Activista do RexurdimentoOs irmáns De la Iglesia (Antonio, Benigno e Francisco) foron exemplo dun esforzado activismo a prol da cultura e da lingua galegas. Dende A Coruña, movéndose por entre os círculos da condesa de Espoz y Mina e máis adiante nos da condesa de Pardo Bazán, impulsaron o Rexurdimento.
Citemos os Xogos Florais da Coruña en...
Activista do RexurdimentoOs irmáns De la Iglesia (Antonio, Benigno e Francisco) foron exemplo dun esforzado activismo a prol da cultura e da lingua galegas. Dende A Coruña, movéndose por entre os círculos da condesa de Espoz y Mina e máis adiante nos da condesa de Pardo Bazán, impulsaron o Rexurdimento.
Citemos os Xogos Florais da Coruña en 1861 e o posterior
Álbum de la Caridad; ou a publicación d´
O Vello do Pico-Sagro (1860), que ás veces se toma como o primeiro xornal monolingüe en galego mais non o é. En troques, isto é apenas un adianto dunha tarefa notable acaroada dunha actitude constante a prol do país.
Raíces
Antonio de la Iglesia Jorge casara con María González Domínguez. Residían preto da carballeira de San Lourenzo, Compostela. Neste casal nacería o noso biografado, quen escribiu este poema:
No medio da carballeira
de San Lourenzo, hacia a banda
do Norte, como cen pasos
pr´acá da Peneda alta,
que está a carón do camiño
que ô río Sarela baixa,
tópase a miña casiña,
aquela santa morada
da que non pode esquencerse
mentras dure a miña alma;
porque ô són dos paxariños,
e ô romor da ramallada,
me deu luz a miña nai
da Candeloria na y-alba
do ano mil oitocentos
e vintesete de gracia.
Malia darse por certo o día da Candeloria (2 de febreiro) como data do nacemento, a partida bautismal corrixe un erro decote repetido como advertira o seu biógrafo Fr. Gumersindo Placer López. En realidade, o meniño nacera o 1 de febreiro.
Francisco estudou canda os frades de San Lourenzo. Na casa e na escola educouse no marco dun forte cristianismo. Todos os libros da biblioteca monacal valéronlle para adquirir distintos saberes.
Docente
Francisco, como o seu avó e o irmán Antonio, estudou Maxisterio. En febreiro de 1851 o Concello de Santiago de Compostela nomeouno auxiliar da escola práctica de Santiago.
Contra 1852, tras aprobar as oposicións, pasa a exercer na Coruña, primeiro na rúa Tabernas 15 e despois en Sinagoga 5. Unha escola pública cunha metodoloxía singular baseada en conferencias e excursións escolares. Ademais, colabora con
La Gaceta del Magisterio e outra prensa do sector.
Entre os seus gustos polo saber destacaron as disciplinas de Agricultura e Arqueoloxía. Nesta última puxo o seu coñecemento ao servizo do Museo Arqueológico Nacional e do Concello da Coruña.
En 1865 foi nomeado profesor da nova Escola Normal de Mestras da Coruña, o que supuxo un importante paso para a incorporación da muller ao ensino.
Amizade con Juana de Vega e Pardo Bazán
A Condesa de Espoz y Mina, de nome Juana de Vega, acolleu entre o círculo de amizades aos irmáns De la Iglesia. A día de hoxe, á espera de investigacións máis detalladas, albiscamos un grupo rexurdimentista orbitando arredor da casa da condesa, nese lugar onde se fraguara a revolución de 1846.
