Quecemento global: ameazas e oportunidades

A evidencia científica non deixa lugar a dúbidas: a principal causa do quecemento global é a actividade humana, concretamente, a queima de combustibles fósiles e a emisión de gases de efecto invernadoiro. Velaquí o reto: reverter o erro e converter as amezas en oportunidades. As ameazas témolas identificadas: continuo aumento das temperaturas, fenómenos meteorolóxicos extremos, inundacións, escaseza das colleitas... As oportunidades virán da man da educación ambiental, da conciencia cidadá e da innovación científica, sobre todo no eido da química verde.

Ás portas do Día Mundial da Acción fronte ao Quecemento Terrestre, que celebraremos o vindeiro 28 de xaneiro, convidámoste a visitar unha ducia de recursos que nos poñen en alerta sobre un futuro incerto, pero que tamén nos permiten asistir esperanzados/as á eclosión dunha nova ciencia ao servizo dun progreso sustentable e respectuoso co planeta.

O cambio climático: un fenómeno natural?

O cambio das temperaturas e dos padróns climáticos é unha realidade con consecuencias evidentes na nosa vida cotiá, pero son as causas destes cambios exclusivamente naturais, como algunha xente defende?

Neste vídeo divulgativo (4´ 03´´), pertencente á serie #Desmontandomitos de Gciencia, Gonzalo Míguez Macho, profesor de Física Atmosférica da USC, explícanos cales son as evidencias científicas que constatan que o actual quecemento global está provocado polo radical aumento de CO₂ na atmosfera.

Que é o cambio climático e como nos afecta?

Vídeo (4´ 03´´) no que Iria Veiga e Javier Balea nos falan do cambio climático: que é, cales son as súas causas e como afecta ás nosas vidas. Descubrirás tamén en que consiste o efecto invernadoiro ou a que nos referimos ao falar de quecemento global.

Trátase da cuarta entrega da sección “Concienciadas”, espazo audiovisual de divulgación científica do xornal Praza Pública.


A contaminación atmosférica. Introdución

Vídeo didáctico (2´ 01´´), dirixido a alumnado de educación secundaria, no que Xacobo de Toro explica en que consiste a contaminación atmosférica, cales son as diferentes causas que provocan a alteración da composición normal da atmosfera e que consecuencias ten esta contaminación para o planeta.

Conversas co ecoloxismo: Ramón Varela Díaz

Vídeo divulgativo (52´ 42¨) no que se reproduce unha conversa con Ramón Varela Díaz, doutor en Ciencias Biolóxicas, presidente de ADEGA entre 1981 e 1996 e autor da obra Contaminación atmosférica en Galiza (1994). Nesta conversa reflexiona sobre as seguintes cuestións: a situación de contaminación atmosférica de Galicia e a súa evolución, a crise das industrias electrointensivas, o peche do ciclo das térmicas galegas, a transición ecolóxica, a emerxencia climática, a política forestal do país e os lumes forestais.

O cambio climático: o Tetris xigante da Terra

Vídeo de TED (2´ 48´´). Hai unha partida de Tetris desenvolvéndose a escala global: o espazo de xogo é a Terra, e todos eses molestos bloques que caen son dióxido de carbono -un gas de efecto invernadoiro que está acumulándose máis rapidamente a medida que imos queimando os combustibles fósiles que fan funcionar os nosos coches, fábricas e plantas eléctricas.

Joss Fong amosa de forma resumida como esta sobreprodución de CO₂ nos leva ao cambio climático, e lémbranos que, ao revés ca no Tetris, aquí non temos a oportunidade de parar a partida e volvela comezar.
Tradución ao galego de Xusto Rodríguez.

O efecto invernadoiro

Vídeo didáctico (10´ 22") no que aprenderás a facer un sinxelo experimento na casa para evidenciar as consecuencias que ten na nosa atmosfera o fenómeno natural coñecido como "efecto invernadoiro".

