García II de Galicia. Da lenda á historia
A Lindona de Galicia
O historiador Anselmo López Carreira explora as fronteiras entre os feitos históricos e a ficción imaxinada para a obra de teatro.
Dando por seguro que o autor de La Lindona de Galicia non consultaría a documentación coetánea de García, e por moi probable que tampouco se asomase ás crónicas medievais, só debeu ter ao seu alcance a Historia de rebus Hispaniae de Juan de Mariana, publicada en latín en 1592 e traducida ao castelán en 1601, porque coa datación proposta o autor non chegaría a coñecer Armas y triunfos del Reino de Galicia de Felipe de la Gándara, aparecida en 1662.
Uns douscentos anos despois da publicación de La Lindona, nun conxunto de “pequenas epopeas” de inspiración historicista (La légende des siècles), Victor Hugo introducía un poema titulado Le Petit Roi de Galice (1859), traducido ao galego por H. Harguindey (O reiciño de Galicia, 1998), cuxo protagonista non é o rei García, pero si un ficticio fillo seu, Nuno. En contra do sostido por varios autores (López Ferreiro entre eles, que chegou a atribuírlle dous), García non deixou ningún fillo coñecido.
Victor Hugo xa puido acudir a outras fontes de información. Por de pronto, ás Armas y triunfos de Felipe de la Gándara, quen dá creto á responsabilidade de García no desencadeamento das hostilidades cos seus irmáns, pero cuxa explícita intención de resaltar os feitos gloriosos de Galicia o leva a narrar (sobre certa base cronística) unha improbable vitoria inicial de García sobre Sancho, omitindo o feito real da súa definitiva derrota, prisión e perda do reino.
Pero sobre todo debemos considerar seguro que consultou a Histoire Générale d’Espagne de Ch. Romey, posta en circulación en París en 1838, onde se fai o máis sinistro retrato do rei. Traducida ao español o ano seguinte, foi a fonte en que beberon autores posteriores, reproducindo mesmo literalmente as súas afirmacións de descontento dos súbditos, dexeneración en “demencia” e goberno tiránico exercido “polo terror”; en fin, a súa completa “incapacidade para reinar”.
A maiores, en 1852 reeditábase a vella obra de Juan de Mariana (agora co título de Historia General de España) e por eses mesmos anos comezaba a publicación da monumental historia de M. Lafuente (1850-1867), que compendia todos os prexuízos vertidos sobre García.
Unha serie de lugares comúns que por certo non reproducen nin Le Petit Roi nin La Lindona, cuxos autores saben que foron os irmáns de García os agresores. No poema de Víctor Hugo, contra o fillo de García; en La Lindona, máis fiel á historia, contra o rei galego. Nas dúas –obras de creación– o final é feliz.
La Lindona de Galicia non se aparta dos feitos contrastados pola investigación ao consignar a resistencia de García fronte ao castelán Sancho, a súa prisión nun castelo e a intervención do outro irmán, rei de León (a quen lle chama Fernando en vez de Afonso). Mesmo na escusa de Sancho de intervir en defensa de Lindona, maltratada por García, resoa o espolio de Urraca do que a Crónica de Castela (a tradución galega é de principios do século XIV) culpa a García. E as alternativas matrimoniais do García literario teñen correlato histórico nas frustradas pretensións que no seu momento quizais albergou o rei; non cunha filla do normando Guillerme o Conquistador, como se ten proposto (o pretendente era Afonso), senón coa do emperador alemán Henrique III, ao que E. Portela concede marxe de credibilidade.
Algunha destas suxeridas aproximacións á historia podería ser mera coincidencia co argumento. Quizais tamén o sexa o carácter “manso” con que Víctor Hugo retrata ao seu rei mozo, mais isto non pode deixar de evocar a recorrencia do atributo de inmadureza que acompañará a García ao longo da historia, cuxa orixe remonta ao inocente apuntamento psicolóxico de Lucas de Tui no seu Chronicon Mundi (século XIII), cando asegura que “erat simplicis ingenii”, en vista da fácil caída de García na celada urdida por Afonso e Urraca, que o levou á prisión perpetua no castelo de Luna.
Juan de Mariana traducía “de boa condición, sinxelo”, pero impúxose a connotación negativa, desde o arcebispo toledano Ximénez de Rada e o ciclo afonsino no século XIII ata R. García Álvarez ou C. Torres no XX, e a sinxeleza transformouse en pusilanimidade e curtidade de enxeño. Murguía xustifícao como efecto da “indolencia ou xuvenil inexperiencia” e da inclinación ás “dozuras da vida quieta e pacífica”, algo do que García só gozou na prisión.
O mesmo Mariana explicaba a debilidade do reinado e o pouco apoio interior con que contaba García “por ter o reino dividido en bandos”, o cal é certo, mais non se pode probar que o descontento se debese ao exceso dos tributos ou a ter acudido aos mouros en demanda de auxilio. Cúlpase de todo a un “criado”, Vérnula, home de “maos consellos” (Crónica de Castela), que o manexaba á súa vontade.
Na Historia de España de M. Lafuente (1850), modelo da moderna historiografía española, eses tópicos vense acrecentados por aqueles trazos da autoría de Romey cos que García semella precipitarse “nunha especie de demencia” a raíz do asasinato de Vérnula polos nobres e desata unha “tola dominación contra todos os seus súbditos de calquera idade ou sexo”, signo inequívoco da súa “incapacidade para gobernar”.