Francisco fundou na súa escola as conferencias de San Vicente de Paúl entre os cativos pobres, nesa liña misericordiosa de Juana que tanta incidencia tivo co Hospicio (onde a súa imprenta publicaría libros e prensa). Rapaciños que ao saír das aulas cantaban unha
Salve escrita polo citado mestre:
Salve Reina y Señora / ampara al débil niño / que busca tu cariño / tu maternal amor…
O biógrafo Fr. Gumersindo laiábase con razón aínda certa:
La historia de aquel, como la de otros círculos literarios, esparcidos por la región, daría mucha luz sobre las personas, acontecimientos y obras del siglo XIX
. Esta reflexión fíxoa para dar conta do parladoiro aberto na casa de Francisco na rúa de Porta de Aires, onde residía e tiña a escola. Por alí frecuentaron Galo Salinas, Salvador Golpe, o seu irmán Antonio…
O fillo de Francisco, de nome Santiago de la Iglesia, citaría anos despois un outro parladoiro establecido no café El León de Oro,
cuyo techo se podía alcanzar con la mano
.
En certo intre encontráronse Francisco e Emilia Pardo Bazán, aínda unha escritora en alza. Ela, sabedora dos fondos coñecementos verbo da cultura galega e da posición conservadora de Francisco, chama por el á fundación da
Sociedad del Folk-lore Gallego (1883). E alí desenvolvería un papel notable.
Os irmáns De la Iglesia e Cándido Salinas redactaron o cuestionario antropolóxico da citada sociedade. Un documento de interese para recompilar datos sobre etnografía, tradicións, crenzas, costumes e artes populares, publicado en Madrid no ano 1885.
A prensa
Moitos rexurdimentistas, por non dicir todos, colaboraron coa prensa. Algúns con esporádicas publicacións de poemas ou artigos de ocasión; outros coa intensidade dunha dirección ou redacción periodística.
O noso protagonista ocupa axiña un posto na prensa coruñesa, e sempre ligada á causa de Galiza nunha sorte de provincialismo moderado. Entre as primeiras iniciativas periodísticas aparece
Diario de la Coruña (1857-58), no cal exerce de director até ser substituído por Vicetto.
Colabora con outros xornais coruñeses, como
El Defensor de Galicia (1856, so dirección de Ricardo Puente y Brañas) ou
El Fomento de Galicia (1858), nos cales a preocupación pola nosa terra amósase no mesmo cabezallo. E velaquí como se vai enguedellando entre os circuítos rexurdimentistas.
Porén, será
Galicia. Revista universal de este Reino (1860-65) a que ocupe un lugar cimeiro. Porque representa un dos contributos centrais do grupo rexurdimentista da Coruña e presenta unha listaxe de colaboradores de primeira liña: Añón, Murguía, Rosalía, Rodríguez Seoane, os irmáns Camino, Xoán Manuel Pintos, Marcial Valladares, Pondal…. Francisco e Antonio de la Iglesia exercían como directores e fundadores.
Nesta revista apareceron traballos de temática histórica, lingüística, arqueolóxica… Algúns curiosos, como a serie «La poesía portuguesa y la gallega» de López de la Vega, ou poemas de Rosalía, ou as primeiras mostras do dicionario de Francisco Xavier Rodríguez, ou textos inéditos de Sarmiento. Aínda hoxe carece dun estudo monográfico á altura da súa significación, síntoma do necesario impulso á investigación arredor do Rexurdimento.
A presenza de Francisco continúa na prensa galega:
La Ilustración Gallega y Asturiana, de Alejandro Chao e Murguía, ou na
Revista de Galicia, de Pardo Bazán, ou en
Liceo Brigantino. Tamén na da emigración, como sucede en
Eco de Galicia ou
Galicia Moderna, ambas da Habana.
O escritor en galego
Gumersindo dinos que Francisco se propuxo conformar unha antoloxía da literatura en galego en 1856. En carta a Pedro Pueyo, con data do 17 de marzo do dito ano, lemos:
Se sirva proporcionarme cuantas poesías en gallego se hayan publicado en esa [Ferrol], pues quiero dar a luz una colección de todos los autores que hayan versificado en dicho idioma
. Algúns destes papeis consérvanse no seu valioso arquivo distribuído entre a Academia Galega e a Uuniversidade de Santiago de Compostela.
Un ano despois, en 1857,
El Iris de Galicia publica o poema «Á morte de Pepe Ponte e Brañas». A partir de entón a súa poesía proliferará. Unha poesía de composición conservadora, costumista, relixiosa, patriótica… que non obtivo moi boa crítica.
