O vindeiro 22 de marzo é o Día Mundial da Auga, unha data que a ONU conmemora anualmente para concienciar a sociedade sobre a necesidade dunha boa xestión dos recursos hídricos para a sostibilidade do planeta. Neste ano 2025, a maiores, ponse o foco na problemática específica dos glaciares, onde se acumula arredor do 70% da auga doce da Terra. Segundo os datos proporcionados pola propia ONU, case 2.000 millóns de persoas dependen da auga que provén do seu desxeo e das correntes das montañas para o consumo propio, a agricultura e a produción de enerxía, pero por outra parte, este proceso de desxeo acelorouse de tal xeito nos últimos anos (debido ao quecemento global) que as mudanzas no ciclo da auga volvéronse impredicibles, con consecuencias dramáticas a nivel mundial.
Desde Proxector convidámoste a visitar unha ducia de pezas audiovisuais que nos falan da auga, das súas características, das súas problemáticas e dalgúns dos seus múltiples aproveitamentos: natural, patrimonial, médico, turístico ou enerxético.
A auga: importancia e problemática
Neste vídeo divulgativo (2´ 26´´) fálannos da importancia estratéxica da auga para a preservación da biodiversidade do planeta e da seguridade alimentaria da humanidade, tratando de concienciarnos sobre a responsabilidade que temos como sociedade de facer un uso responsable e sostible deste ben tan prezado.
A peza forma parte dunha serie de pílulas divulgativas elaboradas no marco dun programa de concienciación sobre a pegada hídrica, impulsado pola Federación Galega de Medio Ambiente en colaboración coa Deputación de Pontevedra.
O glaciarismo na Terra. A paixaxe glaciar I
A existencia dos glaciares está determinada polas variacións do clima ao longo da historia da Terra, así como polas diferentes altitudes e latitudes. Neste vídeo dídáctico (9´43´´) descubrirás que tipos de glaciares existen, cales son as súas características e como lle está a afectar o quecemento global á paisaxe glaciar.
O vídeo foi elaborado polos membros do proxecto XeoClip 2019, integrado por Rocío Romar Roel, Alberto Fortes Novoa, Fernanda Molto Roibal e Xacobo de Toro Cacharrón.
Materiais complementarios: unidade didáctica sobre a paisaxe glaciar.
Os segredos da auga
Seguramente escoitaches algunha vez que arredor do 70% do noso planeta está formado por auga, pero sabías que o 70% do noso organismo tamén? Neste vídeo didáctico (8´ 54´´) da Domus ensínannos de xeito práctico algunhas das principais características da molécula máis importante da vida: a auga.
O ciclo da auga
Sabías que a auga do planeta está en circulación permanente? Neste vídeo didáctico (2´ 33´´) explícannos cal é o percorrido da auga desde que cae das nubes en forma de precipitacións ata que chega ao mar.
Esta peza audiovisual foi realizada pola Federación Galega de Medio Ambiente, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, no marco do seu do programa de concienciación sobre a importancia da pegada hídrica.
As propiedades da auga
Se estás a preparar a proba da ABAU, entre as cuestións que debes dominar está a das propiedades da auga. Neste vídeo didáctico (1´ 43´´) Marisa Castiñeira, profesora de Bioloxía e Xeoloxía no IES Rafael Dieste da Coruña, ofréceche un breve resumo do tema.
Esta peza forma parte da serie didáctica La Voz Explica, elaborada no marco de Prensa-Escuela, o programa educativo do xornal La Voz de Galicia.
Xeofísica da auga
Pedro Antonio Araújo Nespereira, decano da Facultade de Ciencias do Campus de Ourense (UVigo), fálanos nesta entrevista (25´ 18´´) das propiedades físicas da auga e dos seus beneficios para a saúde, aproveitando tamén para ofrecer unha breve panorámica sobre o desenvolvemento do termalismo na provincia de Ourense.
A entrevista está conducida por Gabriel Fuentes e producida pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación da Universidade de Vigo, co gallo da conmemoración do Día Mundial da Auga 2024.
A auga e as cores
Neste episodio de "Aquelando con chispa" (16´ 20´´) Manuel Vicente e David Ballesteros, coa colaboración do alumnado do Colexio Maristas de Vigo, fálannos das diferentes cores que pode ter a auga e da información que estas cores nos ofrecen en relación ao seu estado. A través da realización de experimentos, xogan coa temperatura da auga e as cores, coa capilaridade e coas densidades de diferentes substancias, e tamén nos ensinan en que consiste a cromatografía en papel.
Conversas co ecoloxismo: Fernando Cobo Gradín
Vídeo divulgativo (38´ 58¨) no que se reproduce unha conversa mantida en 2020 con Fernando Cobo Gradín, catedrático da USC e director naquel momento da Estación de Hidrobioloxía do Encoro do Con (EHEC). Na conversa fálase do estado ecolóxico dos ríos galegos, da xestión da auga no actual contexto de cambio climático, da lexislación sobre pesca fluvial, da concepción que a cidadanía ten dos ríos e das liñas de investigación da EHEC.
A enerxía da auga
Vídeo (4´ 40´´) de divulgación científica, difundido na canle GCiencia TV, sobre a enerxía hidroeléctrica, a renovable máis potente e que xera menos emisións. En concreto, preséntanse os proxectos que se están a desenvolver no Centro Internacional de Excelencia Hidráulica de Gas Natural Fenosa, situado no campus da Universidade de Vigo.
Turismo termal
Neste vídeo (21´ 55´´) o xornalista Gabriel Fuentes conversa con Elisa Alén González, docente na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo da Universidade de Vigo, sobre a importancia da auga e sobre o seu atractivo turístico, concretamente sobre o seu aproveitamento para o turismo termal.
A peza foi elaborada pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación da Universidade de Vigo co gallo da conmemoración do Día Mundial da Auga 2024.
O Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. Porta de Muíños
O Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés é un ecosistema que debe en boa medida a súa riqueza aos cursos de auga que o percorren. Neste vídeo divulgativo (6´ 18´´), elaborado pola Deputación de Ourense no marco do proxecto europeo “Valor Gerês-Xurés”, descubrirás concretamente o patrimonio cultural, natural e histórico da “Porta de Muíños”.
Unha moza científica na busca de auga potable
Despois de ver como algúns nenos e nenas da India teñen que beber unha auga tan sucia que nin sequera deberían tocar, Deepika Kurup comezou a interesarse pola crise mundial da auga. Neste vídeo de TED (7´ 59´´) esta científica adolescente cóntanos como desenvolveu un método de purificación de auga económico e ecolóxico, gañando con esta investigación un importante premio científico.
A tradución ao galego é de Pilar Brocos e foi galardoada co 1º premio da modalidade A (para a comunidade da USC) do certame TedSaúde 2023, que organiza a Universidade de Santiago de Compostela.

