Seíam'eu... en San Simón
A CULTURA MEDIEVAL Á LUZ DAS NOVAS TECNOLOXÍAS

Illa de San Simón - Venres, 26 de abril de 2019
Información

O Consello da Cultura Galega e o Concello de Redondela comezan con esta xornada un ciclo conxunto que, en forma de simposio e baixo a denominación xenérica “Seíam'eu... en San Simón”, terá lugar con carácter anual nesa illa.

O ciclo escolleu como sede un emblemático ‘lugar de memoria’ construído como tal dende os albores da nosa cultura e centrarase en dúas liñas de traballo principais: a cultura medieval, evocada por Mendiño, o cantor da illa, e a memoria da emigración e do exilio, que deixou fonda pegada en San Simón e na súa contorna.

Consonte esta dupla vocación, nesta primeira xeira o simposio ten como obxectivo avaliar a contribución das chamadas ‘humanidades dixitais’ ao mellor coñecemento e divulgación da cultura medieval, nas súas diferentes facetas, da música á literatura, pasando polo patrimonio. Especialistas destas materias reúnense en San Simón para poñer en común as súas experiencias no uso desas ferramentas que abren posibilidades extraordinarias, non só para os avances científicos senón para a democratización do coñecemento e o gozo dos nosos bens culturais. Reflexionarase logo sobre os desafíos que supón divulgar hoxe a música medieval, ou editar os cancioneiros, pero tamén contemplaremos cunha nova ollada algúns tesouros do noso patrimonio material, das igrexas altomedievais ao recentemente restaurado Pórtico da Gloria.

AVISO

Haberá un servizo de transporte marítimo para acceder á Illa que sairá ás 10:00 horas dende un peirao aínda por determinar en función das mareas. Informarase do lugar de partida ás persoas inscritas días antes da celebración do encontro. Ao remate da xornada (arredor das 19:00 horas) haberá un servizo de regreso.

Haberá un xantar na Illa para todas as persoas asistentes á xornada.

Está previsto un servizo de transporte ao remate da sesión da mañá e antes do inicio da xornada da tarde para aquelas persoas que o precisen e así o demanden.

A inscrición pecharase dous días antes da xornada por cuestións de organización.

 

Ficha técnica
Seíam'eu... en San Simón<br> A CULTURA MEDIEVAL Á LUZ DAS NOVAS TECNOLOXÍAS</br>
Seíam'eu... en San Simón
A CULTURA MEDIEVAL Á LUZ DAS NOVAS TECNOLOXÍAS
Ciclo. Illa de San Simón - Venres, 26 de abril de 2019
Organiza
Concello de Redondela
Concello de Redondela
Consello da Cultura Galega

LUGAR
Illa de San Simón
Redondela (Pontevedra)