NOTICIA

----

Regresa o ciclo Pensarmos cunha charla de Joaquín Urías sobre calidade democrática

A Sección de Pensarmos do Consello da Cultura Galega (CCG) retoma mañá, 26 de xaneiro (18:00 horas), o ciclo Pensarmos. Nesta ocasión, o convidado é o profesor de Dereito Constitucional da Universidad de Sevilla Joaquín Urías, quen reflexionará sobre a calidade democrática da sociedade actual. A súa intervención desenvolverase en formato dialogado coa coordinadora da Sección, Celia Pereira Porto. A sesión é presencial, pero poderá seguirse en directo a través do sitio web e das redes sociais da institución.

“A calidade democrática da nosa sociedade” é o título da conferencia con que Joaquín Urías participa nunha nova sesión do ciclo Pensarmos, que dedica este ano 2023 a debater arredor do concepto de democracia. A súa intervención seguirá o esquema habitual no que a persoa convidada dialoga cun especialista no tema. Desta volta, a conversa estará conducida pola avogada Celia Pereira Porto.

Os participantes
Joaquín Urías é profesor de Dereito Constitucional na Universidad de Sevilla. Foi letrado do Tribunal Constitucional de España entre 2004 e 2010, e desde ese ano e ata 2014 dirixiu o proxecto EURALIUS da Unión Europea para a reforma do sistema xudicial de Albania. Así mesmo, foi o director doutros proxectos de investigación sobre procesos electorais e actualmente dirixe un da Unión Europea cuxo obxectivo principal é avaliar os progresos do Estado albanés en materia de reforma xudicial. Publicou seis libros sobre xustiza constitucional e liberdade de expresión, temas que constitúen o eixe central das súas investigacións e sobre os que escribiu tamén numerosos artigos científicos. Ademais, traballou para a OCDE asesorando as autoridades españolas para a elaboración dunha lei integral de servizos sociais e desenvolveu, en paralelo, unha carreira como activista social e a prol dos dereitos humanos. Neste ámbito, traballou con refuxiados en campos da antiga Iugoslavia e na illa de Lesbos, así como en asentamentos chabolistas en España, e participou en proxectos sociais en Haití, Costa de Marfil ou Indonesia. Foi portavoz do Foro Social de Sevilla dentro do movemento antiglobalización e contra a guerra de Iraq. Habitualmente, colabora con diversos medios audiovisuais e escritos, nos que publica artigos de opinión.

Celia Pereira Porto é avogada, académica correspondente da Real Academia Galega e coordinadora da Sección de Pensamento do CCG. Graduouse en Dereito e doutorouse na Universidade da Coruña, onde deu clase de Filosofía do Dereito ata o ano 2005. Na súa área de coñecemento reflexionou sobre o concepto do corpo para as mulleres, a discriminación de xénero na negociación colectiva e a obra de Concepción Arenal, temas chave das súas monografías A aportación de Concepción Arenal no marco do Estado liberal español e A discriminación de xénero na negociación colectiva. Vellas inercias e novos retos para a igualdade. Ademais, é autora de diversos libros e artigos sobre a igualdade de xénero desde unha perspectiva iusfilosófica e editora da primeira tradución ao galego de O meu pecado mortal de Clara Campoamor.

Pensarmos
En xaneiro de 2019 a Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega puxo a andar o ciclo Pensarmos, unha proposta de charlas, debates e intercambio de ideas coas que se busca abordar os problemas da actualidade. A posverdade, os fascismos dixitais, as tecnopersoas, a precarización da vida, a perda de liberdades, a deterioración medioambiental ou o poshumanismo foron algunhas das temáticas que se trataron no marco deste foro, polo que pasaron xa máis dunha vintena de conferenciantes como, por exemplo, Maggy Barrère, Javier Vilanova, Belén Gopegui ou Juan Jacinto Muñoz-Rengel, por citar algúns dos máis recentes. Todas as intervencións están gravadas e, salvo desexo expreso dos autores, pódense consultar a través do sitio web institucional ou na nosa canle de YouTube.

Sección de Pensamento
Esta cita está organizada pola Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega, coordinada por Celia Pereira Porto e que ten como membros a Mariló Candedo Gunturiz, Francisco Castro Veloso, Francisco Xosé Fernández Naval, Ana Isabel García Arias, Nieves Herrero, Luisa Martínez Lorenzo, Xoán Antonio Pérez Lema e Juan Tallón. Ademais do ciclo Pensarmos, a Sección organiza periodicamente outras actividades, entre as que destaca a revisión de figuras relevantes no mundo do pensamento e a análise da conexión que tiveron con Galicia persoeiros como Martin Heidegger, Simone Weil, Albert Camus, Hannah Arendt ou Karl Marx.