O xograr do mar de Vigo e o tesouro do Pergamiño Vindel O autor e a obra
Non se coñece ningún dato concreto sobre a vida de Martin Codax. A repetida alusión a Vigo nas súas composicións sitúao na área suroccidental de Galicia, onde probabelmente desenvolveu a súa actividade poética no terceiro cuartel do século XIII. De feito, a máis r...
O xograr do mar de Vigo e o tesouro do Pergamiño Vindel
O autor e a obra
Non se coñece ningún dato concreto sobre a vida de Martin Codax. A repetida alusión a Vigo nas súas composicións sitúao na área suroccidental de Galicia, onde probabelmente desenvolveu a súa actividade poética no terceiro cuartel do século XIII. De feito, a máis recente hipótese para explicar o apelido Codax, das varias que a crítica propuxo, relaciona este autor cun Fernan Codaz rexistrado en documentos medievais do mosteiro de Oia, non afastado de Vigo e tamén vinculado ao mar como as cantigas do xograr. Significativamente, aínda que talvez non se trate máis que dun erro gráfico, no
Cancioneiro da Vaticana, despois dunha cantiga fragmentaria de Martin de Giinzo, –autor que precede a Martin Codax– lese de man do propio copista o que parece unha alusión a este último, coa variante
Codaz no apelido: “martin codaz esta non acho pontada”. Segundo Elsa Gonçalves, o copista faría aí referencia a que unha das cantigas non tería notación musical no exemplar que el manexaba, feito que acontece tamén no Pergamiño Vindel, como se verá.
Consérvanse de Martin Codax sete cantigas de amigo paralelísticas que parecen constituír unha serie ou unidade secuencial. Na primeira,
Ondas do mar de Vigo (N 1, B 1278, V 884; UC 1295, Tav. 91,6), a moza namorada interpela as ondas do mar requiríndolles novas do amado por quen suspira. Na segunda,
Mandad’ei comigo (N 2, B 1279, V 885; UC 1296, Tav. 91,4), a voz poética feminina alédase porque recibe a nova de que o seu amigo regresa vivo e san, e apreciado polo rei, a quen estaba servindo. Na terceira,
Mia irmana fremosa, treides comigo (N 3, B 1280, V886; UC 1297, Tav. 91,5), a moza namorada conmina a súa irmá para que a acompañe á igrexa de Vigo, na beira do mar, onde mirarán as ondas e a onde tamén irán a súa nai e o seu amado. Na cuarta cantiga,
Ai Deus, se sab’ora o meu amigo (N 4, B 1281, V 887; UC 1298, Tav. 91,1), a moza namorada pregúntase, en ton exclamativo, se o seu amigo saberá que ela está soa, en Vigo, e sen gardas que a vixíen. Na quinta,
Quantas sabedes amar amigo (N 5, B 1282, V 888; UC 1299, Tav. 91,7), a moza namorada convida a todas aquelas que estean namoradas a ir con ela a bañarse nas ondas do mar de Vigo, onde verán ao seu amado. Na sexta,
Eno sagrado, en Vigo (N 6, B 1283, V 889; UC 1300, Tav. 91, 3), unha voz narrativa describe como unha moza moi ben feita (
corpo velido) danzaba no recinto sagrado da igrexa de Vigo, e no refrán é unha voz en primeira persoa quen exclama o seu estado (
-Amor ei!). Finalmente, na sétima cantiga,
Ai ondas que eu vin veer (N 7, B 1284, V 890; UC 1301, Tav. 91, 2), de novo a voz poética feminina interpela as ondas para inquirilas polas causas da tardanza do amigo.
O mar e as ondas son, pois, como na cantiga de Meendinho, un elemento fundamental na poética de Martin Codax .
A obra de Martin Codax aparece nos cancioneiros formando parte do corpus poético dun grupo compacto de xograres de orixe galega, circunstancia que a crítica especializada considera indicio sólido da existencia dunha compilación independente de cantigas de xograres galegos, o hipotético
Cancioneiro de xograres galegos, que sería incorporada tardiamente á tradición manuscrita xeral. Por outro lado, o importante número de xograres que compuxeron cantigas de romaría relacionadas con diversos santuarios da área suroccidental de Galicia foi apuntado como indicio da posíbel existencia dunha colectánea onde se recollesen só este tipo de composicións destes autores, talvez promovida polo importante nobre pontevedrés Paio Gomez Charinho, tamén el trobador.
