Como contan no vídeo Que che ensinou a química?, a química está en todo, abrangue moitas áreas de coñecemento. Por iso en Proxector atopamos un feixe de pezas audiovisuais que presentan contidos tan variados baixo o eixo da química.
No ámbito biolóxico e da saúde, no vídeo de Carmela Cela ponse en relevo a transcendencia das cadeas de reaccións químicas controladas que suceden no noso organismo para manternos con vida.
Grazas á investigación de moitos químicos, como Ignacio Ribas, sabemos que podemos modular esas reaccións inxerindo distintos compostos activos. No vídeo da RAGC repásase como Ribas foi un referente mundial, dende a súa cátedra na Universidade de Santiago, na extracción de produtos naturais con aplicacións farmacolóxicas a partir de especies vexetais autóctonas.
Entre estes compostos, a investigación atopou que, nalgunhas ocasións, tiñámolos na aparencia coa mesma fórmula pero actividades contrapostas: os isómeros. O concepto de isomería está explicado con sinxeleza nun dos vídeos desta escolla.
A humanidade leva dende a súa orixe acumulando coñecemento sobre aqueles compostos que nos curaban ou reducían a dor das lesións. Lara Rouco repasa no vídeo titulado O ouro... só nas xoias? a actividade farmacolóxica dun dos elementos que máis fascinación xerou aos humanos.
Outras veces atopámonos con compostos ou elementos cun efecto prexudicial para os organismos. Na escolla tamén se fala dos problemas da intoxicación con chumbo que deriva nun envelenamento coñecido como saturnismo. No magnífico docudrama co título O radio e Marie Curie, gañador do concurso O meu elemento, tamén se trata tanto o lado escuro do radio como se comenta como a radioterapia ten salvado moitas vidas.
A radioactividade causou a anemia aplásica que truncou a vida de Marie Sklodowska-Curie debido á exposición ao radio durante a súa investigación no laboratorio. O certo é que a experimentalidade constitúe a cerna da química, o coñecemento constrúese a partir do traballo no laboratorio. En Proxector atopamos múltiples pezas de desenvolvemento de prácticas e técnicas de laboratorio, moitas delas ligadas ao Proxecto Funil do grupo CienciaNOSA. Como exemplo, temos o vídeo Técnica de destilación por arrastre con vapor, cun título menos suxestionable ca outros pero que acumula centos de miles de visitas. Tamén a Sociedade Xuvenil Galega de Química ten elaborado vídeos atractivos de experimentación como o da Extracción de cafeína a partir de grans de café.
A química tamén quere dar resposta a algúns dos retos actuais da humanidade, en particular no eido das enerxías renovábeis. Unha das propostas de Proxector convídanos a aprender da fotosíntese das plantas para xerar un combustible renovábel como é o hidróxeno. Noutro dos vídeos explícannos o proceso de obtención deste elemento mediante a electrólise da auga. Outra vía é valorización dun contaminante como é o CO₂ para producir un combustible como o ácido fórmico.
En definitiva, estes e outros moitos vídeos de Proxector axúdannos a aproximarnos a esta ciencia central, case sempre de xeito ameno e divulgativo, e comprobar as súas múltiples implicacións nos procesos que nos envolven.
Marcelino Maneiro Maneiro
Profesor de Química Inorgánica da Universidade de Santiago de Compostela
Que che ensinou a química?
Vídeo divulgativo (1´ 04´´) no que Aly Castillo Zamora e Laura Rubio Lareu nos contan, cun chisco de humor, que cousas novas aprenderon grazas aos seus estudos de química.
Este foi un dos traballos premiados na primeira edición do concurso "Petiscos de ciencia" (2022), organizado pola Facultade de Ciencias e o Servizo de Normalización Lingüística da USC.
Cinco reaccións bioquímicas que te manteñen con vida
Que nos diferencia aos seres vivos dunha inerte boneca de plástico? Neste vídeo divulgativo (15´ 28´´) a bioquímica Carmela Cela explícanos que a resposta está nas reaccións bioquímicas, responsables de que nos manteñamos con vida. En concreto, fálanos destas cinco: a respiración celular ou cadea de transporte electrónico, a fotosíntese, a transmisión do impulso nervioso, a contracción muscular e o metabolismo.
Ignacio Ribas Marqués, o gran valedor dos produtos naturais autóctonos
En 2016 a Real Academia Galega de Ciencias nomeou a Ignacio Ribas Marqués (Palma de Mallorca, 1901 - Santiago de Compostela, 1996) "Científico Galego do Ano". Neste vídeo divulgativo (13´ 13´´) coñecerás os datos máis salientables da vida e a obra deste científico, considerado o impulsor da química orgánica en Galicia grazas aos seus traballos sobre a obtención de produtos naturais a partir de especies vexetais autóctonas.
