Voces centenarias

Voces centenarias

O proxecto

Voces centenarias

Voces Centenarias é un proxecto de difusión do amplo e vizoso fondo inédito que se agocha no Arquivo Sonoro de Galicia. Periodicamente ofrecerase unha escolma das gravacións sonoras, custodiadas no Consello da Cultura Galega, dos nosos persoeiros da cultura, da política, da emigración... e que, como o nome da iniciativa suxire, xa non están entre nós. Todas elas son voces que axudaron a perfilar o noso pasado pero tamén o noso destino presente e futuro.

Escoitámolas sempre con entusiasmo (Suárez Picallo), con afouteza (Otero Pedrayo), con admiración (Filgueira Valverde). Nelas advertimos a contribución de cada un dos nosos intelectuais nos seus distintos eidos do coñecemento ou da política (Ramón Piñeiro); decatámonos como a nosa lingua se emprega nos anos 50 alén mar (Eduardo Blanco Amor); sentimos como a nosa poesía ou o noso teatro están presentes na emigración (Fernando Iglesias “Tacholas”).

Xunto a figuras como as amentadas, mostraranse outras como Valentín Paz-Andrade, Rafael Dieste ou Maruxa Boga, por citar algunhas; todas elas esenciais para fornecer a nosa identidade e que ofrecen unha visión poliédrica da nosa cultura.

Voces Centenarias mostra o crisol en que se alicerza o Arquivo Sonoro de Galicia, grazas á xenerosidade de institucións e particulares. Eles ven no noso arquivo o centro aglutinador para a preservación do patrimonio sonoro galego. Este apoio desinteresado fai posible que, a partir de hoxe, se poidan ofrecer estes testemuños que só a voz mantén vivos na emoción e na sabedoría.