Luis Borrajo (Ourense, 1950-2005) é un dos grandes nomes da escultura galega das últimas décadas do século XX. Marcado por referentes como Eduardo Chillida, Anthony Caro, David Nash e especialmente Jorge Oteiza, Borrajo non só foi un escultor innovador, senón que tamén conseguiu darlle novos folgos á escultura galega nos anos oitenta, ao en...
Luis Borrajo (Ourense, 1950-2005) é un dos grandes nomes da escultura galega das últimas décadas do século XX. Marcado por referentes como Eduardo Chillida, Anthony Caro, David Nash e especialmente Jorge Oteiza, Borrajo non só foi un escultor innovador, senón que tamén conseguiu darlle novos folgos á escultura galega nos anos oitenta, ao entroncala coas correntes internacionais que marcaban aquela época, como a nova escultura inglesa ou o construtivismo alemán.
Logo de estudar deseño en Madrid, regresa a Ourense nos anos setenta, onde funda o grupo Deica xunto con Miguel Duán e Enrique Conde. De finais desta década son as súas esculturas en madeira baseadas en aparellos de labranza, un estudo antropolóxico dos materiais dos labregos galegos que comeza na súa estadía nas Corraínzas (Montederramo). Nos anos oitenta participa en numerosos proxectos expositivos e multidisciplinarios, como a exposición do grupo Atlántica (1983) en Compostela, na Galería Gruporzán, na Casa da Parra e nas Bienais de Pontevedra ou a reforma urbanística dun barrio no Carballiño xunto ao arquitecto Fernando Blanco. Este último proxecto, unha conversa entre escultura e arquitectura demasiado avanzada para aquel tempo, foi paralizado polo propio Concello antes de ser rematado.
O proceso creativo de Borrajo levábao a realizar múltiples maquetas das obras que logo acadarían un gran tamaño no exterior. Destaca o seu dominio e finura na fundición, corte e soldadura dos metais, como se pode apreciar nas obras Abeanco para Brancusi (1986), Para estar joven (1986) ou Xulio e os paxaros (1987). Cómpre citar tamén A casa da nube (1989), escultura en aceiro corten para a Burga do Medio en Ourense, ou Encontro cardinal (1998), situada en Santiago de Compostela. Xa no novo milenio, en 2002 en Ourense, realiza Desnudo feminino, unha peza particularmente diferente na súa produción escultórica ao tratarse dunha obra figurativa.
A súa derradeira exposición, Hueco virtual (2005-2006), no campus universitario ourensán, con cinco pezas de aceiro, supón un regreso á súa plástica característica. A mostra foi clausurada postumamente, debido ao inesperado falecemento do artista.
Ver biografía completa