Teleciencia: isomerías espaciais
Vídeo divulgativo (1´ 31´´) no que Noelia García Liñares e Eugenia Saavedra Guerra, alumnas do IES Plurilingüe Pintor Colmeiro de Silleda, nos explican que é unha isomería espacial e en que consisten os dous tipos de isomería existentes: a isomería xeométrica e a isomería óptica.
Este foi un dos traballos finalistas da primeira edición do concurso "Petiscos de ciencia" (2022), organizado pola Facultade de Ciencias e o Servizo de Normalización Lingüística da USC.
O ouro… só nas xoias?
Lara Rouco Méndez, doutoranda na Facultade de Ciencias da USC, fálanos nesta charla divulgativa (7´ 31´´) do ouro, un metal de transición que, malia ser un ben escaso (razón pola que o seu valor é tan alto), está distribuído por todo o planeta. Despois de facer unha breve introdución sobre os usos principais deste metal, Lara explícanos máis polo miúdo en que consiste a crisoterapia: o emprego do ouro no ámbito farmacéutico con fins terapéuticos.
Esta charla forma parte das sesión do DivulgaTerra 2020.
O saturnismo
Vídeo divulgativo (1´ 30´´) no que Irene González Calvo e Raquel González Calvo, alumnas do IES Plurilingüe Adormideiras (A Coruña), nos falan do saturnismo, unha enfermidade causada pola intoxicación por chumbo. Descubrirás en minuto e medio cales son os motivos do seu nome, cales son os efectos deste envelenamento no noso organismo e que relación ten esta enfermidade coa arte.
Este foi un dos vídeos premiados na primeira edición do concurso "Petiscos de ciencia" (2022), organizado pola Facultade de Ciencias e o Servizo de Normalización Lingüística da USC.
O radio e Marie Curie
Vídeo divulgativo (1´ 29´´) no que se expón, dun xeito moi orixinal, a relación de Marie Curie cun elemento químico, o radio (Ra), descuberto en 1998 por ela mesma e mais o seu marido, Pierre Curie.
A peza, elaborada por Nayra Vázquez Mata, Nicolás Castro Parada e Manuel Rodríguez Cortés, alumnado do CPR Santiago Apóstolo de Narón, recibiu en 2019 o primeiro premio do concurso "O meu elemento", organizado pola Facultade de Ciencias, o grupo de innovación CienciaNOSA e o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.
Técnica de destilación por arrastre con vapor
Vídeo (8 min 30 s) dunha práctica de laboratorio asociada ao proxecto funil.gal. A destilación por arrastre con vapor é unha técnica que permite separar substancias de elevado punto de ebulición, pero que non se poden quentar a altas temperaturas porque se descompoñen. O aparello necesario para este proceso é o dunha destilación. Aprovéitase o feito de non ser solubles na auga as substancias para poderen ser arrastradas polo vapor e, logo, separalas.
Este recurso foi incorporado a Proxector por Marcelino Maneiro.
Extracción de cafeína
Vídeo (4' 59'') elaborado pola Sociedade Xuvenil Galega de Química no que se explica como se realiza o proceso de extracción da cafeína a partir de grans enteiros de café.
Fotosíntese artificial: unha solución á problemática enerxética actual
Vídeo divulgativo (1´ 12´´) no que María Moreno Pérez nos explica o concepto de "fotosíntese artificial", un proceso de xeración de hidróxeno a partir de fontes renovables e sostibles.
Este foi un dos traballos finalistas da primeira edición do concurso "Petiscos de ciencia" (2022), organizado pola Facultade de Ciencias e o Servizo de Normalización Lingüística da USC.
Obtención de hidróxeno mediante a electrólise da auga
Vídeo de divulgación científica (3´) no que Adriana Barros Martínez, Ana López Blanco, Nuria Vázquez Galiñanes e María Isabel Velo Heleno, despois de expoñer os 12 principios nos que se fundamenta a química verde, explican como pode producirse hidróxeno verde empregando fontes de enerxías renovables.
Esta peza obtivo o primeiro premio do "I Concurso de vídeos divulgativos en galego de química sostible", organizado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Química da USC.
Química verde. Creación de combustibles usando CO₂
Vídeo de divulgación científica (2´ 46´´) no que Laura Rodríguez Novoa nos explica como é posible obter combustible a base de dióxido de carbono, empregando ácido fórmico como forma de almacenaxe da enerxía. Trátase dun proceso que nos permite reciclar constantemente o dióxido de carbono, un dos principais responsables do efecto invernadoiro, promovendo deste xeito a filosofía da química verde, sostible e respectuosa co medio.
Esta peza obtivo o terceiro premio do "I Concurso de vídeos divulgativos en galego de química sostible", organizado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Química da USC.