A peza foi elaborada por Xacobo de Toro e Aida Alvela Louro, en colaboración co Salón do Libro de Pontevedra.

Cambio climático: o reto do século XXI

Neste vinculo externo poderas ver
Cambio climático: o reto do século XXI

Documental (15´ 29´´) sobre o cambio climático dirixido por Ruth Chao e Javier Silva no marco do proxecto de educación ambiental Climántica. No vídeo achéganse cifras e datos concretos que permiten afirmar que o cambio climático é o maior desafío ao que imos ter que enfrontarnos neste século. Diferentes expertos na materia explican as causas (naturais e industriais) que están a provocar este cambio, así como as consecuencias que tería para o planeta, e en concreto para Galicia, o feito de non revertelo.

O verán de 2022, extremos climáticos sen control?

Vídeo didáctico (1 h, 4 ´), dirixido a alumnado de educación secundaria, no que Francisco Díaz-Fierros Viqueira, catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola da USC, nos fala dos extremos climáticos que padecemos no verán de 2022 (provocados polo cambio climático) e de como as ciencias básicas poden axudar a predicir o clima.

Esta charla emitiuse en directo o 4 de novembro de 2022 con motivo do XIII Día da Ciencia en Galego, conmemoración promovida por Igaciencia.

Cambio climático e sistema alimentario

Vídeo didáctico (43´ 54´´), dirixido a alumnado de secundaria, emitido en directo o 28 de novembro de 2022 con motivo do XIII Día da Ciencia en Galego, conmemoración promovida por Igaciencia.

Nesta charla, o enxeñeiro químico Luis Díaz Allegue, que traballa actualmente en ANFACO como responsable de proxectos no eido da economía circular e a sustentabilidade, fálanos dos retos que supón o cambio climático para a seguridade alimentaria mundial, pois as mudanzas a longo prazo de temperatura, humidade e padróns de precipitacións, así como a frecuencia de fenómenos meteorolóxicos extremos, están afectando ás prácticas agrícolas e á calidade nutricional dos cultivos.

Coches de hidróxeno

Un dos obxectivos da enxeñaría química é o desenvolvemento de novos materiais ou tecnoloxías, unha liña de traballo de gran relevancia para o ámbito medioambiental. Neste vídeo divulgativo (3´ 17´´) Iván Rego Camiño, Antón Vázquez Seoane e Samuel Santiago Pose explícannos como o uso do hidróxeno como fonte de alimentación nos vehículos modernos podería axudar a combater o principal problema ambiental que temos na actualidade: o quecemento global.

Esta foi unha das pezas gañadoras do I Concurso de vídeos sobre enxeñaría informática e química, organizado en 2022 pola Comisión de Normalización Lingüística da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC.

Obtención de hidróxeno mediante a electrólise da auga

Vídeo de divulgación científica (3´) no que Adriana Barros Martínez, Ana López Blanco, Nuria Vázquez Galiñanes e María Isabel Velo Heleno, despois de expoñer os 12 principios nos que se fundamenta a química verde, explican como pode producirse hidróxeno verde empregando fontes de enerxías renovables.

Esta peza obtivo o primeiro premio do "I Concurso de vídeos divulgativos en galego de química sostible", organizado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Química da USC.

Química verde. Creación de combustibles usando CO₂

Vídeo de divulgación científica (2´ 46´´) no que Laura Rodríguez Novoa nos explica como é posible obter combustible a base de dióxido de carbono, empregando ácido fórmico como forma de almacenaxe da enerxía. Trátase dun proceso que nos permite reciclar constantemente o dióxido de carbono, un dos principais responsables do efecto invernadoiro, promovendo deste xeito a filosofía da química verde, sostible e respectuosa co medio.

Esta peza obtivo o terceiro premio do "I Concurso de vídeos divulgativos en galego de química sostible", organizado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Química da USC.