O rebelde de Conxo. Romanticismo e liberdade en versoArredor da existencia dun romanticismo galego tense escrito dende opcións encontradas, mais, nun ou noutro caso, o nome de Aurelio Aguirre xorde como exemplo do poeta romántico na Galiza rexurdimentista.
Unha lenda acompañou a súa lembranza. Referímonos a ese suicidio por amor, tan propio d...
O rebelde de Conxo. Romanticismo e liberdade en versoArredor da existencia dun romanticismo galego tense escrito dende opcións encontradas, mais, nun ou noutro caso, o nome de Aurelio Aguirre xorde como exemplo do poeta romántico na Galiza rexurdimentista.
Unha lenda acompañou a súa lembranza. Referímonos a ese
suicidio por amor
, tan propio dos poetas do romanticismo, que se divulgou dende o mesmo día da súa fatídica morte. En realidade morrera por mor dun accidente na praia de Santo Amaro, na Coruña.
A traxectoria cultural, política e vital levouno a un posto cimeiro entre os poetas do século XIX. Mais ao deixarnos só obra en castelán (agás un anecdótico poema en galego), o seu nome relegouse amodiño a un recanto da nosa historia literaria. Porén, o protagonismo no Banquete de Conxo ou a relación habida con Rosalía de Castro recupérannolo para o presente.
Infancia e mocidade
Os apelidos de Aurelio revelan a ascendencia vasca. O pai, Ángel Aguirre Irulegui, nacera en Ubide (Biscaia) e a nai, Josefa Galarraga Echebeste, en Lezo (Guipúscoa). El foi o benxamín da familia, nado no número 4 da rúa do Vilar, en Santiago de Compostela.
Ángel, comerciante, sería vítima da Inquisición por motivo da súa ideoloxía liberal. Cando Aurelio cumpriu os catro anos quedou orfo de pai. A nai casaría en segundas nupcias cun xurisconsulto, de idénticas tendencias liberais e gusto pola cultura xeral. Segundo Carré Alvarellos
fue quien guió sus primeros pasos por el camino de las letras, y le infiltró las generosas ideas de libertad y de amor hacia sus semejantes
(1954).
Cursou no colexio de San Xerome, en Compostela. Despois pasou á Universidade onde fixo Filosofía (1845-51). Á vez acudía á Escola de Debuxo da Real Sociedad de Amigos del País de Santiago de Compostela. Aquí trabou amizade con Nicolás Murguía, irmán do polígrafo nacionalista Manuel. Finalmente, en 1852 matriculouse en Xurisprudencia na USC.
O mes de
lume e ferro
, abril de 1846, impactou nos ollos daquela mocidade. Precisamente, no décimo cabodano dos Mártires de Carral, o xornal vigués
La Oliva (con Murguía á fronte da sección cultural sob protección da estirpe Chao) tributaríalles a primeira homenaxe pública. Neste número tan especial, Aurelio Aguirre dedicaríalles un poema de exaltación progresista.
Antón Villar Ponte recuperaría unhas palabras de Murguía:
El pobre Aurelio, que era un niño cuando el alzamiento de 1846, me contó una vez que produjera enorme impresión en su espíritu, quedando para siempre grabada en su memoria, la escena del tránsito por las rúas compostelanas, camino de Carral, del infortunado Solís y demás compañeros de tragedia. ¡Quien sabe si su fanático amor por la libertad tuvo entonces nacimiento!
(
El Pueblo Gallego, 1928).
A quinta de Aguirre (Xeración do 56), púxose á fronte das actividades de El Liceo de la Juventud, unha institución herdeira da Academia Literaria dos Faraldo, Romero Ortiz ou Añón. E tamén unha institución cargada de simbolismo pois fundouse no primeiro aniversario dos fusilamentos de Carral.
Neste ambiente Aguirre establece contacto estreito con Manuel Murguía, Luís Rodríguez Seoane, Eduardo Pondal, Rosalía de Castro… A relación con Rosalía derramaría moita tinta sobre o papel mais será despois cando nos deteñamos neste episodio.