Por exemplo, Jesús Muruais dixo:
Poeta lírico muy malo / escritor no nada bueno / hizo un drama por ahora / el mejor que hay en gallego
. Léase a retranca de ser,
A fonte do xuramento, o único drama en galego coñecido entón. O propio biógrafo Fr. Gumersindo recoñecía:
cayó en la empalagosa dulzura y pueril empeño de multiplicar diminutivos y frases cariñosas
e noutra parte reitera que
acaso no logró siempre el evitar cierto amaneramiento y prosaísmo.
O valor da obra de Francisco non é precisamente a literaria pero si o esforzo de crear textos en galego, de fixar unha grafía e reproducir palabras tomadas da fala oral. Porque, segundo contan os biógrafos e fillos, aproveitaba o lecer para recoller lendas, léxico, cantigas…. Con ese material producía poemas. Ademais serviu de contido para
El idioma gallego, obra do seu irmán Antonio, e para o
Cancionero popular gallego, de José Pérez Ballesteros.
Xogos Florais e Álbum de la Caridad
Se ben o seu irmán Antonio foi persoa central para a celebración e posterior xestión dos Xogos Florais da Coruña (1861), non é menos certo que Francisco colaborou con el e contribuíu ao posterior
Álbum de la Caridad.
Nesta antoloxía os irmáns De la Iglesia escribiron poemas de ocasión posto que, con acerto, procuraron intercalar no
mosaico
un poema en galego e outro poema en castelán. E debemos lembrar o grosor do volume final. Como diciamos, son poemas de cuestionable valor literario pero, insistimos, de necesaria existencia.
Ao producirse a decadencia dos Xogos Florais, Francisco aparece entre os asinantes dos
Estatutos p'ro bon reximen d'os xogos froraes de Galicia, con data do 2 de febreiro de 1891. Francisco asínaos na súa condición de presidente do Comité Rexionalista da Coruña. Pola correspondencia de Murguía sabemos que os presentou ante o Goberno Civil. Negáronse a aceptalos por estaren redactados en lingua galega.
Teatro na fala do país e Pascual Veiga
Unha data dentro da nosa historia da lingua é o 13 de agosto de 1882. Nese día representouse por vez primeira unha peza de teatro en galego:
A fonte do xuramento, da cal era autor Francisco. Cómpre lembrar que non era a primeira peza dramática en galego (velaí o
Entremés famoso sobre da pesca do río Miño, de Feixoo de Araúxo, 1671), pero si a primeira representada en público.
A estrea fíxose nos salóns do Liceo Brigantino. O cadro de declamación encargouse da interpretación. Unha muller francesa, Noelia Rosfat, interpretou o papel da protagonista (Minia) falando galego, xaora. O resultado foi un éxito. A obra volvería aos escenarios en outubro dese mesmo ano, desta volta no Teatro Principal, e retornaría en 1884.
Francisco tamén escribiu
Gallegos… a nosa terra! (1879) ou
Os Ártabros, escena orfeónica, ambas con música do seu bo amigo Pascual Veiga. Ademais cómpre dicir que o propio Francisco compuxo letras e partituras para o orfeón El Eco.
O poema «A strela coruñesa» musicouno Veiga co título de «Alborada». Esta foi unha das pezas máis célebres no seu tempo e máis solícitas para a interpretación dos coros, orfeóns e grupos. Emilia Pardo Bazán dixo dela:
Esta es la reina de las alboradas
.
A militancia política
A diferenza doutros rexurdimentistas, que puxeron a súa obra e intelecto na causa política do progresismo, Francisco optou por posicións neutras que fosen confluír no rexionalismo de tons moderados. Porque
abrigó en su pecho un verdadero amor a Galicia
, escribía o seu amigo Gumersindo.
Desta maneira enténdese que participe na constitución desa fronte unitaria chamada Asociación Regionalista Gallega cando era o ano de 1891. Pero esa unidade renxía no ideolóxico.
