Manuel Murguía, o cerebro do RexurdimentoUnha das biografías máis completas, até o presente, corresponde á figura de Manuel Murguía. O seu autor foi o defunto Xosé Ramón Barreiro Fernández. Referímonos ás case mil páxinas de Murguía (Galaxia, 2012), un volume que condensa unha intensa traxectoria. Porque a biografía de Manuel Murguía...
Manuel Murguía, o cerebro do RexurdimentoUnha das biografías máis completas, até o presente, corresponde á figura de Manuel Murguía. O seu autor foi o defunto Xosé Ramón Barreiro Fernández. Referímonos ás case mil páxinas de
Murguía (Galaxia, 2012), un volume que condensa unha intensa traxectoria. Porque a biografía de Manuel Murguía estivo marcada pola militancia rexurdimentista, pola implicación no proxecto político-cultural que pretendía restituír a dignidade a Galiza para abrir un horizonte de liberdade.
Murguía é, con toda probabilidade, a personalidade máis decisiva do XIX galego. Unha afirmación arriscada ao reparar en coetáneos, pero nós coidamos que el foi quen mellor identificou, analizou, definiu e asentou o imaxinario nacional colectivo. Por isto mesmo, no primeiro volume da
Historia de Galicia (1865), dedicado a Rosalía, afirma que Galiza é unha nación.
Fillo do boticario Juan Martínez e de Concepción Murguía, veu á luz o 17 de maio de 1833 en Froxel (Arteixo) cando os seus pais aínda non casaran (faríano dous meses despois do parto). E aínda así, uns anos despois pai e nai vivirán separados nun episodio incómodo que o fillo evitou rememorar.
Na actual Praza de Cervantes (entón Praza do Pan) tiña aberta botica Juan Martínez. Por tanto, a placa situada no Cantón de San Bieito está errada, pois o lugar corresponde á casa á esquerda segundo temos diante a igrexa de San Bieito. Nese baixo Murguía foi testemuña da Revolución de 1846. Un soldado do Ejército Libertador de Galicia ferido de morte é levado ao interior da farmacia. O falecemento alí mesmo significou para o cativo a inmediata adscrición á causa nacionalista, como el recoñeceu en distintas ocasións. A esta tarefa entregou a súa vida. No circuíto cultural da mocidade galega aparece ligado ao Liceo de la Juventud, canda Antonio Neira de Mosquera, Aurelio Aguirre, Eduardo Pondal ou Rosalía. Mais en 1851 lisca a Madrid estudar Farmacia.
Mais, lonxe da casa, optou pola bohemia entre cafés e imprentas a carón de amigos coma Serafín Avendaño, Juan Compañel e Alejandro Chao. Nunca remataría os estudos pero si atoparía a súa vocación vital: a escritura.
Inicia a andaina xornalística en
La Iberia e continuará no
Semanario Pintoresco Español,
Las Novedades ou
El Museo Universal, que todos son de renome nese tempo. O estilo do mozo Murguía gañou adeptos. Publica por entregas as primeiras novelas, como
Mi madre Antonia ou
El ángel de la muerte. Uns textos regados en auténtico romanticismo tardío.
No Nadal de 1855 os republicanos progresistas de Vigo (dispostos arredor da estirpe Chao) fundan
La Oliva. Periódico de Galicia. Para isto chaman por Juan Compañel, quen exercerá como impresor, editor e director. Entre Compañel e Murguía (director cultural do periódico) dotarano dunha clara liña provincialista. O tándem continuará man con man en
El Miño. Todo por Galicia - Toda para Galicia, que substituíu ao anterior pechado por orde do goberno.
En
La Oliva publicará «D. Diego Gelmírez» (1856), a súa primeira e única novela vencellada a Galiza. Con ela acadará notabilidade pois reproduciuse noutros periódicos e apareceu como libro en 1898 na imprenta e libraría de Carré.