Martin Codax emprega en todas as sete cantigas, con métricas variadas, a estrofa característica dunha modalidade de cantigas de amigo que a crítica deu en chamar “de tipo popularizante”, por contraposición ás cantigas de amigo “de estilo cortés”. Esa estrofa, que hipoteticamente era a que prevalecía na poesía anterior á influencia da nova poética cortés de orixe provenzal, está constituída por un corpo estrófico de dous versos e un refrán monóstico, e combina habitualmente o paralelismo literal coa técnica do leixaprén, xunto cun marcado ritmo acentual en moitas composicións.
Alén do dominio da técnica do leixaprén, sobre a que Martin Codax introduce algunhas variacións orixinais, salientan na súa obra outros aspectos retóricos como a invocación ás ondas do mar como interlocutoras e posíbeis portadoras de novas do amigo que está lonxe. Localizados na primeira e na última cantiga, son versos que forman parte xa do acervo da literatura universal:
e, ai Deus, se verra cedo!
(Cantiga I)
por que tarda meu amigo sen min!
(Cantiga VII)
Destacan asimesmo os motivos simbólicos do baño previo ao encontro co amigo na cantiga V (e banhar-nos emos nas ondas), e o do baile de exibición, na cantiga VI (Eno sagrado, en Vigo / bailava corpo velido), así como a circunstancia de a moza se achar sen gardas, soa e apaixonada, na cantiga IV, que parece transmitir unha sensación ambigua entre o desexo de que o amigo saiba desa circunstancia e ao mesmo tempo o temor a que iso suceda:
e vou namorada!
Por todas estas características, a obra de Martin Codax resulta engaiolante para para o público actual, de aí que non falte en ningunha antoloxía da lírica profana galego-portuguesa nin nos manuais escolares. Non menos interesante resulta para a crítica especializada, polos desafíos que presenta tanto no aspecto ecdótico e literario como no codicolóxico e no musical, e por iso mesmo as sete cantigas foron obxecto de numerosas edicións críticas e de incontábeis estudos académicos desde os comezos do século XX até a actualidade, en que relevantes medievalistas continúan a tentar desentrañar os diversos enigmas que plantexa.
Cantigas de santuario
As cantigas terceira e sexta de Martin Codax encádranse na modalidade das cantigas de santuario, as tradicionalmente coñecidas como cantigas de romaría. Non se pode concretar se a igreja de Vigo da cantiga III e a referencia ao sagrado, en Vigo da cantiga VI aluden á igrexa de Santa María ou, talvez con maior probabilidade, á antiga ermida de Santiago o Vello, situada na zona do Areal, na beira do mar, o que explicaría mellor as referencias a u é o mar salido e u é o mar levado da cantiga III.
O motivo común a esta modalidade de cantigas é a cita amorosa xunto a un santuario, polo xeral unha ermida. A compoñente erótica deste motivo pode parecer contraditoria co carácter sagrado do lugar escollido para o encontro, mais non o será tanto se consideramos que moitos destes pequenos templos cristiáns foron construídos en lugares onde desde tempos ancestrais se viñan realizando ritos pagáns propiciatorios da fecundidade nos cales o elemento sexual xogaba, con certeza, un rol importante. Segundo se pode deducir das disposicións eclesiásticas tendentes a prohibir certos ritos pagáns, emitidas xa desde a alta Idade Media e reiteradas ao longo de séculos, o proceso de cristianización demorou moito e algúns deses ritos chegaron mesmo aos nosos días. O baño de fecundidade nas ondas do mar da Lanzada, entre outros, é talvez o caso máis representativo. Sen dúbida, pois, na relixiosidade sincrética medieval tardía pervivían aínda algunhas reminiscencias dos tempos pagáns, polo que non debe estrañar que o santuario, que era daquela e aínda é lugar de socialización da poboación espallada, se identifique como o lugar idóneo para a cita dos namorados. Téñase en conta tamén que o propósito de ir facer oración ao templo é un excelente pretexto para abrandar as reticencias familiares.
