O 28 de marzo de 1895, en París, os irmáns Lumière presentaron ao público o seu cinematógrafo. En 1897, chegou a Pontevedra, nunha xira que continuou por Vigo, Tui, A Coruña, Ferrol e Lugo. Á par, José Sellier mercoulles un aparello aos Lumière e non só comezou a exhibir cintas de forma estable na Coruña, senón que produciu a que se considera a primeira filmación galega. O invento chegou rápido a Galicia e hoxe vive un momento imparable.
O cinema galego non deixa de admirarnos, mesmo sendo comúns os seus trunfos nos certames internacionais máis prestixiosos: Sundance, os Óscar, Cannes... Hai pouco, Jaione Camborda recibía a Cuncha de Ouro do Festival de Donostia polo filme O corno; logo viría un Goya para a súa intérprete, Janet Novás, e outro para To bird or not to bird como mellor curtametraxe.
Son só exemplos simbólicos dun sector cultural que lidera a animación e que con apostas como O que arde fixo da lingua galega unha opción nas salas de cine. No especial deste mes, podedes ver e escoitar os profesionais que están diante e detrás das cámaras, nos múltiples procesos de elaboración e produción dun filme, pero tamén na parte analítica do sector, con reflexións que vos van sorprender.
Os 20 do XX. Vinte no cinema
Vídeo divulgativo (8´ 43´´), dirixido por Antón Varela e locutado por Lucía Aldao, sobre o cinema galego dos anos 20 do século XX. Nesta década consolídase o cinema como fenómeno de masas, acadando unha importante función socioeconómica. En Galicia abríronse máis de cen salas de exhibición en cidades e vilas, e apareceron tamén empresas produtoras e cineastas pioneiros como Enrique Barreiro. Son os anos nos que as producións de Hollywood acaparan a hexemonía do mercado, que deixa atrás o formato serial da década anterior e dá paso ás sesións que inclúen unha longametraxe e un filme de curta duración. Neste pequeno documental descubrirás como acolleron os medios de comunicación da época o predominio do cinema como modelo de lecer para a sociedade galega, e como influíu esta industria na vida social e económica do país.
Aprendo con Olloboi 1. A vida dunha película
Vídeo didáctico (26´ 45´´) , dirixido a alumnado de secundaria, no que os realizadores de cinema Alfonso Zarauza e Jaione Camborda nos explican en que consisten as diferentes fases do proceso audiovisual, desde a preprodución ata a distribución, pasando polas fases creativas intermedias.
Esta peza elaborouse ao abeiro do proxecto "Aprendo con Olloboi", unha iniciativa didáctica deseñada para difundir o audiovisual galego nas aulas.
Material complementario: introdución para profes, propostas de actividades e prácticas.
O cinema de baixo orzamento
Vídeo didáctico (9´ 48´´) sobre o cinema de baixo orzamento, no que se presenta unha historia breve destas prácticas audiovisuais con exemplos de cineastas que realizaron os seus filmes cun presuposto limitado.
Esta peza, pertencente á serie "Pílulas de coñecemento" da USC, foi elaborada por Marta Pérez Pereiro, Cibrán Tenreiro Uzal, Clara García Nieto e Enrique Castelló Mayo
Aprendo con Olloboi 9. O noso audiovisual
Vídeo didáctico (31´ 39´´), dirixido a alumnado de secundaria, no que o guionista
Carlos Ares e a produtora Beli Martínez fan un percorrido pola historia e o panorama actual do audiovisual galego, salientado a súa riqueza e diversidade.
Esta peza elaborouse ao abeiro do proxecto "Aprendo con Olloboi", unha iniciativa didáctica deseñada para difundir o audiovisual galego nas aulas.
Material complementario: introdución para profes, propostas de actividades e prácticas.
A dobraxe en galego: un modelo de normalización
Documental de carácter didáctico (55´ 47´´) sobre a dobraxe en galego, no que diferentes profesionais (do eido audiovisual, da tradución ou da lingüística) reflexionan sobre o papel que xogou a dobraxe de películas e series de televisión en Galicia no proceso de normalización do idioma galego.
A peza está elaborada por Nordesía Producións ao abeiro do Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021-2022.
A teoría do triplo corte
Vídeo divulgativo (3´ 07´´) no que Sara Calvete Lorenzo, doutoranda do Grupo de Estudos Audiovisuais da USC, nos presenta o obxecto da súa tese, centrada no corte dos corpos femininos no cinema, especialmente nas películas de terror e ciencia ficción. Para estudar este concepto tan amplo e difuso Sara Calvete bota man da teoría do triplo corte (de creación propia), que é a que lle dá nome á súa tese. Na súa exposición explícanos cales son exactamente os fundamentos desta teoría.
Esta peza audiovisual recibiu o Premio de Excelencia de Divulgación Científica na primeira edición do concurso "Teses en tres minutos", que organizou a Universidade de Santiago de Compostela en 2022.
Subtitulado e accesibilidade creativa
Clase maxistral (41´ 48´´) na que Pablo Romero Fresco, cineasta e docente do Departamento de Tradución e Lingüística da UVigo, nos fala do actual divorcio que existe no ámbito cinematográfico entre os procesos de produción e os procesos de tradución e accesibilidade. Pablo Romero reivindica na súa exposición a idea do "cine accesible" (que é aquel que ten en conta a tradución e a accesibilidade durante o propio proceso de produción cinematográfica), así como a importancia dos subtítulos e da accesibilidade creativa como carta de presentación do produto audiovisual.
Esta peza forma parte do proxecto audiovisual Expande Cans, realizado pola Asociación Cultural e Deportiva do Porriño Arela, ao abeiro do Fondo de proxectos culturais en lingua galega Xacobeo 2021-2022.
Reescrituras literarias
Moitos dos filmes que chegan ás nosas pantallas son adaptacións cinematográficas de obras literarias creadas previamente, pero sabías que o proceso tamén pode darse á inversa?
Neste vídeo divulgativo (5´) Rocío G. Pedreira, profesora da Área de Didáctica da Lingua e da Literatura na USC, explícanos en que consisten as reescrituras literarias de películas, un fenómeno que ten especial relevancia no ámbito da literatura infantil.
Microbioloxía e cine. O caso da resistencia aos antibióticos
Isidro García Meniño, investigador no Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía da USC, fálanos neste vídeo (10´ 56´´) da resistencia bacteriana aos antibióticos: a situación actual, as perspectivas futuras e a abordaxe do problema desde a perspectiva “one health” (unha única saúde), poñendo o foco no aproveitamento pedagóxico e divulgativo do cine para transmitir esta problemática á sociedade.
A charla forma parte das sesións do programa DivulgaTerra 2020, organizado pola Universidade de Santiago de compostela.
Fluxos migratorios, realidade e ficción: unha reflexión sobre a representación das migracións nos audiovisuais
Vídeo (8´ 23´´) no que Daniel Vázquez Vila fala sobre como a representación que as producións audiovisuais fan dos migrantes e dos fluxos migratorios transnacionais inflúe na percepción que deles ten a cidadanía. Por iso, na súa intervención compara a realidade dos movementos migratorios coa representación que deles aparece na pequena e na gran pantalla, coa intención final de reflexionar sobre ela e contribuír a reforzar as políticas multiculturais.
Esta charla forma parte das sesións do DivulgaTerra 2021.