Escoita o corazón

O 80% dos falecementos prematuros por enfermidades cardiovasculares (ECV) pode previrse con pequenos cambios no noso estilo de vida: alimentación, exercicio, control do estrés...

A Federación Mundial do Corazón e a Organización Mundial da Saúde insisten habitualmente nesta mensaxe, moi relevante debido á magnitude doutro dato: as ECV son a principal causa de morte no mundo. Matan anualmente máis de 20 millóns de persoas en países de ingresos medios e baixos.

Por tal motivo é polo que Proxector dedica este especial a un dos órganos do ser humano con menor capacidade de rexeneración: o corazón. Especialistas en cardioloxía, dermatoloxía, intelixencia artificial e fisioterapia ofrécennos un coñecemento multidisciplinar sobre as súas características, problemas e formas de protexelo. Unímonos dese xeito ao Día Mundial do Corazón, que ten lugar o 29 de setembro, incidindo, desde a divulgación científica, na relevancia da sanidade universal e a prevención persoal.

Disección de corazón

Vídeo didáctico (13´ 22´´) no que, desde o Laboratorio Aberto da Domus, nos amosan unha disección dun corazón de porco (o máis semellante ao órgano humano) para ensinarnos cal é a morfoloxía e como funciona o músculo máis forte que temos no noso organismo.

Como é a operación de transplante de corazón?

A diferenza do que acontece con outros órganos, como por exemplo a pel ou os ósos, o corazón ten unha capacidade reducida de autorreparación, por iso cando está moi danado a única solución médica é substituílo. Neste vídeo de TED (5´ 08´´) Roni Shanoada explícanos en que consiste a complexa cirurxía de transplante de corazón.

Tradución ao galego de Gisela Camolesi para #TedSaúde 2022.

Sinais do corazón

O xornalista Gabriel Fuentes entrevista a Juan José Crespo Sabarís, médico especialista en Medicina Familiar e Comunitaria no Centro de Saúde de Bembrive, e a Artemio Mojón Ojea, profesor da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo e investigador de atlanTTic, que nos falan da cronobioloxía e das consecuencias das alteracións nos ritmos circadianos para a nosa saúde cardiovascular.

Este vídeo (25´ 34´´) foi elaborado pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación da Universidade de Vigo, co gallo da conmemoración do Día Mundial da Saúde 2024.

Rehabilitación cardíaca

A rehabilitación cardíaca é o conxunto de intervencións físicas, psíquicas e sociais, dirixidas á recuperación do paciente cardíaco e á súa integración na sociedade. O Colexio de Fisioterapeutas de Galicia explícanos neste vídeo divulgativo (2´ 42´´) en que consisten os programas de rehabilitación cardíaca e cal é o papel concreto do/a fisioterapeuta nestes programas.

Unha nova forma de curar corazóns sen cirurxía

Vídeo de TED (9' 18''). Na intersección entre a invención médica e a cultura indíxena, o cardiólogo pediatra Franz Freudenthal remenda ocos nos corazóns de nenos de todo o mundo usando un dispositivo nacido da tecelaxe tradicional boliviana. "Os problemas máis complexos do noso tempo", di el, "poden solucionarse con técnicas sinxelas, se somos quen de soñar".

Tradución ao galego de Vanessa Montes para #TEDSAÚDE USC.

Os datos e a saúde cardiovascular

As enfermidades cardiovasculares son a principal causa de morte en todo o mundo e sabemos que unha elevada porcentaxe destas mortes poderían previrse con hábitos de vida saudable. Nesta entrevista (18´ 28´´) Xosé Antón Vila Sobrino, docente na Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo e investigador no Laboratorio de Intelixencia Artificial Aplicada (LIA2), fálanos da aplicación da IA na análise de datos cardíacos.

A entrevista está conducida por Gabriel Fuentes e producida pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación da Universidade de Vigo, co gallo da conmemoración do Día Mundial da Saúde 2024.

Pode o sol ser bo para o teu corazón?

Vídeo de TED (12’ 59’’) no que o dermatólogo Richard Weller explica que a luz solar, ademais de proporcionarnos vitamina D, favorece que a nosa pel libere óxido nítrico. Este feito beneficia a presión sanguínea e o sistema cardiovascular, o que explicaría que en zonas con menos incidencia da luz solar durante o ano se sufran máis cardiopatías.

Tradución de Sabela Rey.

Mensaxe do Servizo de Cardioloxía do CHUO

Vídeo divulgativo (2´ 20´´) no que o Servizo de Cardioloxía do Hospital Universitario de Ourense, coincidindo coa conmemoración do Día Mundial do Corazón do ano 2022, transmitiu unha serie de consellos orientados a que a poboación poida chegar a unha idade avanzada coa mellor saúde cardiovascular posible.

Podemos rexenerar o músculo cardíaco con células nai?

As cardiopatías son a principal causa de mortalidade no mundo, debido a que o corazón é un dos órganos do corpo que menos capacidade ten de rexeneración. Nesta charla TED (14´ 31´´) o doutor Chuck Murry fálanos da importancia de atopar formas de axudarlle ao músculo cardíaco a rexenerarse despois dunha lesión e comparte o proxecto no que está a traballar sobre o uso de células nai para xerar novas células do músculo cardíaco que poidan ser transplantalas aos corazóns de persoas que sufriron un ataque cardíaco.

Tradución ao galego de Marta Suárez para #TedSaúde 2022.

Existe relación entre o cancro e as enfermidades do corazón?

O cancro e mais as enfermidades cardiovasculares son as dúas principais causas de morte no mundo e, polo tanto, constitúen un problema de saúde pública de primeira magnitude. E se estas dúas enfermidades, que en principio parecen tan diferentes desde o punto de vista biolóxico, estivesen relacionadas? E se a clave para deter o cancro estivese no corazón? O cardiólogo Nicholas Leeper explícanos nesta charla de TED (15´ 20´´) como as orixes biolóxicas do cancro e das enfermidades cardíacas poden ser as mesmas e suxire a posibilidade de crear novas terapias que permitan tratar as dúas patoloxías ao mesmo tempo.

Tradución ao galego de Laura Anido para TedSaúde 2022.