Son varias e diversas as hipóteses formuladas pola crítica sobre a funcionalidade das cantigas de santuario: recreaban, en certa medida, algún tipo de manifestación folclórica musical asociada a este tipo de festividades? Tiñan unha finalidade propagandística, de captación de fieis para o santuario en cuestión? Era o propio xograr quen, nomeando un único santuario, procuraba aumentar a afluencia dos fieis, dos cales se sustentaba? A alusión a un único santuario concreto era unha forma de “asinar” ou de reivindicar a autoría da cantiga? Talvez a resposta sexa unha combinación, en maior ou menor dose, de todas estas hipóteses. En todo caso, a ausencia de referencias ao poder taumatúrxico do santo, ou santa, venerado no santuario –o que si acontecía na literatura de milagres, claramente propagandística– indicaría que a chamada ao santuario non sería tanto de carácter relixioso, senón máis ben lúdico e festivo.
No que respecta a Martin Codax, a inconcreción do santuario nas dúas cantigas citadas, non coincidiría coa finalidade propagandística; por outra parte, é a referencia continua ao topónimo Vigo a que parece funcionar como unha marca de autoría.
O Pergamiño Vindel
As sete cantigas foron transmitidas, na mesma orde, polos cancioneiros quiñentistas da Biblioteca Nacional de Portugal (B) e da Biblioteca Vaticana (V), e por un manuscrito medieval coñecido como Pergamiño Vindel (N) –en referencia a Pedro Vindel, o libreiro anticuario que o descubriu–, hoxe custodiado na Pierpont Morgan Library de Nova York. Este relator máis antigo, que con respecto ás versións de B e V presenta variantes textuais significativas que a crítica atribúe á vontade innovadora de Martin Codax, transmite tamén a melodía de seis das sete cantigas (falta a da cantiga VI), feito excepcional que o converte no único testemuño musical da poesía trobadoresca galego-portuguesa profana, xunto co moi deteriorado Manuscrito Sharrer (T) que contén fragmentos de varias cantigas de amor de don Dinís.
Outra cuestión discutida relativa ao manuscrito Vindel é a da súa propia morfoloxía. Se ben xa Pedro Vindel o describiu como un bifolio a comezos do século XX, posteriormente foi considerado como un rolo, termo que aparece empregado en varias ocasións en B e que se referiría a un documento enrolado escrito só na súa face interna. A partir dos anos oitenta volveuse incidir na súa consideración como un bifolio, e en que sería unha “folla voante” autónoma. Mais as análises máis recentes parecen indicar que, polo menos temporalmente, o bifolio coñecido como Pergamiño Vindel formou parte dun libro que contiña máis folios, aínda que non se pode precisar a entidade dese hipotético libro nin o momento en que o bifolio foi incorporado a el.
A historia recente do Pergamiño Vindel merece en por si un capítulo á parte. Descuberto probabelmente en 1913 polo libreiro anticuario Pedro Vindel, o pergamiño servía de forro da encadernación dun códice do século XIV que contiña o De Officiis de Cicerón. Vindel publicou en 1915 unha edición reducida, con reprodución fotográfica e transcrición dos textos, co obxectivo de dar a coñecer o manuscrito a posíbeis compradores e de que as autoridades académicas e institucionais se interesasen na súa adquisición e se evitase a saída ao estranxeiro de tan prezada xoia bibliográfica. Non aconteceu así, e anos despois, en 1918, sería Rafael Mitjana y Gordon, diplomático español con destino en Suecia e dedicado musicólogo, quen visitaría a libraría de Pedro Vindel e compraría, xunto con outras obras musicais, este valiosísimo bifolio. Tras a morte prematura de Mitjana en 1921, o pergamiño permaneceu na súa casa de Suecia até a morte da esposa en 1960. No ano seguinte a colección de volumes de R. Mitjana foi poxada en Estocolmo e o Pergamiño Vindel foi comprado a través de intermediarios polo libreiro londinense e tamén musicólogo Albi Rosenthal, quen o tivo na súa colección particular durante bastantes anos até que finalmente o vendeu en 1977 á Pierpont Morgan Library de Nova York, onde permanece na actualidade.