No xornal de Vigo aparecerán uns breves tratados coas ideas base que pronto se alongarán para se converter nas súas primeiras grandes obras:
Diccionario de escritores gallegos (1862) e
Historia de Galicia (1865). Ademais, da imprenta de Compañel sairá
La primera luz (1859), libro de lectura para as escolas de primeiras letras.
En todo caso, volvamos un chisco atrás, de novo a Madrid. Rosalía e Murguía afianzan o namoramento cunha voda semiclandestina celebrada o 10 de outubro de 1858 na igrexa de Santo Idelfonso. Entón Rosalía xa estaba en cinta da súa primeira filla, Alejandra, nome que debe ao seu padriño, Alejandro Chao.
Na década de 1860, Manuel Murguía dedicará os seus esforzos ao xornal vigués, a
La Crónica de Nova York, á recompilación e redacción dos volumes da
Historia de Galicia… Pero sobre todo céntrase na planificación da renacenza nacional.
Murguía soubo mellor ca ninguén fixar os obxectivos do Rexurdimento, entón denonimado
regeneración
,
rehabilitación
ou
renacimiento
. Por que? Porque anima a publicación da
Gramática gallega de Saco Arce, impulsa a proxección internacional da cultura galega, incita a publicación dos primeiros estudos lexicográficos, inflúe na obra celtista de Pondal, promove a historia literaria de Carré Aldao, os estudos sobre a revolución de 1846 e os Mártires de Carral de Tettamancy, a colocación do monumento en honra dos fusilados en 1846 na vila de Carral etc. Incluso é Murguía quen en
La Oliva fixa o criterio filolóxico para distinguir o que é e non é literatura galega.
Por isto atravémonos a definilo como o cerebro do Rexurdimento. El detecta as necesidades da cultura galega, en particular da memoria histórica e da lingua, para animar esas publicacións. A carón disto, Murguía recolle recoñecementos públicos que acreditan o valor da súa obra e a capacidade da súa intelixencia. Por exemplo, en 1866 é nomeado académico correspondente da Real Academia da Historia, e en 1872 integrou a comisión para a Exposición Universal de Viena.
A militancia política, sempre progresista, lévao a vivir de cheo A Gloriosa de 1868: aparece como secretario da xunta revolucionaria de Compostela. Pouco despois é nomeado director do Arquivo de Simancas e logo do
Archivo General de Galicia
até 1875.
Tres anos despois trasládase só a Madrid para preparar o ambicioso proxecto en calidade de director de
La Ilustración Gallega y Asturiana (1879-1882), impresa e sostida polos cartos de Alejandro Chao. Este periódico representa unha firme aposta pola modernidade. Nas súas páxinas recóllense litografías, debuxos e información que retratan a intelectualidade máis comprometida con Galiza, xusto no contexto de conflito territorial coa aparición do rexionalismo político logo do fracaso da I República.
En 1882 publica
El Foro. Sus orígenes, su historia, sus condiciones, un estudo arredor da propiedade territorial na nosa terra que dedicou ao ministro Álvarez Bugallal no contexto do debate sobre este tema.
O camiño vital de Murguía tamén estivo marcado polo seu carácter polemista. Son coñecidas as riñas con Valentín Lamas Carvajal, Juan Sieiro, Jesús Muruais, Juan Valera, Bernardo Barreiro… Mais cómpre sinalar dúas de especial transcendencia, ambas sucedidas tras a morte de Rosalía.
Cando Murguía exercía como Cronista Xeral de Galiza viviu o falecemento da súa compañeira. Na Coruña, en setembro dese 1885, organizouse unha velada en memoria da escritora que tivo como protagonistas a Emilio Castelar e a Emilia Pardo Bazán. A esta correspondíalle louvar a obra de Rosalía mais aproveitou a ocasión para anatemizar contra a lingua galega, o rexionalismo político, o Rexurdimento e en xeral contra o futuro da cultura nacional. Este episodio será o clímax dunha longa inimizade entre Pardo Bazán e Murguía. Cítense as entregas do artigo de Murguía publicado en
La Voz de Galicia «Cuentas ajustadas, medio cobradas» (1896) como clara mostra.
