10 de decembro de 1948, a ONU proclama a Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Foi o primeiro documento legal en asegurar a protección dos dereitos e liberdades fundamentais que temos todas as persoas polo feito de existir e permanece aínda na base de toda lexislación internacional neste ámbito.
Desde o esencial, o dereito á vida, ata os dereitos á alimentación, á educación, ao traballo, á saúde ou á liberdade, os dereitos humanos son inherentes a todos e todas nós, con independencia de nacionalidades, xénero, orixe étnica, cor, relixión, idioma ou calquera outra condición. Máis é doado comprobar como millóns de persoas non ven protexidos estes seus dereitos e seguen agardando que deixen de ser promesas. Asia, África e América Latina son as zonas onde aínda cómpren grandes esforzos para preservar os uns mínimos básicos, o que non significa que, sen ollar tan lonxe, ao noso carón, non vaiamos atopar persoas en situación de desamparo.
A selección que poderás consultar a continuación recolle análises, crónicas e reflexións relacionadas con dereitos gravemente ameazados, como a educación ou a saúde. Os e as especialistas que interveñen nestes audiovisuais tamén dirixen a súa ollada a factores que xogan en contra dos esforzos por virar esta fráxil situación: as guerras, as migracións , o racismo e a discriminación das mulleres.
Obxectivos de desenvolvemento sostible
Vídeo didáctico (2´ 48´´) no que o alumnado de 3º da ESO do IES Antón Alonso Ríos (Tomiño) nos ofrece unha breve introdución sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), aprobados pola ONU en 2015 no marco da Axenda 2030. Trátase de 17 obxectivos, relacionados entre si, que buscan un futuro sostible para todos e todas, achegando as liñas mestras para encarar desafíos globais coma a pobreza, a desigualdade, o clima, a degradación ambiental, a prosperidade, a paz e a xustiza.
Educación para a Cidadanía Global. Módulo 1. Achegamento ao concepto de ECG. Parte 2
Segunda parte do módulo 1 do curso aberto “Educación para a cidadanía global: unha mirada desde a práctica”, organizado pola Universidade da Coruña en 2023.
Se xa tiveches ocasión de ver a primeira parte deste módulo, na que se ofrecía unha aproximación histórica ao concepto de “educación para a cidadanía global”, neste segundo vídeo (5´ 09´´) poderás afondar nas dimensións do seu enfoque educativo, no abano de temáticas que se poden traballar e nas propostas metodolóxicas máis axeitadas para a súa implementación.
Outros vídeos da serie:
-Educación para a Cidadanía Global. Módulo 0. Presentación
-Educación para a Cidadanía Global. Módulo 1. Achegamento ao concepto de ECG. Parte 1
-Educación para a Cidadanía Global. Módulo 2. A introdución da ECG na escola. Parte 1
-Educación para a Cidadanía Global. Módulo 2. A introdución da ECG na escola. Parte 2
-Educación para a Cidadanía Global. Módulo 3. Experiencias: Educación Infantil. Parte 1
-Educación para a Cidadanía Global. Módulo 3. Experiencias: Educación Infantil. Parte 2
-Educación para a Cidadanía Global. Módulo 3. Experiencias: Educación Primaria
-Educación para a Cidadanía Global. Módulo 3. Experiencias: Educación Secundaria
Cancelo Agra
Sétimo capítulo (4´ 32´´) da serie web de ficción Sophias, que che permitirá achegarte á muller máis importante da filosofía galega, María Xosé Agra. O seu pensamento está centrado na idea de xustiza e igualdade e tamén é un referente polo seu labor na documentación, investigación e divulgación dos movementos feministas e de diversidade de xénero en Galicia.
Esta peza pon o ramo á serie web Sophias, elaborada polo Consello da Cultura Galega co obxectivo de crear recursos audiovisuais que axuden a divulgar no ámbito do ensino as ideas das mulleres filósofas.
Como se pode cuantificar o grao de segregación dun grupo social?
Vídeo divulgativo (1´ 16´´) no que Coral del Río, coordinadora do grupo ECOSOT da Universidade de Vigo, nos explica como se pode cuantificar o grao de segregación dun grupo social, un concepto básico para poder comprender as orixes e identificar as consecuencias da desigualdade e da exclusión social.
Por que os civís sofren máis cando xa rematou a guerra
Vídeo de TED (14' 21''). Por raro que pareza, nunha guerra non é a violencia a principal asasina de civís, senón as enfermidades, a fame e a pobreza. Isto é así porque a guerra destrúe as institucións que fan que a sociedade funcione (servizos, bancos, sistema alimentario, hospitais...). A doutora Margaret Bourdeaux propón un enfoque valente para garantir a recuperación unha vez rematado o conflito, e establece prioridades sobre o que se debería arranxar en primeiro lugar.