Pervivencia de Martin Codax
Martin Codax foi homenaxeado, xunto con Johan de Cangas e Meendinho, no Día das Letras Galegas de 1998, dedicado ese ano aos Trobadores da ría de Vigo. Con motivo desta homenaxe, alén de diversos materiais didácticos e divulgativos, foron publicadas varias edicións individuais e colectivas destes autores, e realizouse na illa de San Simón o Congreso Internacional O mar das cantigas, que congregou importantes medievalistas de todo o mundo.
No ano 2016, a editora M. Moleiro Editor publicou unha coidada edición facsimilar do manuscrito, nun volume coordinado por Mariña Arbor, que contén varios estudos monográficos sobre diversos aspectos como a propia historia e vicisitudes, a música, a codicoloxía así como unha edición crítica anotada dos textos.
No ano 2017 o Pergamiño Vindel voltou temporalmente a Galicia como peza principal dunha exposición realizada no Museo do Mar de Vigo co patrocinio da Xunta de Galicia, que foi visitada por milleiros de persoas. Con este motivo celebráronse numerosos actos escolares e divulgativos en toda Galicia. No ámbito académico, a Universidade de Vigo organizou un ciclo de conferencias monográficas e o Simposio Internacional e irei madr’a Vigo, no que participaron especialistas de todo o mundo e cuxos resultados se publicaron na prestixiosa editorial John Benjamins Publishing Company.
Unha empresa vinícola de Cambados, Bodegas Martín Códax, promoveu un prestixioso premio de poesía en lingua galega entre os anos 1992 e 2000; e desde o ano 2013 a asociación Músicas ao Vivo organiza o tamén prestixioso Premio Martín Códax da Música, que outorga galardóns en quince categorías musicais.
O onomástico Martín Códax dá nome a rúas de varias cidades ou vilas galegas, como Vigo, Pontevedra, Ourense, Arteixo ou O Burgo, e tamén o levan varios centros escolares dentro e fóra de Galicia.
Bibliografía
Arbor Aldea, Mariña (coord.) (2016): Pergamiño Vindel. Barcelona: M. Moleiro Editor.
Arbor Aldea, Mariña (2017): «Madrid-Estocolmo-Londres-Nova York. As etapas da longa viaxe do Pergamiño Vindel». En Rodríguez Guerra, Alexandre e Arias Freixedo, Xosé Bieito (eds.), The Vindel Parchment and Martin Codax / O Pergamiño Vindel e Martin Codax. Amsterdam/Philadelphia: John Benjamins Publishing Company, 311-334.
Arbor Aldea, Mariña; Ciaralli, Antonio (2017): «Il Pergamiño Vindel. Stato codicologico e paleografico». En Rodríguez Guerra, Alexandre e Arias Freixedo, Xosé Bieito (eds.), The Vindel Parchment and Martin Codax / O Pergamiño Vindel e Martin Codax. Amsterdam/Philadelphia: John Benjamins Publishing Company, 137-165.
Airas Freixedo, Xosé Bieito (2017): «Areas movedizas. Problemas de edición das cantigas de Martin Codax». En Rodríguez Guerra, Alexandre e Arias Freixedo, Xosé Bieito (eds.), The Vindel Parchment and Martin Codax / O Pergamiño Vindel e Martin Codax. Amsterdam/Philadelphia: John Benjamins Publishing Company, 119-136.
Beltrán, Vicenç (2003): «Martin Codax o el poeta intemporal»
https://www.cervantesvirtual.com/obra-visor/martin-codax-o-el-poeta-intemporal-0/html/ffd386ae-82b1-11df-acc7-002185ce6064_10.html#I_1_
Brea, Mercedes (1998): Martín Codax, Mendiño e Johán de Cangas. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia.
Brea, Mercedes; Lorenzo, Pilar (1995): A cantiga de amigo. Vigo: Edicións Xerais.
