A intelixencia e o corazón do provincialismoDe Faraldo temos sentido falar en frecuentes ocasións. Pero o coñecemento que hai sobre el é reducido, ás veces confuso e a miúdo infravalorado. Esta realidade explica como hoxe a desmemoria se impuxese a quen encarnou o primeiro firme paso adiante para que o pobo galego tivese autonomía política....
A intelixencia e o corazón do provincialismoDe Faraldo temos sentido falar en frecuentes ocasións. Pero o coñecemento que hai sobre el é reducido, ás veces confuso e a miúdo infravalorado. Esta realidade explica como hoxe a desmemoria se impuxese a quen encarnou o primeiro firme paso adiante para que o pobo galego tivese autonomía política.
En palabras de Manuel Murguía fue el primero y el mejor
. O primeiro en marcar o horizonte do autogoberno galego; o mellor porque se entregou até coa alma pola liberdade malia padecer persecución, censura, exilio e represión.
O lar familiar era todo absolutista. O seu pai, Feliciano Vicente, destacara como militante activo a prol de Fernando VII e despois do carlismo, polo que padecería cadea e desterro.
Antolín, tras pasar os primeiros anos de vida en Betanzos, trasládase contra 1832 a Compostela. A familia viviría no actual Hostal dos Reis Católicos pois o pai accedera ao cargo de administrador-contable do antigo Gran Hospital.
Con notas sobresaíntes en Filosofía, ingresa na USC para estudar Medicina. Fixo tres cursos, matriculado en clase de pobre
, pero non se licenciou. Mais a súa vocación era o xornalismo, a historia e a militancia política.
Como xornalista integra a redacción de varios periódicos galegos e españois. Destacamos El Recreo Compostelano de 1842 (onde Murguía afirma que se asentaron as bases do nacionalismo), El Porvenir de 1845 (o título máis importante da Xeración de 1846 e o proxecto máis persoal de Antolín) e La Europa de 1851 (pechado por petición do Vaticano). O seu estilo acadou unha rápida madurez ofrecéndonos textos de gran calidade literaria (por exemplo, os dedicados á polémica sobre o suicidio) e de gran relevancia filosófica (por exemplo, «Nuesta bandera literaria»).
Como historiador seguiu as teses enunciadas na Historia de Galicia de José Verea Aguiar. Pero, a diferenza deste, realiza unha interpretación política de maneira que no pasado se xustifica o carácter nacional galego. En la historia se aprende la libertad
, escribiu en El Recreo Compostelano.
Como militante político serviu sempre nas filas do Partido Progresista na súa tendencia máis radical. O republicanismo, o dereito á revolución ou a defensa íntegra da liberdade serían as súas bandeiras.
Todo isto mesturouse cun pensamento provincialista (entendido como unha fase primixenia da construción do discurso nacionalista) que se expresa a miúdo nos seus textos. De maneira máis ou menos diáfana, presenta un concepto democrático de nación: Galiza será unha nación cando o pobo galego tome conciencia de selo.
Desta maneira atendeu ao fomento da instrución e educación. De aí a preocupación por difundir o pasado cunha lectura patriótica, a inquedanza por unha necesaria reforma educativa, a promoción da tolerancia relixiosa ou o fomento pola liberdade de pensamento.
Socio-fundador da Academia Literaria, secretario da Diputación Arqueológica Gallega, coñecido defensor do feminismo e recoñecido polemista público, Antolín Faraldo foi un dos mozos máis populares, controvertidos e subversivos do seu tempo.
A prensa destacaba a súa oratoria, con discursos llenos de fuego
e eléctricos como un himno
. Até en tres ocasións (como mínimo) chegouse a bater en duelo para defender as súas ideas, polemizou abertamente co arcebispo de Santiago e lanzou brindes de felicidade pola vitoria dos liberais en Inglaterra que lle causarían denuncia ante o Goberno Civil.
Influído polo pensamento do socialismo utópico a través de Ramón de la Sagra e inserido na conspiración revolucionaria, Faraldo será a mente e o músculo da Revolución de 1846.
