Industrial, político e responsábel da axuda aos refuxiados republicanosO 16 de maio de 1877, na Praza Maior de Ponteareas e no seo dunha familia humilde, nace Alejandro Viana Esperón. Con 14 anos e escasa formación instálase na puxante cidade de Vigo, acollido polos Arbones e Garra Castellanzuelo, adiñeiradas familias ponteareás establecidas...
Industrial, político e responsábel da axuda aos refuxiados republicanosO 16 de maio de 1877, na Praza Maior de Ponteareas e no seo dunha familia humilde, nace Alejandro Viana Esperón. Con 14 anos e escasa formación instálase na puxante cidade de Vigo, acollido polos Arbones e Garra Castellanzuelo, adiñeiradas familias ponteareás establecidas na cidade olívica. O mozo compaxina a súa actividade como dependente de comercio con estudos mercantís e contábeis que cursa con éxito no Centro de Instrucción Mercantil ao tempo que funda a Asociación de Dependientes de Comercio de Vigo
En 1901, aos 24 anos, convértese en apoderado, e uns anos despois en socio, da empresa Gimeno y Compañía, con implantación en Galicia e Portugal, adicada á exportación de ovos a países como Reino Unido e Irlanda e a outras zonas de España. A rendibilidade desta actividade explicará en boa medida a fortuna que Viana acadará nas décadas seguintes. Mais non será a única. A finais da primeira década do século XX, Viana convértese en conserveiro e directivo da Unión de Fabricantes de Conservas da Ría de Vigo e exerce como representante dos exportadores do porto da cidade.
En 1908 Alejandro Viana casa con Josefina Dotras Fábregas, de familia catalá con tradición na salgadura e na conserva, e introdúcese de forma definitiva na burguesía industrial viguesa converténdose nun personaxe relevante da vida social, económica e política da cidade. O seu carácter emprendedor plásmase en innumerábeis iniciativas empresariais que impulsa ou nas que participa: vogal da Caixa de Aforros de Vigo e accionista do Banco de Vigo, socio fundador da Sociedad Anónima Editorial Vigo, editora do xornal El Pueblo Gallego, da que será o primeiro conselleiro delegado, directivo da promotora que constrúe en 1928 o estadio de Balaídos, socio en diferentes empresas pesqueiras, fundador e presidente da Sociedad Aseguradora Mutua Automovilística de Vigo e presidente de Tranvías Eléctricos de Vigo xa na década de 1930.
O compromiso social de Alejandro Viana é tamén unha constante: socio fundador do Ateneo de Vigo, directivo da Unión de Entidades Viguesas e da Liga de Inquilinos y Vecinos de Vigo, directivo e presidente do Círculo Mercantil, directivo da Casa da Caridade, fundador das Fundacións de apoio á infancia Alejandro Viana e Viana-Corbal, xunto ao seu amigo e médico vigués Cesáreo Corbal. A súa actividade filantrópica abrangue o apoio a iniciativas deportivas, culturais, musicais ou artísticas. Viana representa o empresariado galego do primeiro terzo do século XX comprometido co país, que soña co seu progreso no material, cultural e social.
Ademais da súa actividade empresarial e social, Viana inicia a actividade política na década de 1910. Na defensa das súas conviccións democráticas e republicanas, exerce como directivo no Partido Republicano Vigués, que lidera o seu amigo ponteareán Amado Garra Castellanzuelo, e concorre a varias eleccións municipais. En 1917, no marco dunha folga que cuestionaba o réxime monárquico, Viana é encarcerado varios meses. Na década de 1920 participa na creación dun movemento político local, a Liga de Defensores de Vigo, que asumirá o goberno municipal da man do alcalde Gregorio Espino e no que Viana exercerá a responsabilidade de Tenente de Alcalde e concelleiro de Facenda entre 1923 e 1925. Tras a dimisión de Espino, Viana substituirao como Alcalde durante un breve tempo en 1926.
Proclamada a II República, Viana intégrase en Izquierda Republicana como presidente do partido na provincia de Pontevedra. Durante este período comparte presidencia en numerosos actos republicanos e galeguistas con persoeiros como Otero Pedrayo, Portela Valladares, Enrique Peinador, Afonso Daniel R. Castelao, Valentín Paz Andrade ou Osorio Tafall. Tamén actúa como anfitrión e apoio do expresidente da I República Portuguesa, Bernardino Machado, no seu exilio na Guarda. Nos comicios de febreiro de 1936 Viana acada a acta de deputado na candidatura da Fronte Popular, sendo o candidato máis votado na cidade de Vigo.
Tras a aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia, Alejandro Viana participa na súa entrega ao presidente das Cortes Xerais o 15 de xullo e ao presidente da República, Manuel Azaña, o día 17 do mesmo mes. Ao día seguinte o golpe de Estado sorpréndeo en Madrid. Viana, que será condenado polo Tribunal de Responsabilidades Políticas, vivirá de preto a traxedia da represión e da guerra co asasinato en Ponteareas dun dos seus sobriños, ademais de numerosas amizades por toda a xeografía galega, e coa morte doutro sobriño alistado como tenente médico no exercito republicano. Durante a guerra, Viana acompaña ao goberno e ás Cortes republicanas no seu periplo por Madrid, Valencia e Cataluña. Ademais de exercer como deputado, é designado membro do consello de administración do Banco de Crédito Industrial e desenvolve funcións directivas en Solidariedade Galega Antifeixista con persoeiros como Castelao ou Luís Soto. Viana participa en todas as sesións de Cortes, entre elas a derradeira celebrada na medianoite do 1 de febreiro de 1939, con só 62 deputados presentes, nos sotos do Castelo de Figueres baixo os bombardeos.