Calvia, Antonio (2016): «A música do Pergamiño Vindel». En Arbor Aldea, Mariña (coord.): Pergamino Vindel. Barcelona: M. Moleiro Editor, 161-182.
Ciaralli, Antonio (2016): «Descrición paleográfica». En Arbor Aldea, Mariña (coord.): Pergamino Vindel. Barcelona: M. Moleiro Editor, 147-160.
Cohen, Rip (2003): 500 Cantigas d’Amigo. Edição crítica / Critical edition. Porto: Campo das Letras, 502-504.
Congreso O Mar das Cantigas (1997). Santiago de Compostela: Xunta de Galicia.
Cohen, Rip (2016): «As cantigas de Martin Codax. Edición e comentario». En Arbor Aldea, Mariña (coord.): Pergamino Vindel. Barcelona: M. Moleiro Editor, 183-204.
Cohen, Rip (2017): «The Metrics of Martin Codax». En Rodríguez Guerra, Alexandre e Arias Freixedo, Xosé Bieito (eds.), The Vindel Parchment and Martin Codax / O Pergamiño Vindel e Martin Codax. Amsterdam/Philadelphia: John Benjamins Publishing Company, 39-49.
Congreso O Mar das Cantigas (1997). Santiago de Compostela: Xunta de Galicia.
Correia, Ângela (1993): «Sobre a especificidade da cantiga de romaria», Revista da Biblioteca Nacional, Série 2, vol. 8 (2), 7-22.
Cunha, Celso F. da (1956): O cancioneiro de Martin Codax. Rio de Janeiro: [Tese policopiada].
Cunha, Celso F. da (1986): «Sobre o texto e a interpretação das cantigas de Martin Codax». En Critique textuelle portugaise. Actes du Colloque (Paris, 20-24 octobre, 1981). Paris: Foudation Calouste Gulbenkian/Centre Culturel Portugais, pp. 65-83.
Fernández de la Cuesta, Ismael (1982): «Les cantigas de amigo de Martin Codax», Cahiers de Civilisation Médiévale, 25, 179-185.
Ferreira, Manuel Pedro (1986): O som de Martim Codax. Sobre a dimensão musical da lírica galego-portuguesa (séculos XII-XIV). Lisboa: Unisys / Imprensa Nacional.
Ferreira, Manuel Pedro (1993): «Martin Codax». En Lanciani, Giulia e Tavani, Giuseppe (coords.), Dicionário da Literatura Medieval Galega e Portuguesa. Lisboa: Caminho, 433-436.
Ferreira, Manuel Pedro (2016): «Ler o Pergaminho Vindel: suporte; textos; autor.». En [Videira Lopes, Graça e Manuel Pedro Ferreira (eds.), Do canto à escrita: Novas questões em torno da Lírica Galego-Portuguesa –Nos cem anos do pergamino Vindel. Lisboa: IEM – CESEM,19-28.
Ferreira, Manuel Pedro (2017): «Tradicionalismo e inovação musical na cantiga paralelística». En Rodríguez Guerra, Alexandre e Arias Freixedo, Xosé Bieito (eds.), The Vindel Parchment and Martin Codax / O Pergamiño Vindel e Martin Codax. Amsterdam/Philadelphia: John Benjamins Publishing Company, 239-255.
Flitter, Derek W.; Obber de Baubeta, Patricia (eds.) (1998): Ondas do Mar de Vigo. Actas do Simposio Internacional sobre a Lírica Medieval Galego-Portuguesa. Birmingham: Seminario de Estudios Galegos, Department of Hispanic Studies, The University of Birmingham.
Gonçalves,Elsa (1989): «Filologia literária e terminologia musical : Martin Codaz esta non acho pontada». En Miscellanea di studi in onore di Aurelio Roncaglia a cinquent’anni dalla sua laurea, vol. II, Modena: Mucchi Editore.
Lemaire, Ria (2017): «As personagens femininas do Pergaminho Vindel». En Rodríguez Guerra, Alexandre e Arias Freixedo, Xosé Bieito (eds.), The Vindel Parchment and Martin Codax / O Pergamiño Vindel e Martin Codax. Amsterdam/Philadelphia: John Benjamins Publishing Company, 69-82.
