Virus, epidemias e vacinas

O Calendario Científico Escolar lémbranos que o 9 de decembro de 1979 erradicouse por primeira vez unha doenza. Foi a varíola e logrouse grazas á vacinación. Catro décadas máis tarde, en decembro de 2019, a Oficina da OMS na China recibiu un aviso de varios casos de pneumonía de causa descoñecida na cidade de Wuhan. Sóubose, posteriormente, que o coronavirus SARS-CoV-2 era o causante. A pandemia mundial provocada por este coronavirus está aínda lonxe de ser erradicada, mais parece evidente o decisivo papel que están a xogar as vacinas na loita contra a enfermidade.

Inauguramos nova etapa do Proxector con esta sesión continua na que ofrecemos unha ducia de pezas audiovisuais sobre virus, epidemias e vacinas; unha temática que continúa a estar, lamentablemente, de plena actualidade. Periodicamente, iremos propoñendo outras sesións temáticas vinculadas a efemérides, persoeiros ou feitos salientables.

Data: 18/01/2022

Que nos pode ensinar a vacinación de morcegos vampiros sobre as pandemias

Vídeo de TED (15´ 40´´) no que o ecoloxista Daniel Streicker nos fala da súa experiencia traballando en programas de erradicación da transmisión do virus da rabia a persoas, causada pola mordedura de morcegos vampiros. Daniel Streicker considera que estudar os padróns de comportamento de todos aqueles virus que se transmiten entre animais e persoas (independentemente de que consideremos que son susceptibles de ocasionar unha pandemia) podería axudarnos a estar mellor preparados ante futuras emerxencias. Nesa charla descubrirás que aprendizaxes podemos aproveitar no futuro a partir dos resultados obtidos no estudo dos brotes da rabia.
Tradución ao galego de Noelia Correa.


Por que a Covid-19 nos está a atacar agora e como prepararnos para o próximo brote

Vídeo de TED (16´ 19´´) no que Alanna Shaikh, experta en saúde global e bioseguridade, nos fala da Covid-19. Despois da experiencia vivida e partindo da evidencia de que esta non vai ser a última epidemia á que teñamos que enfrontarnos, Alanna Shaikh reflexiona sobre a eficacia das corentenas ou das restricións para viaxar á hora de deter novos brotes. Na súa opinión estas non son as mellores medidas e, en calquera caso, non deben ser as únicas que os gobernos tomen. A solución está en crear un sistema de saúde global que apoie e axude a fortalecer os sistemas sanitarios en todo o mundo, para que estes poidan detectar e deter un novo brote en canto apareza. Esta charla axudarache a entender que causas están detrás da aparición de novos virus e bacterias e como deben actuar a nivel mundial os gobernos para facer fronte, con maior eficacia, a pandemias similares á Covid-19.
Tradución ao galego de José Cousillas Rey.


Que sabemos e que non sabemos sobre o coronavirus

Vídeo de TED (7´ 59´´) no que David Heymann, experto en saúde pública que liderou a resposta ante o SARS en 2003, informa sobre os últimos descubrimentos científicos en relación á COVID-19. Nesta charla, gravada en febreiro de 2020, explícanos, entre outras cuestións, que pode acontecernos se nos infectamos co coronavirus, que enfermidades previas poden aumentar o risco, cales son as fontes de información fiables ás que podemos acceder, que tipo de medidas son as máis axeitadas para controlar a expansión deste novo virus ou canto tempo podemos tardar en conseguir unha vacina.
Tradución ao galego de Noelia Collazo Boullosa.


Como pasan os virus dos animais para os humanos?

Vídeo de TED (4´ 48´´) no que Ben Longdon explica o proceso mediante o cal un patóxeno dunha especie pode infectar outra. Os virus son un tipo de parasito orgánico que infecta case calquera forma de vida. Neste vídeo descubrirás cales son as principais etapas que deben superar para sobrevivir e reproducirse, e como un virus adaptado a outro mamífero pode chegar a infectar un humano tan só con desenvolver unhas poucas mutacións afortunadas.
Tradución ao galego de Xusto Rodríguez.