Por esas mesmas datas Vicetto (Historia de Galicia, t. IV, 1871), coñecedor da obra de Romey, obviando a digresión psicolóxica pero moi contundente na conclusión, coincide en que García gobernaba “polo terror” e era “odiado polos seus vasalos”. Foi un “rei infausto”, cuxa “negra memoria será sempre repugnante para todo fillo de Galicia”.
Aínda que estudosos posteriores, como V. Risco ou E. González López, se abstiveron de facer valoracións de ningún tipo, esa imaxe negativa chegou ata o presente. Nas brevísimas liñas que R. Villar Ponte, quen representa a opinión predominante entres as xentes da Xeración Nós, lle dedica na súa Historia sintética de Galicia (1927), limítase a consignar a súa “desastrosa xestión”.
O lamento de Murguía (“¡Así se perdeu a ocasión máis propicia de fundar a monarquía galega!”) resume a percepción de ter sido García incapaz de consolidar un reino independente galego-portugués. Tamén debeu influír a alta valoración en que todos os historiadores tiñan ao seu irmán e carcereiro, Afonso VI, “príncipe glorioso” (Murguía) que “ocupa na historia moi alto lugar” (Vicetto).
Co peso de tantas circunstancias acusatorias era natural que se emitise un veredicto de culpabilidade, considerándose probado que a García lle faltaban as calidades precisas para reinar.
O reinado de García tardou en ser obxecto da investigación actual. En 1997 X. M. Andrade repasaba as fontes historiográficas medievais e os diplomas emitidos pola chancelaría rexia. Por fin, a pormenorizada monografía realizada por E. Portela (García II de Galicia, 2001) permitíalle a este autor afirmar, en total contraste co anteriormente dito, que García “era home capaz de encabezar e dirixir o proxecto político”, conclusión á que chega tras a detallada análise das fontes escritas conservadas, restituíndo a existencia histórica do monarca.
En 1063 Fernando e Sancha encomendáranlle ao seu fillo García o goberno de Galicia con Portugal, con desagrado dos seus irmáns Sancho (a quen deixaban Castela) e Afonso (Asturias-León), pois, sendo García o menor dos tres, recibía a parte maior, máis poboada e mellor dotada de infraestrutura institucional de todo o conxunto do reino galaico (que nesa altura comprendía o condado de Castela, os territorios asturiano-leoneses e do norte portugués e a Galicia propiamente dita), aínda que a vella estrutura episcopal herdada de época sueva se atopase en estado de crise.
Xa os seus pais se sumaran ao proceso de reforma do modelo político dirixido desde Roma e Cluny, que supoñía o fortalecemento da monarquía feudal e a hexemonía social da nobreza e alto clero, no que correspondía un rol fundamental (ideolóxico e territorial) ao episcopado e á renovada rede monástica. Desde o ano 1066 García acomete no seu reino a restauración das sés episcopais abandonadas, as máis delas ao sur do Miño, en especial a vella metrópole da Gallaecia, Braga.
A intención non era do agrado da nobreza nin do clero de Galicia, temerosos de que a reorganización do espazo portucalense minguase as súas expectativas de poder e de que a restauración da igrexa de Braga fose en detrimento da crecente importancia adquirida pola sé apostólica de Compostela. García fóra traído xa de neno (con once ou doce anos) a Galicia polo bispo Cresconio de Iria-Compostela e procurou asegurar a fidelidade das dioceses galegas mediante o nomeamento de bispos, como fixo en Tui, Ourense e, sobre todo, precisamente Compostela, onde colocou a Gudesteo, pero o asasinato deste por parte dos “príncipes de Galicia” (Historia Compostelana) e a forte oposición deste sector acabarán botando a perder o seu proxecto.
En cambio, a acción de García sintonizaba coa nobreza territorial intermedia de cabaleiros de entre Miño e Douro, os infanzóns, chamados axiña a constituíren o soporte inicial do reino de Portugal, pero chocou tamén coa rebelión da alta nobreza do extremo sur do reino, cuxo representante máis significado era o conde Sisnando, na área de Coimbra.
A vitoria militar de García sobre os seus opoñentes internos na batalla de Pedroso (cerca de Braga) en 1071 non resolveu a situación. Nobreza condal e episcopado favorecerán entón a intervención dos outros irmáns, Sancho e Afonso, un tras outro. Sancho derrota a García en Santarém ese mesmo ano e obrígao a exiliarse no reino musulmán de Sevilla, e en 1072, tras a morte de Sancho, Afonso prende a García e reclúeo de por vida no castelo de Luna, cerca de León.
Alí morre en 1090 e, con honores rexios presididos polo legado pontificio Rainerio, foi soterrado no panteón real de San Isidoro de León, coas mesmas cadeas con que o tiveran preso e quixo levar á tumba, segundo conta a lenda e o epitafio que se gravou sobre a sepultura.
Visto no curto prazo do seu breve reinado (1066-1071/72), o proxecto de García efectivamente fracasou; mesmo foi así tamén no longo prazo se consideramos a posible cristalización dun reino que comprendese Galicia e Portugal, cousa que obviamente non sucedeu. Porén, as tensións en que se debateu o seu reinado continuaron actuando durante as décadas seguintes e fixeron irreconciliables, no século XII, os intereses da nobreza e o clero da Galicia compostelá (personificados polos condes de Traba e por Xelmírez), e os dos infanzóns portucalenses e a restaurada igrexa metropolitana de Braga. O desenlace foi a creación do reino de Portugal e a permanencia do de Galicia no espazo galaico-leonés.