Marcenaro, Simone (2016): «Descrición codicolóxica». E nArbor Aldea, Mariña (coord.): Pergamino Vindel. Barcelona: M. Moleiro Editor, 137-146.
Monteagudo, Henrique (1997): «Cantores de santuario, cantares de romaría». En Congreso "O mar das cantigas". Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 99-127.
Monteagudo, Henrique (2014): Martin Codax. Bañarnos emos nas ondas! As sete cantigas / O pergamiño Vindel. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia/Real Academia Galega / Parlamento de Galicia.
Monteagudo, Henrique; Pozo, Luz; Alonso Montero, Xesús (1998): Tres poetas medievais da ría de Vigo. Martín Codax, Mendiño e Xohán de Cangas. Vigo: Editorial Galaxia.
Oviedo y Arce, Eladio (1916-1917): «El genuino 'Martín Codax' trovador gallego del siglo XIII. Texto musical de Martín Codax (interpretación y crítica)», Boletín de la [Real] Academia Gallega, 10, 1-16, 57-73, 89-104, 121-125, 153-162, 233-257 e 265-271. Edición á parte en (1917): El genuino 'Martín Codax' juglar gallego del siglo XIII según un apógrafo trecentista de su 'cancionero'. Texto literario (interpretación y crítica) por D... Texto musical (interpretación y crítica) por D. Santiago Tafall y Abad. A Coruña: Tipografía e Imprenta Roel.
Resende de Oliveira, António (1994): Depois do espectáculo trovadoresco. A estrutura dos cancioneiros penisulares e as recolhas dos séculos XIII e XIV. Lisboa: Ed. Colibri.
Resende de Oliveira, António (2017): «À volta da tradição manuscrita das cantigas de Martin Codax». En Rodríguez Guerra, Alexandre e Arias Freixedo, Xosé Bieito (eds.), The Vindel Parchment and Martin Codax / O Pergamiño Vindel e Martin Codax. Amsterdam/Philadelphia: John Benjamins Publishing Company, 51-67.
Rodríguez Guerra, Alexandre; Arias Freixedo, Xosé Bieito (eds.) (2018): The Vindel Parchment and Martin Codax / O Pergamiño Vindel e Martin Codax. Amsterdam/Philadelphia: John Benjamins Publishing Company.
Ron, Xabier (2017): «Martin Codax. O nome. A onomástica na lírica trobadoresca». En Rodríguez Guerra, Alexandre e Arias Freixedo, Xosé Bieito (eds.), The Vindel Parchment and Martin Codax / O Pergamiño Vindel e Martin Codax. Amsterdam/Philadelphia: John Benjamins Publishing Company, 221-238.
Souto Cabo, José António (2017): «Martim Codax e o fenómeno jogralesco na Galiza sul-ocidental». En Rodríguez Guerra, Alexandre e Arias Freixedo, Xosé Bieito (eds.), The Vindel Parchment and Martin Codax / O Pergamiño Vindel e Martin Codax. Amsterdam/Philadelphia: John Benjamins Publishing Company, 83-101.
Spaggiari, Barbara (1980): ) «Il canzoniere di Martin Codax», Studi Medievali, 3ª Serie, 21, 367-409.
Tavani, Giuseppe (1988): «Martin Codax, o seu cancioneiro e o pergaminho de Vindel». En Ensaios Portugueses. Filologia e Linguística. Lisboa: Imprensa Nacional-Casa da Moeda, 267-285.
Vieira, Yara (2017): «Estudo literário das cantigas de Martin Codax». En Rodríguez Guerra, Alexandre e Arias Freixedo, Xosé Bieito (eds.), The Vindel Parchment and Martin Codax / O Pergamiño Vindel e Martin Codax. Amsterdam/Philadelphia: John Benjamins Publishing Company, 25-38.
Vindel, Pedro (1915): Martin Codax. Las siete canciones de amor, poema musical del siglo XII, publícase en facsímil, ahora por primera vez, con algunas notas recopiladas por Pedro Vindel. Madrid; Imprenta de la Sucesora de M. Minuesa de los Ríos.