidade”. A cita que se desenvolveu ao longo da xornada de hoxe no Consello da Cultura Galega incidiu na relación entre a educación e a cultura pero, sobre todo, puxo de manifesto o papel central das artes escénicas na formación e a necesidade de que exista unha maior integración destas no currículo educativo.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega reflexiona sobre papel do teatro amador nos máis novos

Mañá desenvólvese no Consello da Cultura Galega a xornada “Teatro amador na infancia e na mocidade”, unha cita que pretende ver o papel lúdico e didáctico das artes escénicas. A cita organizada pola Sección de Música e Artes Escénicas está coordinada por Inma Lopez Silva e Euloxio Ruibal e ofrecerá experiencias teatrais que se están a desenvolver no ámbito educativo.

Ler máis

Aberta a inscrición para a xornada dos “Encontros monográficos co Patrimonio Cultural” centrada no Museo das Peregrinacións

O Museo das Peregrinacións acaba de ampliar a súa sede e crear unha sala de exposición permanente na praza das Praterías. O proceso técnico deste cambio acapara a cuarta das xornadas dos “Encontros monográficos co Patrimonio Cultural” que organiza o Consello da Cultura Galega (CCG). A cita terá lugar o vindeiro 8 de abril e acaba de abrir a inscrición a través do web da institución.

Ler máis

Aberto o prazo de inscrición da xornada “Teatro amador na infancia e na mocidade”

O teatro é lecer pero tamén un espazo de aprendizaxe. Esta é a idea de fondo da xornada “Teatro amador na infancia e na mocidade” que se desenvolve o día 4 de abril no Consello da Cultura Galega. A cita pretende poñer de manifesto experiencias prácticas desa dobre faceta da realidade teatral. O encontro está organizado pola Sección de Música e Artes Escénicas e acaba de abrir o seu prazo de inscrición.

Ler máis

O Observatorio da Cultura constata a influencia da rede nas bibliotecas, que teñen máis visitas e consultas

Medra considerablemente o número de visitas virtuais ás bibliotecas, concretamente a consulta aos catálogos e aos fondos dixitalizados. Así se desprende do último Documento de Traballo (DT-OCG) do Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega. Baixo o título Estatística de bibliotecas, este estudo facilita información sobre o equipamento material e humano das bibliotecas galegas e incide na idea de que o mundo dixital abre novas perspectivas. Con todo, tamén deixa cifras negativas ao debuxar unha actividade marcada polo descenso leve de usuarios, de bibliotecas e de préstamos.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega presenta o Álbum das Irmandades da Fala

As bibliografías dos irmáns Ramón e Antón Villar Ponte son as primeiras entradas do álbum Irmandades da Fala. Unha iniciativa do Consello da Cultura Galega que pretende difundir dun xeito divulgativo as biografías e materiais de máis de dúas ducias de persoas que formaron parte do movemento. O proxecto está coordinado por Miguel Anxo Seixas Seoane, quen asina un texto que explica o contexto de nacemento das Irmandades da Fala. O Álbum faise visible ao público hoxe, 21 de marzo, ao coincidir coa data na que Ramón Villar Ponte asina o manifesto “Nuestra afirmación regional” que reivindica a problemática do idioma e a necesidade de recuperar o seu uso. O Álbum actualizarase de xeito mensual e conforma algunha das actividades que o Consello da Cultura Galega ten programado para celebrar o centenario deste fenómeno.

Ler máis