O citado Gumersindo explicaba a ruptura culpando ás persoas que
quisieron infundir a aquella fundación de amor y paz, el gesto revolucionario y separatista
. Refírese a Murguía e acólitos, aos cales tamén acusa de
xurarllas
a Francisco. Xenreira mutua:
Murguía, a quen dempois tivo un odio furibundo
, escribiu Gumersindo. Esta inimizade explicaría, en parte, o escurecemento da súa figura. Para exemplo, léase as pouco amables palabras que Carré Aldao dedica a Francisco na súa
La literatura gallega en el siglo XIX (1903).
Se cadra a súa coñecida práctica relixiosa (foi secretario da Terceira Orde de San Francisco) e as amizades próximas a Pardo Bazán curtocircuitaron as relacións coa Cova Céltica, pero non con todos pois mantiña palabra con Galo Salinas ou Salvador Golpe. Asemade, Francisco dedicoulle varios poemas (en galego a maioría) á monarquía borbónica ou á Virxe María, que contrastan cos sonorosos silencios de Rosalía, Curros e Pondal.
Un dos últimos servizos políticos sucedeu no contexto do intento de traslado da capitanía xeneral da Coruña a León. Os rexionalistas locais organízanse para movilizar a sociedade so a Junta de Defensa, presidida polo alcalde José Soto. Nela intégranse Salvador Golpe, Aurelio Ribalta e Francisco María de la Iglesia.
A morte
Morreu residindo en Porta de Aires. Tras o enterro, a súa viúva (Concepción Santos) fixo doazón da biblioteca de Francisco á escola, contabilizando arredor de 500 volumes, ademais de obxectos vencellados ao ensino e unha colección de minerais.
Francisco tivera quince fillos coa súa dona. Máis da metade morreron en período infantil ou xuvenil. Apenas catro chegaron a vellos e, de entre eles, tres dedicaron tempo ás letras: Eladia, Santiago (médico en Ferrol) e Alfredo (catedrático de Literatura española no Instituto de Pontevedra).
Á súa morte, a
Revista Gallega, dirixida por Galo Salinas, dedicoulle a que pode ser a primeira biografía de Francisco asinada por Eugenio Carré Aldao. A partir de entón houbo voces que procuraron soster a súa memoria, pero foise indo ás marxes.
Será co gallo do centenario do seu natalicio cando a Real Academia Galega lle tribute unha homenaxe no salón da Reunión de Artesanos. O acto presidiuno o presidente, Eladio Rodríguez, acompañado polos fillos de Francisco (Eladia e Santiago). Durante a celebración falaron, entre outros, Carré Aldao e Antón Villar Ponte.
Todos puxeron encol da mesa o compromiso rexurdimentista de Francisco, en especial coa lingua. Pero sería un non coetáneo o único que falaría en galego nesa homenaxe: Antón Villar Ponte, o cofundador das Irmandades da Fala. Unha mostra de diglosia padecida no seo da Academia que, até na crónica do seu boletín oficial, resalta:
el Sr. Villar Ponte pronunció un discurso en gallego
.
O acto pechouse co canto da
Alborada de Veiga, con letra de Francisco, a cargo do coro Cántigas da Terra. E grazas aos compositores musicais e aos intérpretes de orfeóns e coros, a literatura galega difundiuse entre as clases populares.
Cando trasladaron o defunto, no carro fúnebre destino ao camposanto, varios cativos das escolas públicas da Coruña o acompañaron. Na man levaban fachos acesos coma quen porta
Luz na terra.
BibliografíaBarreiro Fernandez, Xosé Ramón (2012): Murguía, 1833-1923. Vigo: Editorial Galaxia.
Beramendi, Justo (2007): De provincia a nación. Vigo: Xerais.
Carré Aldao, Eugenio (1897): «Don Francisco M.ª de la Iglesia», Revista Gallega, 110 : 1-2.
Plácer López, Gumersindo (1953-61): «Don Franciso María de la Iglesia», Boletín da Real Academia Galega, 294-344.
Saurín de la Iglesia, Rosa María (2003): Antonio, Francisco y Benigno de la Iglesia. Una biografía intelectual. Santiago de Compostela: CSIC.