A vindeira epidemia? Non estamos listos

Vídeo de TED (8´ 36´´) no que Bill Gates prognostica, xa no ano 2015, que a maior ameza para a humanidade era a expansión dun virus altamente contaxioso. Tras a experiencia vivida co brote de ébola en 2014, Bill Gates considera que o mundo non está preparado para superar unha pandemia. No vídeo expón as principais claves que cómpre ter en conta para lidar cunha pandemia global: fortalecer os sistemas sanitarios dos países pobres, contar con corpos médicos de reserva que actúen en cooperación cos corpos militares, facer simulacros microbianos para detectar posibles fallos e investir en I+D no eido das vacinas e os diagnósticos.
Tradución ao galego do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.


A vacina vén de vaca

Vídeo de divulgación científica (1´ 51´´) no que se explica o significado do termo “vacina”. Así mesmo, descubrirás que importancia tiveron as vacas na elaboración da primeira vacina da historia, a vacina contra a varíola, descuberta en 1796 polo científico Edward Jenner.
Esta peza forma parte do "Dicionario da Ciencia", unha serie de audiovisuais producidos por GCiencia e presentados pola actriz Déborah Vukusic, que explican de xeito desenfadado diferentes temos relacionados coa ciencia. Na elaboración deste vídeo participaron Emilio Rodríguez (realización), Nelson Ribeiro (cámara), Déborah Vukusic (presentadora), Eduard Rolland (guión) e Paula Lago (deseño gráfico).



As palabras da pandemia

Vídeo de divulgación científica (1´ 51´´) no que se explica o significado do novo léxico que trouxo consigo a pandemia da Covid-19, incorporado xa no Dicionario da Real Academia Galega. En concreto fálase dos seguintes termos: coronavirus, covid, telebraballo, asintomático/a, desconfinamento e gromo.
Esta peza forma parte do "Dicionario da Ciencia", unha serie de audiovisuais producidos por GCiencia e presentados pola actriz Déborah Vukusic, que explican de xeito desenfadado diferentes temos relacionados coa ciencia. Na realización deste vídeo participaron Emilio Rodríguez (realización), Nelson Ribeiro (cámara), Déborah Vukusic (presentadora), Eduard Rolland (guión) e Paula Lago (deseño gráfico).


Aplanar a curva

Vídeo didáctico (19´ 09´´) integrado na serie “Matemáticas e coronavirus”, na que se explican desde a perspectiva matemática diferentes datos e conceptos que se fixeron populares nos medios a partir da pandemia ocasionada pola Covid-19. Manuel Vilariño, profesor do IES Leiras Pulpeiro (Lugo) explica neste vídeo, dirixido a alumnado de educación secundaria, que queremos dicir exactamente cando falamos de “aplanar a curva”.

Como funcionan as vacinas?

Vídeo (2´ 53´´) no que Iria Veiga e Javier Balea nos explican como funcionan as vacinas e por que son tan importantes para a saúde pública. Descubrirás en que consiste a “resposta inmune”, que é o “recordatorio” ou a que nos referimos cando falamos da “inmunidade de grupo”.
Trátase da terceira entrega da sección “Concienciadas”, espazo audiovisual de divulgación científica do xornal Praza Pública.



Como podemos controlar a pandemia do coronavirus?

Vídeo de TED (3´ 29´´) no que Adam Kucharski, experto en enfermidades infecciosas, responde a cinco preguntas sobre a pandemia da Covid-19. Explica en que consisten as medidas de contención, que debe facerse cando estas medidas non son suficientes para controlar a expansión do virus, cales son os principais riscos aos que se expón a poboación, que distancia cómpre manter entre as persoas e que medidas de protección deben implementar os diferentes países.
Tradución ao galego de Claudia Álvarez González.


A expedición Balmis e a vitoria da vacinación

Vídeo didáctico (4´ 57´´) no que Xacobo de Toro nos fala da enfermidade da varíola, do descubrimento da vacinación e de como a comezos do século XIX se xestou a primeira campaña de vacinación a nivel mundial (a Real Expedición Filantrópica da Vacina de 1803, coñecida tamén como “expedición Balmis”).

A inquientante razón pola que as vacinas se fan demasiado tarde... se se chegan a facer

Vídeo de TED (7' 17''). Parece ser que esperamos ao brote dunha catastrófica enfermidade para decidirnos a elaborar unha vacina contra ela. Seth Berkley expón a realidade do mercado e os riscos desproporcionados que están detrás da falta do desenvolvemento de vacinas para as enfermidades máis graves do mundo.
Tradución ao galego de Alexandra Vázquez para #TEDSAÚDE USC.