NOTICIA

----

Unha xornada analiza a relevancia da Asemblea de Monforte no seu centenario

“Cen anos soñando o destino” é o título da xornada que o Consello da Cultura Galega (CCG) celebra este sábado en Monforte para lembrar o centenario da asemblea nacionalista que organizaron nesta localidade as Irmandades da Fala. A xornada é presencial, será gravada e subirase posteriormente á mediateca da institución.

Entre o 18 e o 20 de febreiro do ano 1922 tivo lugar en Monforte de Lemos a IV Asemblea Nazonalista das Irmandades da Fala. Unha xornada que pretende debater sobre a organización definitiva das Irmandades, o plan de propaganda nacionalista e os estudos que realizar desde as fileiras dos Amigos da Fala.

A xuntanza puxo de manifesto as tensións internas no seo das Irmandades, que acabarían na escisión entre a tendencia liberal-progresista —liderada pola Irmandade d’A Coruña— e a máis conservadora, a cuxa fronte se achaba o grupo ourensán liderado por Vicente Risco e que levaría á creación da Irmandade Nazonalista Galega. A histórica Asemblea de Monforte marcaría, pois, un fito na historia do galeguismo e sería decisiva no decorrer deste naqueles anos de preguerra, onde aínda todo era posible, mesmo a utopía. A xornada coordinada por Patricia Arias Chachero, Olga Novo e Xosé Rodríguez Díaz ocuparase da análise do movemento das Irmandades e en especial do acontecido na IV Asemblea, así como da centralidade proletaria do lugar de Lemos naquela Galicia de comezos de século.

O programa
A xornada ten unha parte de relatorios históricos. Arrinca Raúl Soutelo cun titulado “Construíndo identidade entre cultura e política: as Irmandades da Fala”, séguelle Xurxo Ayán coa intervención “A Irmandade que viaxaba en comboio: contextos da Asemblea de Monforte (1922)”. Emilio Ínsua fará o propio cunha disertación sobre as causas e consecuencias da ruptura das Irmandades da Fala nesa asemblea. A última das conferencias corre a cargo de Aurora Marco e titúlase “Irmandiñas. Compromiso e paixón pola Terra”.

Outra parte está conformada por un programa cultural que está pensado para público de entre 5 e 12 anos, cun obradoiro de creatividade que dirixirá Iris Branco. Ademais, está programada a lectura pública de textos das persoas que participaron na Asemblea Nacionalista en San Vicente do Pino. A xornada remata cun concerto a cargo de Uxía e Sergio Tannus.