Nos días seguintes, xunto a medio millón de persoas, Viana atravesa os Pireneos e instálase en Francia. No marco desa vaga de refuxiados e do confinamento de varios centos de miles en praias pechadas con arame farpado e sen teito, Viana é nomeado polo goberno republicano xefe da sección de Emigración do Servicio de Evacuación de Republicanos Españoles (SERE) con sede en París, unha organización adicada a prestar axuda humanitaria, facilitando alimentación, roupa, aloxamento, subsidios e asistencia sanitaria.
Viana asume a responsabilidade de organizar expedicións marítimas colectivas para trasladar a refuxiados a América. Nese papel achega os seus coñecementos e a experiencia como exportador: sabe manexar capitais entre países, algo imprescindíbel para o SERE que, para protexer os seus recursos fronte aos acordos entre Franco e o goberno francés, vese abocado a empregar figuras de enxeñería financeira noutros países. Ademais, Viana ten unha dilatada experiencia na organización de fretes como exportador marítimo que agora poderá aplicar para o traslado dos refuxiados.
Dende o SERE Viana organiza expedicións como a do Sinaia, o Mexique e o Ipanema con destino a México ou o Winnipeg rumbo a Chile, embarque que une no porto de Bordeos a Viana e Pablo Neruda, cónsul especial de Chile para esa expedición.
A finais de 1939 Viana asume a Dirección Xeral do SERE. Comeza entón a persecución das autoridades francesas que se traduce en rexistros policiais e incautación de diñeiro e material nas oficinas do Servicio de Evacuación, rexistros que se estenden ao domicilio de Viana, quen será encausado nun proceso xudicial. Por outra banda, o ponteareán representa en París a organizacións galegas como a Federación de Sociedades Galegas de Bos Aires ou as Sociedades Hispanas Confederadas que lle remiten listaxes de galegos e galegas e diñeiro para que se encargue da súa localización e embarque en buques de liña regular rumbo a América. Entre abril de 1939 e xuño de 1940 o traballo de Viana permite a saída de Francia a uns 17 000 refuxiados.
Tras a ocupación de Francia polas tropas alemanas, Viana abandona París o 12 de xuño de 1940, dous días antes da entrada dos nazis na capital francesa, e diríxese a Bordeos onde baixo os bombardeos organiza a saída dun último barco con 500 refuxiados e se ocupa do aloxamento dos principais dirixentes republicanos, entre eles Juan Negrín, presidente do goberno, que consiguen fuxir a Inglaterra.
Porén, Viana permanece en Bordeos porque, segundo explica na súa correspondencia co embaixador de México en Francia, coida que a súa obriga é continuar axudando material e moralmente aos refuxiados que aínda permanecen no país, mais con esa decisión arrisca a súa vida. Tras o armisticio, a Gestapo e a Falanxe inician as detencións de republicanos e Viana sofre unha tentativa de secuestro que evita grazas a unha confidencia. Logo de agacharse varios días nos arredores de Bordeos, atravesa Francia até La Louvesc, preto da fronteira suíza. Alí permanece agachado varios meses, en contacto coa diplomacia mexicana, até que en novembro de 1940 se traslada a Sanary Sur Mer, preto de Marsella, ante a oportunidade de embarcar cara a América. A Gestapo e os servizos franquistas frustran o embarque e deteñen a varios exiliados. Finalmente, o 15 de xaneiro de 1941, Viana, xunto a douscentos republicanos e centos de xudeus e refuxiados doutros países, embarca en Marsella no Alsina coa previsión de chegar nuns vinte días a Bos Aires. Varios días despois o barco fai escala en Dakar (Senegal) onde queda retido por carecer do permiso das autoridades inglesas para cruzar o Atlántico. A pasaxe vese obrigada a sobrevivir en duras condicións dentro do barco durante cinco meses, nos que Viana axuda aos refuxiados repartindo 100 000 francos que recibe do goberno republicano no exilio. No mes de xuño de 1941 o Alsina é obrigado a dirixirse a Casablanca onde a pasaxe é internada nun campo de concentración durante varios días. Despois de ser liberados, grazas á intervención dos diplomáticos arxentinos, Viana instálase en Casablanca e inicia xestións con organizacións xudías e autoridades mexicanas para lograr un novo embarque. Finalmente, coa intervención doutras organizacións de axuda aos refuxiados, Viana e centos de refuxiados conseguen partir no barco portugués Quanza rumbo a México, onde desembarca o 18 de novembro de 1941.
Aos seus 65 anos, Alejandro Viana refai a súa vida na capital mexicana, merca unha farmacia e mantén a súa actividade política participando nas sesións de Cortes en México D.F. onde se reencontra con amigos como Osorio Tafall ou Castelao. Durante o exilio, Viana é procesado polo réxime franquista acusado de masón. En 1947, e tras 11 anos de separación, Viana reencóntrase con Josefina Dotras con quen vivirá os últimos anos da súa vida até o seu falecemento en México o 30 de abril de 1952.
Ver biografía no Álbum de Galicia