Na nosa tradición popular maio coñécese coma o mes das flores, uns seres vivos que non só atesouran milenios de cultura, senón tamén de ciencia. Así nolo lembra o Calendario Científico Escolar, que sinala o 18 de maio como o Día Internacional da Fascinación polas Plantas, unha data que pretende incidir na importancia da investigación en botánica para a sociedade, a economía e o medio; tanto na actualidade coma mirando ao futuro.
Proxector súmase á efeméride cun especial de doce recursos que apoian cientificamente estes argumentos. A través de audiovisuais diversos canto aos niveis educativos aos que se dirixen, posibilitamos afondar nas características xerais das plantas, así como nalgunhas moi específicas e fascinantes. En certos casos, pódese observar que a particularidade da especie confírelle relevancia, pois convértea en imprescindible, por exemplo, para o mantemento dun hábitat ou o redeseño de producións agrícolas segundo criterios de sostibilidade e calidade.
A visita a este especial lévanos polos laboratorios, por contornos naturais que tamén están servindo como áreas de estudo e polos novos espazos urbanos pensados para darlle un lugar aos cultivos. E, por suposto, fai unha parada en varios museos para lembrar a Baltasar Merino e follear a súa grande obra, Flora descriptiva e ilustrada de Galicia (1905-1909).
Que son as plantas?
Vídeo didáctico (8´ 10´´) no que Xacobo de Toro e Noemí Díaz, docentes de Xeoloxía e Bioloxía no ensino medio, se achegan ao laboratorio e mais á carballeira de Sobrado dos Monxes para explicarnos que son as plantas e cales son algunhas das principais características destes seres vivos. En concreto, céntranse na fotosíntese, na celulosa da súa parede celular, na lignina e na súa capacidade de adaptación.
Baltasar Merino, o maior coñecedor da flora galega
En 2017 a Real Academia Galega de Ciencias nomeou a Baltasar Merino Román (Burgos, 1845 – Vigo, 1917) “Científico do Ano”, no marco da conmemoración do Día da Ciencia en Galicia. Neste vídeo divulgativo (6´ 29´´) ofrécense os datos máis salientables da vida e da obra deste científico que deixou unha gran pegada na historia da ciencia galega, tanto no eido da botánica como no da meteoroloxía.
A función de reprodución nas plantas
Vídeo didáctico (9´ 47´´), dirixido a alumnado de 1º curso da ESO, no que o profesor Germán Santos explica en que consiste a función de reprodución nas plantas, segundo os diferentes tipos nos que se agrupan: carrizas, fieitos, ximnospermas e anxiospermas.
As plantas e as súas cores
No outono as follas de moitas árbores perden a súa cor verde e adquiren outros pigmentos. Neste capítulo de Aquelando con chispa (15´ 53´´) Manuel Vicente e David Ballesteros fálannos das plantas e de toda a ciencia que se agocha na sinfonía de cores das súas follas e flores.
Na elaboración deste programa participa o alumnado do CPI Mosteiro (Meis).
Ecoloxía e evolución de polimorfismos florais
Vídeo didáctico (7´ 16´´) do Grupo Divulgare da Universidade de Vigo . En 1830, John Henslow introduciu ao seu discípulo Charles Darwin no fascinante mundo dos polimorfismos florais. Concretamente presentoulle o caso dalgunhas especies de plantas hermafroditas que teñen dúas formas florais que difiren na altura e disposición das estruturas sexuais femininas: os pistilos. Nunha forma floral, os estigmas encóntranse localizados por enriba das estruturas masculinas (os estames), mentres que na forma oposta, os estigmas atópanse localizados debaixo dos estames.
Neste vídeo explícase en que consiste a heterostilia: un polimorfismo floral que atraeu a atención de Darwin ata o punto de que dedicou un libro ao seu estudo.
A linguaxe do musgo
Vídeo de divulgación científica (3´ 46´´), elaborado por Icía Rodríguez e Ángel Carro, que nos fala do descubrimento de novas técnicas de medida do nivel de contaminación dos nosos ecosistemas. En concreto, preséntanos o traballo que se está a desenvolver no Departamento de Ecotoxicoloxía da Facultade de Bioloxía da USC para medir o nivel de contaminación do aire ou a auga empregando como indicadores diferentes variedades de musgo.
Identificación de plantas invasoras e canto de aves
Se xa tiveches a ocasión de ver e escoitar a lección sobre especies invasoras, agora os profesores Xacobo de Toro e Noemí Díaz convídante a facer con eles unha práctica de campo virtual en vídeo 360º (7´) para aprender a identificar plantas invasoras e mais cantos de aves autóctonas.
Na práctica empréganse as seguintes ferramentas:
-Guía visual de plantas invasoras
-Guía visual e sonora de identificación de aves
-Aplicación plantnet
-Aplicación Merlin Bird
-Aplicación Birdnet
Os xardíns descoñecidos da Costa da Morte
Despois da catástrofe do Prestige, o Grupo de Investigación de Análise e de Conservación da Biodiversidade da USC elaborou un mapa de microrreservas de flora ameazada ao longo de toda a Costa da Morte. Neste vídeo divulgativo (7´ 44´´) preséntase un proxecto de voluntariado ambiental para a conservación das zonas húmidas e a flora, impulsado por ADEGA e o Concello de Fisterra, co obxectivo de poñer en valor e preservar as cinco microrreservas de flora que hai na actualidade neste concello.
Iniciación aos hortos urbanos ecolóxicos
Vídeo didáctico (1 h, 7´) no que Xisela Fernández nos ensina cales son as mellores técnicas e condicións ambientais para crear un horto urbano. En concreto, aprenderás cal é o mellor espazo, e como debes planificalo, para que medren as túas plantas, e cales son os principais factores que debes ter en conta para que os resultados sexan óptimos: tipoloxía da terra ou substrato, abonos, rego, enfermidades e posibles tratamentos.
Viticultura de precisión, mito ou realidade?
Marta Rodríguez Fernández, estudante de doutoramento na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, fálanos nesta charla (8´ 13´´) da viticultura de precisión e da aplicación das novas tecnoloxías no cultivo da vide.
Esta charla forma parte das sesións do DivulgaTerra 2020.
Entre luz e sombra
Vídeo (10' 25'') en que Tamara Franco Grandas nos presenta os resultados dos seus estudos sobre como inflúe no crecemento e na produción dos cereais a cantidade de luz que reciben. Estes traballos son relevantes porque a asociación cultivo-árbore estase presentando como unha posible ferramenta de adaptación e mitigación das condicións ambientais extremas que o cambio climático vai provocar en moitas rexións cerealeiras, ademais de conferirlle unha maior diversidade ao sistema produtivo e proporcionarlle máis garantías económicas ao produtor.
Esta charla forma parte das sesións do DivulgaTerra 2021.
Herbas boas contra malas herbas
Antonio Rigueiro cóntanos nesta charla divulgativa (13´ 21´´), presentada no DivulgaTerra 2017, como despois de anos controlando a flora das paredes da muralla romana de Lugo con sistemas mecánicos, físicos e químicos, decidiron investigar tratamentos con menores implicacións ambientais. Para iso, probaron no laboratorio produtos naturais derivados de plantas aromáticas para intentar inhibir a xerminación de sementes de Parietaria judaica L., a especie máis abundante e de control máis difícil. En paralelo, estudaron o posible efecto destes produtos naturais como inhibidores da xerminación de malas herbas dos cultivos agrícolas, co fin de recomendalos como herbicidas naturais para a agricultura ecolóxica.