Tradución de Noelia Bernárdez Alonso para #TEDSAÚDE USC.
As mulleres migrantes terman do mundo
Documental (54´ 59´´) no que catro xeracións de mulleres migrantes falan sobre a súa contribución á supervivencia e ao benestar familiar, así como sobre o desigual reparto do peso dos coidados, na localidade galega de Burela e na illa caboverdiana de Santiago.
O documental está realizado por Agareso, co apoio da Universidade da Coruña, e dirixido por Sonia Díaz e Óscar Vázquez.
Como conseguín que os talibáns non pechasen a miña escola
Sakena Yacoobi cóntanos nesta charla de TED (17´ 03´´) que tivo lugar en 2005 como impartiu docencia na clandestinidade en Afganistán cando os talibáns pecharon todas as escolas para nenas do país. Pola súa propia experiencia persoal, Sakena (que tivera a sorte de poder acceder ao ensino universitario nos Estados Unidos) sabía que o acceso á educación transforma para ben a vida das persoas, polo que durante o réxime talibán decidiu crear escolas clandestinas para que os nenos e nenas do seu país puidesen ter acceso a unha educación digna, formando primeiro aos/ás educadores/as en valores coma os dereitos humanos, a igualdade de xénero e a democracia. Sakena cóntanos a sorprendente historia de como uns rapaces talibáns que adoitaban ameazala polo feito de estar a educar a mulleres, pasaron a converterse nos seus colaboradores despois de que ela os convidase a asistir ás súas clases. Isto demostra que é imprescindible contar tamén cos homes nos proxectos educativos baseados na igualdade de xénero, porque a educación é a ferramenta máis poderosa para transformar o pensamento das persoas.
Tradución ao galego de Sara Dosil Amor.
Como a escola pública americana mantén aos nenos na pobreza
Vídeo de TED (13´ 50´´) no que Kandice Sumner nos conta como nos Estados Unidos a circunstancias socioeconómicas do alumnado son determinantes no seu futuro educativo. Baseándose na súa experiencia como docente na escola pública, reflexiona sobre a desigualdade das condicións educativas que teñen os/as fillos/as de familias acomodadas, que poden permitirse ir a centros dotados dos recursos axeitados (biblioteca, instalacións deportivas ben equipadas, patios seguros...) e os nenos/as de clase socioeconómica baixa (nomeadamente os da comunidade negra), que non teñen acceso nas súas escolas aos mesmos recursos nin ferramentas pedagóxicas. Kandice Sumner convida ás institucións educativas a que invistan os recursos necesarios para que todo o alumnado poida ter acceso a unha educación de calidade, independentemente do lugar no que resida ou da cor da súa pel.
Tradución ao galego de Enara Caride.
Obesidade + Fame = 1 problema alimentario global
Vídeo de TED (9' 44''). Para Ellen Gustafson, cocreadora das bolsas filantrópicas FEED, a fame e a obesidade son dúas caras da mesma moeda. Nesta charla lanza The 30 Project, un intento de cambiar nun prazo de 30 anos a forma en que cultivamos e comemos, e de resolver de paso as desigualdades alimentarias globais que están detrás de ambas as epidemias.
Tradución ao galego de Jenifer Rey Vieira para #TEDSAÚDE USC.
O problema da medicina baseada na raza
Vídeo de TED (14’ 36’’) no que Dorothy Roberts, defensora da xustiza social e experta en Dereito, expón que a raza é a base de presuncións biolóxicas falsas que inflúen na diagnose e nos tratamentos médicos. O problema coa medicina baseada na raza vai máis aló, pois distrae a atención e causa graves diferenzas sociais en cuestións de saúde.
Tradución de Miguel Vieito.
As orixes do blackface e dos estereotipos negros
Vídeo de TED (6´ 43´´) no que Dwan Reece, conservadora no Museo Nacional da Historia e da Cultura Afroamericana, nos fala do blackface (imitación de persoas de ascendencia africana mediante estereotipos e pel escurecida por maquillaxe), explicando cal é a orixe desta práctica que impregnan a psique e a cultura americana (no teatro, na música, na literatura...) e por que non debemos considerala unha diversión inofensiva, senón un legado de opresión.
Tradución ao galego de Zaira González Lago.
Fluxos migratorios, realidade e ficción: unha reflexión sobre a representación das migracións nos audiovisuais
Vídeo (8´ 23´´) no que Daniel Vázquez Vila fala sobre como a representación que as producións audiovisuais fan dos migrantes e dos fluxos migratorios transnacionais inflúe na percepción que deles ten a cidadanía. Por iso, na súa intervención compara a realidade dos movementos migratorios coa representación que deles aparece na pequena e na gran pantalla, coa intención final de reflexionar sobre ela e contribuír a reforzar as políticas multiculturais.
Esta charla forma parte das sesións do DivulgaTerra 2021.