O carácter vibrante da poesía de Aguirre, a súa capacidade para a improvisación (unha virtude para a estética romántica), a adhesión á causa da liberdade ou a expresión máis pura das emocións, deulle axiña un alcume: o Byron galego.
En Compostela souberon da actividade social de Aguirre. A súa presenza nos obradoiros de artesáns, declamando versos e lanzando proclamas progresistas, ou a súa docencia entre as prostitutas, ás que alfabetizaba fronte a rexoubes e desprezos, confirmaron que aquel rapaz posuía unhas calidades humanas pouco frecuentes. A sona gañouna a pulso e, ademais, contou coa admiración das camadas populares e do estudantado comprometido coa loita progresista.
Banquete de Conxo
A Revolución de 1854 levou a Espartero, líder do Partido Progresista, ao Goberno. Ía acompañado de O´Donell, do Partido Moderado, nunha alianza feble e con data de caducidade. Nestas circunstancias, ademais das posturas ultramontanas dos carlistas, álzase a voz do Partido Demócrata. Esta era a opción republicana fundada en 1849, á calor da revolución de París.
Sen chegar aos dous anos de vida deste Goberno Liberal (malchamado Bienio Progresista), a tensión entre ambas as forzas maioritarias resultaba incontrolable. O sector do
progresismo puro
solicita un xiro cara á esquerda cun pacto co Partido Demócrata, e así poñer fin á relación con O´Donell
et alii.
Neste xusto contexto situamos o Banquete de Conxo. É dicir, o acto pretendía ser unha demostración de forza pública republicana para enviar unha mensaxe aos progresistas de Galiza de que a alianza entre eles era o camiño certo.
En 1856 a lei non permitía organizar mitins. De aí que se valesen, por exemplo, dos banquetes para arrexuntar os adeptos e lanzar discursos políticos. Iso aconteceu na carballeira de Conxo o 2 de marzo de 1856. Este lugar foi felizmente recuperado durante o goberno de Martiño Noriega atendendo as chamadas dos colectivos locais e á proposta impresa en libro (
Os últimos carballos do Banquete de Conxo) grazas a Henrique Alvarellos, gañando un pulmón verde a carón do Sar e un espazo de memoria rexurdimentista, con magnífico mosaico de Xosé Vizoso.
Baixo as palabras
Orden, Fraternidad
, conviviron estudantes e artesáns. Ao remate, tres poetas lanzaron cadanseu brinde en formato de verso: Eduardo Pondal, Luís Rodríguez Seoane e Aurelio Aguirre. Os tres textos serían impresos e repartidos de xeito profuso. E os tres conserváronse deica os nosos días.
A tensión daquela xornada (que mobilizou as tropas e obrigou á xente a parapetarse nas casas ante o temor da algarabía) chegou ás salas do Pazo de Xelmírez. O arcebispo chamou a capítulo a Pondal e Aguirre. Sobre este caería a maior iniquidade. A razón fora definir a Xesús como fillo dun humilde carpinteiro, no canto de fillo de Deus.
A curia compostelá pediu o desterro ás Illas Marianas. O fiscal considerouno un castigo excesivo fronte á postura da Audiencia. Aguirre, tras conversa co arcebispo García Cuesta, publicaría unha tímida rectificación, ou acaso unha ambigua posición, cun poema titulado «A mis calumniadores», publicado en
La Oliva de Vigo, o xornal onde máis publicou e non por casualidade.
Vigo: amor e compromiso
Tras a experiencia represora vivida en Compostela, Aguirre recibe o convite dos republicanos de Vigo para pasar unhas semanas con eles como forma de apoio. O verán de 1857 será decisivo para o seu curto porvir.
Durante os dous meses que residiu nesta urbe coñecerá o mar de preto, recibirá os azos dos camaradas (Eduardo e Alejandro Chao, Juan Compañel, José Ramón Fernández, Serafín Avendaño…), proseguirá coa publicación de poemas en
El Miño (novo nome adoptado por
La Oliva despois de ser censurada e pechada por orde gobernamental). Será este un tempo de gran produción literaria cun proxecto de libro sob título de
Recuerdos de agosto (inédito até o ano 2013, cando sexa publicado por Alvarellos Editora), e atopará o seu amor máis profundo na rapaza Felisa Taboada. En carta a Manuel Murguía, o poeta resumía:
Vigo ha sido para mi un despertador de todo cuanto se apagaba en mi alma
.