Antolín formou como miliciano e combateu en Sigüeiro baixo as ordes de Solís. O 15 de abril constituíuse a Junta Superior del Gobierno de Galicia da cal será secretario. En realidade, á luz da documentación, foino todo: redactor do voceiro do goberno (La Revolución), ideólogo e autor do manifesto político máis importante do século XIX que reclama despertar el poderoso sentimiento del provincialismo
tras definir a Galiza como una verdadera colonia de la Corte
.
A derrota, sellada cos fusilamentos dos Mártires de Carral, levárono ao exilio portugués. Retido na illa de Peniche (Lisboa) propúxose escribir un libro sobre o acontecido no revolucionario abril do 46. Este volume publicaríao un avogado de nome Juan Do Porto pero que fora ditaco, case na súa totalidade, por Faraldo dende Portugal: Reseña histórica de los últimos acontecimientos políticos de Galicia.
Na primavera de 1847 é indultado. Regresa a Betanzos pero dada a persecución da que seguían sendo vítimas os provincialistas, decide marchar a Pozoblanco (Córdoba). Alí traballa no comercio propiedade de Vicente Manuel Cociña, amigo íntimo da familia e destacado provincialista natural de Viveiro.
En Córdoba retoma a militancia política no Partido Progresista, formando parte da directiva local e mantendo un encontro privado co xeneral Espartero, o líder do progresismo español.
Murguía sentenciara que después de 1846 Faraldo no nos pertenece
. Hoxe sabemos que é falso. Antolín ía ser en 1848 redactor do suplemento literario do Boletín Mercantil e Industrial de La Coruña, impulsado polos provincialistas sob dirección de José Puente y Brañas. A censura impediu que nin tan sequera saíse á luz. Ademais disto, Faraldo publicaría cartas reivindicando as razóns e a loita da revolta de 1846. Xamais foi un apóstata da revolución nin do pobo galego.
En 1851 trasládase a Madrid para dirixir La Europa. Apenas durou unhas semanas tras ser denunciada polo nuncio do Vaticano. A causa foron os ataques ao propio Papa tras a publicación do Concordato da Santa Sé con España que incluía unha alocución do Santo Padre. A polémica levou o caso ao Parlamento español, no cal se forma unha comisión de investigación sen resultados beneficiosos para Faraldo.
A partir de entón reside en Madrid como redactor de La Nación, o principal periódico do progresismo. Nesa altura estaba dirixido por José Rúa Figueroa e tiña como redactor-xefe a Antonio Romero Ortiz. Estes nomes foron codirectores con Faraldo en El Porvenir de 1845.
O último acto público que se lle coñece, meses antes de morrer, realizouse en Madrid co propósito de axudar ás familias galegas que sufrían a gran fame. Este acto organizouno un comité de galegos residentes na capital española que representaba a vangarda política do provincialismo e progresismo galegos: Eduardo Chao, Domingo Fontán, Ramón De la Sagra, José Rúa Figueroa…
Faraldo viaxou a un balneario a Granada para recuperarse dunha doenza (posiblemente febre amarela). Alí a saúde fraqueou e morreu. O seu corpo nunca foi repatriado. E a súa memoria xace á espera da obrigada rehabilitación a quen entregara a súa existencia para que hoxe nós vivamos nun mínimo marco de autonomía política.
Fontes documentais
Barreiro Fernández, Xosé Ramón (1977): El levantamiento de 1846 y el nacimiento del galleguismo. Santiago de Compostela: Pico Sacro.
Cores Trasmonte, Baldomero (1971): «Vida y muerte de Antolín Faraldo», Cuadernos de Estudios Gallegos, 79, 213-242.
Martínez González, Xurxo (2022): Querida Liberdade. Vida e obra dun precursor do Rexurdimento. Compostela: Alvarellos Editora e Deputación da Coruña.
Murguía, Manuel (1886): Los precursores. A Coruña: La Voz de Galicia.
Tettamancy, Florencio (1908): La revolución gallega de 1846. A Coruña: Librería Regional de E. Carré.
Vales Villamarín, Francisco (1957): «Deshaciendo un error: Antolín Faraldo falleció en Granada», Boletín da Real Academia Galega, 321-326: 222-223.
Ver biografía no Álbum de Galicia