NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega xunta os novos valores da música coa poesía de Curros Enríquez nunha nova versión de “O maio”

“O maio” é un dos poemas máis coñecidos de Curros Enríquez e no que o poeta evoca unha primavera de liberdade e xustiza. Neste Primeiro de Maio tan diferente, o Consello da Cultura Galega (CCG) promoveu un proxecto celebrativo que xunta este poema reivindicativo de Curros coas novas voces da música galega. O resultado é un vídeo musical que fusiona rumba con influencias da música tropical para dar a benvida ao mes de maio.

Accede ao vídeo


Pablo Lesuit, Faia Díaz, Narci Rodríguez, Najla Shami, Eladio Santos, Belem Tajes, Nastasia Zürcher, Leo Burke, Brais Morán, Yhadira, Xiana Lastra, Su Garrido e High Paw son os trece músicos que forman parte deste proxecto que pretende abrir o mes de maio a ritmo de música. A musicalización do poema foi obra de Nastasia Zürcher máis Adrián Saavedra. Este último fixo tamén o arranxo e a produción musical. Jairo Moreno foi o encargado da edición de vídeo deste proxecto que poñemos desde este primeiro de maio á disposición da cidadanía.

“O maio” é un poema moi coñecido de Curros Enríquez que se insire do seu poemario “Aires da miña terra”, que cumpre no mes de xuño 140 anos da súa primeira edición. Esta peza xa forma parte do imaxinario popular grazas á versión musical que fixo Luís Emilio Batallán en 1975, á que agora sumamos estoutra proposta actualizada.

Encargas musicais
Esta iniciativa encaixa dentro dunha das áreas de actividade do Consello da Cultura Galega como é a composición musical. No marco desta liña de traballo, o CCG realiza encargas periódicas a compositores e compositoras actuais de obras para coro sobre textos clásicos da literatura galega. Entre os máis destacados figura a versión para coro e orquestra do poema “Penélope”, de José María Díaz Castro, realizada por Octavio Vázquez e estreada no marco do Concerto das Letras Galegas 2014 (que tivo lugar en Lugo), ou “Suite Cotobade”, que Xaquín Xesteira e Rodrigo Romaní realizaron en 2019. Ademais, o CCG ten solicitado arranxos de composicións musicais existentes, como os que fixo Juan Durán da versión de José Baldomir do poema “A Rosalía”. Esta iniciativa supón a elaboración continuada dun repertorio para coros que, ademais, está dispoñible para toda a cidadanía desde o web da institución. Estas encargas adoitan estar vencelladas aos dous concertos anuais que organiza a institución: o “Concerto das Letras Galegas” e a proposta didáctico-musical “No bico un cantar”.

O CCG e a COVID-19
Desde o inicio do estado de alarma, o Consello da Cultura Galega mantivo, en consonancia co seu mandato fundacional, unha posición activa en diferentes frontes. En primeiro lugar, na posta á disposición da cidadanía de contidos culturais galegos e en galego a través das dúas plataformas webs (consellodacultura.gal para ofrecer información xerada pola institución e culturagalega.gal para dar conta da actualidade cultural). En segundo lugar, nunha posición de análise a través do Observatorio da Cultura Galega, que prepara informes de tipo cualitativo e cuantitativo para obter un diagnóstico da situación actual. Ademais, o CCG manifestou o seu compromiso de adiar e reprogramar toda a súa actividade cultural ata que a situación permita a realización de actividade presencial.