A morte
Apenas un ano despois de revivir, neste período estival á beira da ría de Vigo, atoparía a morte nun accidente fatal acaecido na Coruña.
No outono de 1857 Aurelio retorna a Compostela. Cartéase con Eduardo Ruiz Pons e Murguía para procurar un destino retribuído en Madrid. Non houbo tal.
Nestes meses a produción foi fecunda, como dixemos. Na primavera de 1858 sae do prelo a primeira parte dos
Ensayos poéticos. Logo da morte, a xenerosa subscrición popular logrou a publicación íntegra, agás o prólogo de Murguía.
Felisa Taboada, a súa namorada, trasladouse no verán de 1858 á Coruña. Até alí foi Aguirre. O 29 de xullo, na praia de Santo Amaro, o poeta lanzouse ao mar con tan mala fortuna que impactou contra unha rocha que lle provocou un derrame cerebral e a morte.
A nova tivo un enorme impacto. O líder republicano Ruiz Pons púxose á fronte do traslado do corpo embalsamado a Compostela. Os estudante de El Liceo de la Juventud uníronse e os obreiros colaboraron. O reitor da USC, autoridades locais e outras personalidades congregáronse para recibir o cadaleito e enterralo en Bonaval. O nicho custeouno o estudantado universitario, como mostra pública de amor ao poeta morto. As crónicas dixeron que entre o silencio sepulcral alzouse un berro de dor. Era Felisa Taboada.
Rosalía de Castro e a Negra Sombra
Ninguén puido, deica agora, asegurar que é a
negra sombra
de Rosalía: a figura do pai, a doenza, a soidade, o amor…
Este poema ten unha semellanza case perfecta cun poema escrito en 1857 por Aurelio Aguirre en Vigo. Referímonos ao titulado «El murmullo de las olas». Vexamos algúns versos:
Aguirre dedicoulle un poema en vida a Rosalía e Rosalía dedicoulle un poema no álbum de homenaxe tras a súa morte. Ambos conviviron no espazo común da cultura e das letras galegas. Pero a semellanza entre os dous poemas tamén fixo pensar na figura de Aguirre como a do amor idealizado
que Rosalía puido sentir, ou acaso fantasear sobre o que puido ser e non foi. Este misterio é o verdadeiro segredo de como a Negra sombra continúa a fascinarnos no presente.
Peche
A memoria de Aguirre perdurou. Por exemplo, o centro cultural de Conxo leva o seu nome ou as celebracións do Banquete sitúano como un dos protagonistas.
Durante a presentación do libro Recuerdos de agosto, de entre o público unha señora tomou a palabra. Ela lembraba como de cativa lle aprendían versos de Aguirre para practicar a memorización. Porque en Compostela o seu nome sobreviviu nas voces baixas.
No estudo introdutorio que escribiramos precisamente para Recuerdos de agosto, remataramos con estas palabras: aínda hoxe non ten ningunha placa na casa natal
. Mais, a forza dos libros e o empurre civil, conseguiron que dende 2014 unha placa lembre que alí naceu o home que brindou pola liberdade, para o futuro e para sempre.
Bibliografía
Aguirre, Aurelio (1858): Ensayos poéticos. Santiago de Compostela: M. Mirás.
Aguirre, Aurelio (2013): Recuerdos de agosto (obra poética, 1850-1858). Santiago de Compostela: Alvarellos Editora.
Alvarellos Casas, Henrique et al. (2000): Os últimos carballos de Conxo. Santiago de Compostela: Alvarellos Editora.
Domínguez Izquierdo, José (1859): Corona fúnebre a la memoria del distinguido poeta gallego Aurelio Aguirre Galarraga. Santiago de Compostela: Real Sociedad Económica de Amigos del País.
Murguía, Manuel (1886): Los precursores. A Coruña: Imprenta de La Voz de Galicia.