O tempo, o clima e a auga

O 22 de marzo, Día Mundial da Auga, e o 23 de marzo, Día Meteorolóxico Mundial, a ONU chama a nosa atención sobre a importancia que a meteoroloxía, a climatoloxía e a hidroloxía teñen para o equilibrio medioambiental e o mantemento da biodiversidade do planeta.

Neste terceiro especial ofrecémosche unha selección cunha ducia de recursos audiovisuais que che axudarán a entender a importancia que o tempo, o clima e a auga teñen nas nosas vidas.

Por que teñen nome as borrascas?

Vídeo de divulgación científica (5´ 08´´), difundido na canle Naturiza, no que Diego Ferraz Castiñeiras che explica que é unha borrasca e cales son os diferentes nomes xenéricos que recibe dependendo de onde se forme. Tamén descubrirás o motivo polo que estes fenómenos atmosféricos de grande impacto teñen nome propio.

Que é o cambio climático e como nos afecta?

Vídeo (4´ 03´´) no que Iria Veiga e Javier Balea nos falan do cambio climático: que é, cales son as súas causas e como afecta ás nosas vidas. Descubrirás tamén en que consiste o efecto invernadoiro ou a que nos referimos ao falar de quecemento global.

Trátase da cuarta entrega da sección “Concienciadas”, espazo audiovisual de divulgación científica do xornal Praza Pública.


O cambio climático: o Tetris xigante da Terra

Vídeo de TED (2´ 48´´). Hai unha partida de Tetris desenvolvéndose a escala global: o espazo de xogo é a Terra, e todos eses molestos bloques que caen son dióxido de carbono -un gas de efecto invernadoiro que está acumulándose máis rapidamente a medida que imos queimando os combustibles fósiles que fan funcionar os nosos coches, fábricas e plantas eléctricas.

Joss Fong amosa de forma resumida como esta sobreprodución de CO₂ nos leva ao cambio climático, e lémbranos que, ao revés ca no Tetris, aquí non temos a oportunidade de parar a partida e volvela comezar.
Tradución ao galego de Xusto Rodríguez.

Cambio climático: o reto do século XXI

Neste vinculo externo poderas ver
Cambio climático: o reto do século XXI

Documental (15´ 29´´) sobre o cambio climático dirixido por Ruth Chao e Javier Silva no marco do proxecto de educación ambiental Climántica. No vídeo achéganse cifras e datos concretos que permiten afirmar que o cambio climático é o maior desafío ao que imos ter que enfrontarnos neste século. Diferentes expertos na materia explican as causas (naturais e industriais) que están a provocar este cambio, así como as consecuencias que tería para o planeta, e en concreto para Galicia, o feito de non revertelo.

Como obter bioplásticos a partir de augas residuais

Neste vinculo externo poderas ver
Como obter bioplásticos a partir de augas residuais

Vídeo (1' 46'') do proxecto "A Universidade responde" en que a profesora Anuska Mosquera Corral, do Departamento de Enxeñaría Química da USC, explica como se poden obter bioplásticos a partir das augas residuais que se xeran na industria ou no consumo doméstico.

A partir destes bioplásticos pódense facer bolsas, botes de xel ou xampú ou poden utilizarse en medicina para suturas ou válvulas cardíacas.

A saúde dos nosos océanos

Vídeo didáctico (7´ 21´´). É indubidable que o incremento do tráfico marítimo internacional favoreceu o desenvolvemento económico a nivel global. Non obstante, este incremento no fluxo de mercadorías polos mares do mundo tamén está a supoñer un incremento no risco de que se produzan verteduras accidentais de substancias nocivas e perigosas para o medio ambiente.

Por outra banda, a nosa sociedade tamén percibe cada vez máis axeitado conservar determinados ecosistemas mariños polas vantaxes que iso leva consigo. Non obstante, a nosa sociedade segue dividida no conflito derivado desa dualidade de preferencias: desenvolvemento económico versus conservación ambiental.

Climatoloxía e meteoroloxía

Vídeo didáctico (1´ 32´´), elaborado para o alumnado da ESO e bacharelato, no que os profesores Xacobo de Toro e Jorge Gutiérrez explican cal é a diferenza entre climatoloxía (ciencia que estuda os climas da Terra) e meteoroloxía (ciencia que estuda os fenómenos que teñen lugar na atmosfera).

Climas de España

Vídeo didáctico (2´ 31´´), elaborado para o alumnado da ESO e bacharelato, no que os profesores Xacobo de Toro e Jorge Gutiérrez explican o concepto de “clima” e as principais características de diversos climas existentes en España (clima oceánico, clima mediterráneo costeiro e clima mediterráneo continental). Como curiosidade, tamén descubrirás as peculiaridades do climograma de Cherrapunji, na India, como mostra da grande diversidade de climas que existen na Terra.



Por que Galicia é tan rica en augas termais?

Vídeo (1´ 10´´) de divulgación científica, difundido na canle GC TV do xornal GCiencia, que expón os motivos polos que Galicia é tan rica en captacións de auga termal. No noso territorio temos máis de 300 e algunhas delas levan funcionando máis de 2.000 anos.

Cárstico III. Formas endocársticas

Vídeo didáctico (6´ 56´´) sobre as chamadas formas endocársticas, é dicir, as cavidades subterráneas (galerías, simas, covas...) que vai creando lentamente a erosión da auga sobre as rochas calcarias. A través dunha viaxe pola Cova de Valporquero en León e a do Soplao en Cantabria, descubrirás os factores que condicionan o relevo terrestre, a diferenza entre os procesos xeolóxicos externos e os internos, e o sistema de circulación das augas subterráneas.

Vídeo-lección elaborada por Rocío Romar Roel e Xacobo de Toro, profesores de ensino medio, no marco do proxecto XeoClip.

Material didáctico complementario.

A paisaxe glaciar. Partes e acción glaciar

Vídeo didáctico (6´ 16´´) que che axudará a entender cales son as partes dun glaciar (circo,  lingua, morenas, crevasses, cristas e pico piramidal) e cal é a súa acción xeolóxica, tendo en conta que os glaciares son axentes erosivos dinámicos e moi potentes.  

Vídeo-lección elaborada por Rocío Romar Roel e Xacobo de Toro, profesores de ensino medio, no marco do proxecto XeoClip.

Baltasar Merino, botánico e meteorólogo do século XIX

Vídeo didáctico (4´ 41´´), elaborado pola Fundación Barrié, que fai un percorrido pola vida e obra do botánico e meteorólogo Baltasar Merino, a quen a Real Academia Galega de Ciencias elixiu como "Científico Galego 2017" para conmemorar ese ano o Día da Ciencia en Galicia.