A outra polémica debeuse á resposta que lanza contra o discurso de Antonio Sánchez Moguel na súa recepción na Real Academia da Historia. Esta reacción publicouse como libro sob o título
El regionalismo gallego (1889). Este ensaio resulta crucial como compendio do pensamento rexionalista-nacionalista.
A partir do discurso de Emilia, Murguía propúxose delimitar os obxectivos rexurdimentistas. Fronte ás iniciativas taxidermistas de Pardo Bazán, Murguía lanza
Los precursores (1886), dirixe
La Región Gallega (1886) e
La Patria Gallega (1891-92), preside a efémera Asociación Regionalista Gallega, lanza un discurso encomiástico e apoloxético arredor da lingua galega nos Xogos Florais de Tui (1891), preside a Liga Gallega (1897-1907) que tivo como voceiro a
Revista Gallega (1895-1907)…
Ademais disto intervén no legado escrito e simbólico de Rosalía de Castro. Nalgúns casos de maneira acertada (pénsese no traslado do corpo a Bonaval en 1891), noutros de forma moi desafortunada (pénsese na intervención sobre os textos de Rosalía, como sucede na disposición dos poemas de
En las orillas del Sar).
Dende Cuba promóvese a Academia Galega (1906). Murguía será electo presidente. Este posto consolidaríao como o referente da intelectualidade do país e, dalgún xeito, gañáballe a partida a Pardo Bazán nesa pugna pola dirección do Rexurdimento. Como presidente da Academia afronta os distintos ataques acontecidos.
Arroupado polos colegas da Cova Céltica (Pondal, Carré Aldao, Martínez Salazar, Tettamancy…) colabora no parto da primeira etapa d´
A Nosa Terra (1907-08), como voceiro de Solidaridad Gallega.
Recluído nas tarefas da Academia, Murguía observa como unha nova xeración alza a voz en denuncia de certas contradicións entre o discurso-praxe dos rexionalistas. É así como aparecen as Irmandades da Fala, ideadas polos irmáns Antón e Ramón Villar Ponte, que fixan o idioma como signo intransixible da acción político-cultural fronte a unha Academia na cal o castelán era practicamente o único idioma.
Murguía, en todo caso, tivo enviados na fundación das Irmandades (Lugrís Freire ou Carré Aldao) e as Irmandades, cando morra Murguía, tributarán recoñecemento. Mais durante os anos compartidos (1916-1923) a relación definiríase como escasa e distante.
O 1 de febreiro de 1923 chegou a morte á rúa de Santo Agostiño da Coruña. Os ollos de Murguía pechábanse para sempre. A multitude saíu ás rúas da Coruña na última despedida. Hoxe repousa nunha humildísima tumba, canda os fillos, en San Amaro á espera de que algún día se dignifique este espazo para quen foi o cerebro do Rexurdimento e o fundador da nación galega.
Bibliografía
AA. VV. (2000): Boletín da Real Academia Galega, n.º 362. Número monográfico dedicado a Manuel Murguía. A Coruña: Real Academia Galega.
Barreiro Fernandez, Xosé Ramón (2012): Murguía, 1833-1923. Vigo: Editorial Galaxia.
Beramendi, Justo (2000): Manuel Murguía. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia.
Durán, José Antonio (2000): Murguía, 1833-1923. Madrid: Taller de Ediciones J. A. Durán.
Maiz, Ramón (1999): O pensamento político de Murguía. Vigo: Edicións Xerais.
Martínez González, Xurxo (2019): «O presidente da República que prologou as Follas novas de Rosalía. Notas a unha relación de Emilio Castelar coa cultura galega (Pardo Bazán vs. Murguía)», Follas Novas. Revista de estudos rosalianos, 4 (2019), 80-109.